Burócratas en piloto automático fronte a bárbaros soberanistas

Cabeza fría. En Bruxelas están cumprindo coas directrices pautadas dende as plantas nobres do poder da Unión Europea ante a realidade que supón o novo goberno de Donald Trump na Casa Branca. Nada de entrar en enfrontamentos dialécticos nas redes sociais nin políticos dende os púlpitos das roldas de prensa.

Nin sequera o saúdo pseudo-nazi do delfín e magnate Elon Musk fixo que os principais dirixentes comunitarios se saísen dese guión escrito. «Cabeza fría», dixo a nova vicepresidenta primeira da Comisión, Teresa Ribera. E se o brazo en alto do propietario de Tesla e da plataforma X foi unha provocación, «non semella moi oportuno que a mellor resposta sexa escalar nas provocacións», segundo a explicación previa da española.

Bruxelas segue a comportarse como no 2017, cando Donald Trump chegou ao poder e o seu estilo provocador e agresivo, seguindo padróns televisivos onde se impoñen os berros máis fortes fronte ao peso dos argumentos, colleu por sorpresa os burócratas europeos, acostumados a relacións baseadas en formalismos diplomáticos e ao imperio das transaccións puramente económicas. Esa frialdade institucional non era axeitada ante a política da telerrealidade e a UE recibiu labazada tras labazada (non só metafóricas, como aquel político do leste empurrado por Trump na sede da OTAN por ser indigno da primeira liña fotográfica). Só a posterior vitoria in extremis de Joe Biden impediu que a presidencia da guerra comercial e das liortas polo gasto en defensa fose a máis.

Pero Trump chega con ganas de vinganza, a nivel doméstico e máis aló das fronteiras estadounidenses que vai militarizar. E faino nun novo mundo do que se sabe protagonista e director. Catro anos despois de que as hordas dos seus seguidores asaltasen o Capitolio, en Bruxelas navegan co piloto automático das respostas robotizadas confiando en que investigacións de meses e anos e as pequenas multas serán quen de frear unha banda de bárbaros evanxélicos, soberanistas ultras e millonarios narcisistas. Asertividade? Non toca. Contundencia? Non saben o que é. E así, o novo presidente dos Estados Unidos permítese ameazar con aranceis do 100% ás mercadorías de países, como os europeos, cun saldo comercial beneficioso. E o delfín millonario bate no seu peito e ergue romanamente o brazo ante novas hordas de devotos fieis.

Os diplomáticos europeos óllanse entre eles con desconfianza. Hai varios que xa actúan como cabalos de Troya e non se esconden. Húngaros, italianos, eslovacos, suecos ou neerlandeses están nesas filas ultras mentres socialistas españois, liberais franceses ou verdes alemáns procuran nas súas discusións regulares de Bruxelas respostas parciais aos desafíos que lanza Washington. Falas con eles en privado e mesmo che din que prefiren mirar cara a outro lado, que bastante teñen cos problemas dos seus Gobernos ou con xestionar as axendas dos múltiples temas da UE.

Nun dos ensaios máis brillantes sobre os conflitos contemporáneos do século XX, o historiador británico Eric Hobsbawm clasificárao como o século curto, o que ía dende 1914 a 1989 ao facer coincidir as datas co estoupido da primeira Guerra Mundial e a caída do Muro de Berlín. Logo, a segunda data estendeuse até o 11 de setembro do 2001, actuando os atentados contra as Torres Xemelgas como inicio da Guerra contra o Terrorismo característica da nova era da unilateralidade dos Estados Unidos.

Realmente, o século XX remataría coa crise económica dos anos 2008-2014, porque dela emerxeu un mundo diferente, dixital, onde as ideoloxías dominantes xurdidas da Primeira Internacional e da Comuna de París e os seus rivais do vello conservadorismo e a democracia cristiá foron substituídas. A esquerda, derrotada durante a década dos oitenta no Terceiro Mundo, foi esnaquizada en Estados Unidos e en Europa nas cinzas desa crise, de forma que cumpriu a profecía do vello lingüista de que o capitalismo non se transformaría e os Estados rematarían asolagados polos rescates ao sector privado. A China apareceu tamén como superpotencia, algo non visible aínda en 1989 ou no 2001, e os novos protagonistas pasaron a ser as multinacionais dunha Internet de novos paradigmas comunicativos nos que a extrema dereita coloca axeitadamente breves mensaxes como vermes nos cerebros de cidadáns convertidos en pobres consumidores. Tablets e móbiles por periódicos, redes no canto de libros, billetes e estadías online, running contra o sedentarismo por mor da fábrica abandonada e o campo esquecido, música sen fíos para illarse no ximnasio…

Este mundo dixital do novo século XXI está sendo conquistado por bárbaros soberanistas e turbocapitalistas, en alianza cos ultras relixiosos que dende os 60 aplican sabiamente un proselitismo a longo prazo hoxe triunfante, como explicou Gilles Kepel en A revancha de Deus, vencedores fronte ao piloto automático tradicional do século XX dos burócratas europeos, sexan en débiles gobernos tradicionais ou nas institucións comunitarias. Mentres Trump celebrou a súa vitoria a carón dos magnates tecnolóxicos prometendo ocupar Marte, os robots de Bruxelas láianse de estar nunha nova era global.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail