A Coruña.- O exdeputado autonómico do PSOE galego Martín Seco leva expedientado e ameazado de expulsión desde novembro de 2022 por dicir nun pleno do Parlamento de Galicia que o seu voto e o dos seus compañeiros a favor dunha iniciativa do Partido Popular debeuse a que acataron a disciplina de grupo por unha decisión da dirección autonómica do partido.
O afectado, que nega a gravidade dos feitos que a dirección socialista lles atribúe, pediu o arquivo do expediente, do que non recibiu comunicación algunha nos máis de dous anos transcorridos desde a súa apertura.
O 28 de setembro de 2022, Seco defendeu desde a tribuna de oradores do Parlamento galego a postura do PSOE fronte a unha proposta de lei do PP sobre áreas empresariais. Criticou a falta de xestión da Xunta na materia, pero anunciou que o seu grupo a apoiaría porque non quería poñer «paus nas rodas» do proxecto e porque a dirección autonómica do seu partido trasladara aos seus deputados, que se mostraron moi críticos coa norma na comisión que o elaborou, que debían votar a favor.
A súa intervención pódese ver neste enlace.
Ao día seguinte, a executiva dos socialistas galegos, que encabezaba o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, anunciou que abriría expediente a Seco por «menoscabar a imaxe do partido», ao considerar que a súa intervención constituía unha falta moi grave. Pediron a Ferraz que decretase a suspensión cautelar da súa militancia e trasladaron o caso á comisión federal de garantías.
«Máis fóra que dentro» do partido
O entón secretario de Organización, o tenente de alcalde da Coruña, José Manuel Lage Tuñas, chegou a dicir que Seco, exsecretario local e exconcelleiro en Arteixo (A Coruña), estaba «máis fóra que dentro» do PSOE.
O exdeputado forma parte da ala caballerista do PSdeG, formada polos afíns ao exsecretario xeral Gonzalo Caballero, quen dous anos antes perdera as primarias contra González Formoso. Os críticos do partido consideraron entón que o expediente contra Seco formaba parte da campaña da nova dirección para laminar cargos, militantes e traballadores da formación que apoiaran o seu antecesor.
No escrito que enviou ás secretarias de organización galega e estatal reclamando o arquivo do expediente –os estatutos do PSOE establecen que as faltas moi graves prescriben aos 18 meses–, Seco defende que os feitos dos que o acusan non son verdade e que a súa actuación non debería ser obxecto de sanción algunha.
Lembra ademais que enviou un dossier coa documentación que o proba sen obter resposta, e que foi a propia dirección federal a que materializou as discrepancias de fondo coa proposta do PP das que o acusan, cando o Goberno de Pedro Sánchez forzou que se cambiasen varios aspectos da citada norma.
Ataque sen xustificación
O exdeputado reclama ademais «o resarcimento público» polos danos á súa imaxe. «A miña honra e dignidade como militante, cargo público e institucional do PSdeG foron atacadas publicamente sen xustificación algunha».
A dirección do PSdeG, que hoxe encabeza José Ramón Gómez Besteiro con Luis Ángel Lago Lage como substituto de Lage Tuñas á fronte da secretaría de organización, non explicou se houbo avances no expediente a Seco, pero si asegurou que a súa petición para que se arquive o caso e se lle ofrezan desculpas «está a seguir o seu curso».
«Informaráselle puntuamente da resolución unha vez que se adopte unha decisión respecto diso, de acordo cos procedementos establecidos», informaron fontes próximas a Gómez Besteiro.
Luzes-Público dirixiuse tamén á secretaría de comunicación estatal do partido para obter a súa versión e saber en que estado de tramitación se atopa o expediente, así como se a comisión de garantías analizou o caso nos últimos dous anos. Á hora na que se terminou de escribir este artigo non obtivera resposta.