Os historiadores desmontan ao deputado do PP que negou asasinatos franquistas na illa de San Simón

A Coruña.- Historiadores e colectivos de memoria histórica de Galicia veñen de desmontar a tese do deputado autonómico do PP José Luis Ferro Iglesias,  quen dixo que no campo de exterminio franquista da illa de San Simón non se produciron mortes. Segundo os datos documentados polos expertos, houbo polo menos 463 falecementos de republicanos, fusilados, paseados ou que pereceron polas feridas derivadas das torturas e malos tratos que recibiron, ou pola fame e as enfermidades que lles causaron as condicións inhumanas nas que foron recluídos.

A illa de San Simón funcionou como penal entre 1936 e 1943 e polas súas celas pasaron máis de 6.000 presos. Moitos deles eran anciáns enviados a morrer alí desde cárceres de toda España. Primeiro polos militares sublevados no golpe de estado de Francisco Franco e despois polo Goberno da ditadura.

Ferro, exsacerdote e exalcalde de Celanova (Ourense), asegurou a semana pasada nunha comisión do Parlamento de Galicia, en resposta a unha iniciativa do PSOE sobre memoria histórica, que non hai constancia de que en San Simón houbese mortes de represaliados. A pesar de que a Xunta si admite nas súas notas de prensa que a illa foi «un campo de concentración» de vítimas da represión franquista, o PP de Alfonso Rueda non pediu a Ferro que rectifique as súas palabras nin as desautorizou.

«Está fóra de toda duda que houbo represión en San Simón, pero a cuestión do número concreto de vítimas ou de como se produciron é cousa dos historiadores», dixo o pasado luns o presidente da Xunta. A deputada nacionalista Olalla Rodil, asegurou ao día seguinte que as explicacións de Rueda eran «tan vergoñentas, indignantes e inadmisibles» como as de Ferro, e subliñou que a súa formación non ía «pasar por alto o negacionismo histórico, o falseamento da verdade e o branqueamento dun réxime totalitario e criminal que asasinou centos de miles de persoas».

Indignación e datos científicos

«Antes que a indignación, os datos científicos», alerta o economista e historiador coruñés Dionisio Pereira, un dos impulsores e participantes do proxecto Nomes e Voces, que desde o ano 2006, e coa colaboración de investigadores das tres universidades galegas, recompila información sobre a violencia fascista na comunidade. Lograron documentar a maioría dos miles de asasinatos que se produciron en Galicia durante a guerra e a posguerra.

«Faleceron polo menos 463 persoas internadas na colonia penal de San Simón. E, con seguridade, non son todas, porque falta documentación, algo que aínda hoxe lastra a investigación do criminal sistema penal franquista, e tamén porque houbo múltiples sacas de presos que apareceron mortos en moi diversos lugares da provincia de Pontevedra», afirma Pereira.

«Os datos desenmascaran a mentira, a ignorancia e o compadreo do PP co franquismo asasino»

Das 463 mortes documentadas, oito foron presos asturianos e leoneses fusilados o 5 de agosto de 1938 contra o valado do cemiterio da illa tras ser xulgados en Camposancos, en Pontevedra, outro dos campos de concentración franquista. En canto ás sacas, o 6 de setembro de 1936 apareceu na Punta do Muíño de Beluso, no municipio de Bueu, o cadáver do avogado pontevedrés Alberto Martínez Tiscar, tras ser trasladado desde San Simón por un grupo de paramilitares.

A cuadrilla encabezábaa Víctor Lis Quibén, un «sinistro» personaxe, segundo Pereira, co beneplácito do director do penal de San Simón, Fernando Lago, quen á súa vez foi reponsable xunto con Francisco Bustelo, médico do cárcere, dunha trama corrupta para extorsionar os presos para que pagasen polas súas vidas. «Sabemos, tamén, que noutra saca once presos acabaron nunha fosa común en Tenorio, en Cotobade, tras ser asasinados o 8 de novembro de 1936 na Volta do Couto».

Fosa común

«Por último, seis penados máis foron vítimas da mesma metodoloxía e atópanse nunha fosa común preto do cemiterio de Xeve, tras ser asasinados tres días despois na estrada de San Andrés. Do resto, houbo varios presos que afogaron tratando de escapar, como o mariñeiro cenetista de Ribeira Manuel Sayar Orellán, pero a inmensa maioría faleceron debido á mortalidade que subiu de maneira dramática a partir de 1939, por mor da miseria e as extremas condicións de humidade que acabaron con centos de penados de idade avanzada procedentes de todo o Estado español, concentrados na illa», engade o historiador, quen colgou eses datos na súa conta de Facebook.

«Ademais», engade, «fálase de entre 250 e 300 mortos máis nos meses de verán do ano 1941, ao ritmo de dez ou doce defuncións diarias, polas causas  citadas, o que obrigou ao Concello de Vigo, onde se enterraban inicialmente os falecidos, a solicitar que se habilitasen terreos para un novo camposanto en Cesantes».

Presos no campo de concentración de San Simón / Foto: IGM

«Ata aquí, os datos que desenmascaran a mentira, a ignorancia e o compadreo do PP co franquismo asasino. Un PP que cunha man nega as vítimas e contribúe ao escurecemento dos verdugos e coa outra utiliza a [Alexandre] Bóveda e a [Alfonso María Rodríguez] Castelao para, co concurso dalgúns compañeiros de viaxe desnortados, desarmar a súa figura liberadora. Un PP no que todos e cada un dos seus dirixentes son, nalgunha medida, responsables dos crimes que ocultan e da impunidade que pretenden para os seus perpetradores onte e, se lles deixamos o campo libre por pasividade ou por covardía, tamén dos de mañá», advirte o historiador.

Doutra banda, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, a localidade na que Ferro foi alcalde entre 2012 e 2019, esixiu á Xunta que force o cesamento do deputado como membro do padroado da Fundación Curros Enríquez, poeta natural da localidade. A asociación considera «intolerable» que Ferro siga na Fundación tras as súas «infames declaracións» no Parlamento de Galicia .

Persoa non grata

Ferro, lembra o colectivo, «non fixo o mínimo xesto de rectificación a pesar do aluvión de críticas que recibiu desde sectores diversos da sociedade galega, incluso unha advertencia directa do Concello de Redondela de que será levada a pleno unha proposta para declaralo persoa non grata».

«Ferro ten o deber cívico de memoria para coas persoas, perseguidas, encarceradas, torturadas e que mesmo perderon os seus bens e ata a vida en defensa da democracia e a liberdade»

O Comité de Memoria de Celanova lembra «os precedentes das súas actuacións como alcalde e como concelleiro en cuestións relacionadas coa memoria histórica», como negarse a eliminar a simboloxía franquista dunha vila onde o réxime tamén instalou outro campo de concentración, dos cales algúns recluídos foron trasladados a San Simón e morreron alí.

«José Luis Ferro ten o deber cívico de memoria para coas persoas que foron perseguidas, encarceradas, torturadas e que mesmo perderon os seus bens e ata a vida en defensa da democracia e a liberdade», como di o preámbulo da lei de memoria democrática de 2022, así como o deber moral de respectar as vítimas«, lembran. «O Padroado da Fundación Curros Enríquez ten o deber cívico e moral de corrixir esta infamia e repudiar o seu autor».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail