Aumenta o número de galegos que len libros

O 58,6% dos galegos leu algún libro no seu tempo libre durante o 2017. Este é o principal dato que se desprende do último Barómetro «Hábitos de lectura e compra de libros en España 2017», publicado pola Federación de Gremios de Editores de España.

A cifra de lectura de libros en Galicia está en consonancia coa media estatal, que se situou en 2017 no 59,7%. A comunidade autónoma con maior índice de lectura é Madrid, co 71,4% (unha cifra anómala no conxunto de España). A autonomía con menor índice lector é Estremadura (52,6%), único territorio, ademais, onde a cifra de lectura de libros diminuíu.

Unha cousa é a lectura e outra a compra. De feito, a porcentaxe de persoas de Galicia que afirman teren comprado libros durante o 2017 baixa até o 47,5%. A cifra é case equivalente á media estatal (47,3%). Euskadi é o territorio con máis vendas de libros (57,9%) e as illas Canarias a que menos libros vende (38,2).

En canto a número de libros (excluídos os libros de texto) comprados por ano, Galicia está entre as comunidades con maiores vendas, cunha media de 9,8 libros por comprador, por riba da media española de 8,6 libros por persoa. Neste cómputo, é Navarra a comunidade con maior número de libros por comprador, con 12,7. Castela e León fica ben lonxe da media por debaixo, con só 5,5 libros por persoa.

Galicia está entre as comunidades que peor valora as súas bibliotecas públicas, cunha puntuación de 7,9 sobre 10. Aínda así, a nota é boa en xeral. A media española é un 8,2. A nota máxima outórganllela os aragoneses á súa rede, cunha nota de 8,6. A nota mínima é a das Baleares (7,6). A avaliación dos galegos ás súas bibliotecas mantense inmutable desde o 2012.

En canto aos datos xerais do barómetro, o informe diagnostica que aumenta a lectura en xeral no Estado español, especialmente no formato dixital. O 76,3% dos españois len nas pantallas. Esta cifra baixa moito no relativo a libros dixitais (27,2%) aínda que o aumento é considerable desde o 2012, xa que daquela a cifra era do 11,7%.

Das lecturas en formato dixital, o 80% dos libros electrónicos foron lidos gratuitamente. Só 29,5% dos enquisados afirma ter pagado por un título dixital. Este é un dos datos que explica a freada radical deste mercado e a volta por completo das editoriais ao libro en papel como única prioridade.

Malia subiren as porcentaxes de compradores, diminúe a media de libros comprados por persoa, que baixa da liña simbólica dos dez libros por comprador. Unha das consecuencias da crise é que se consolida a lectura en bibliotecas como a preferida polos españois.

En canto á lectura por faixas de idade, até os 14 anos, un 80% dos enquisados afirma ler habitualmente. A cifra vai caendo progresivamente conforme se ultrapasa esa idade. Ao tempo, muda tamén o formato (en especial en lectura en xeral, que inclúe prensa e redes sociais). Canto máis cativos, máis papel.

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail