Mayday por un náufrago xenial

Urbano Lugrís considerábase un pintor anfibio. Era algo que dicía con humor, mesmo cando aseguraba que algúns dos seus cadros estaban pintados no fondo mariño. E a súa vida tivo de fondo o retrouso do mar: sempre recomezar. Naceu e medrou ao pé dun faro mítico. E pódese dicir que pintaba en clave de saudade vangardista cos pigmentos salgados dun mar intemporal, un antigo reino futurista, que era a vez encantamento e naufraxio. Por que Lugrís foi un náufrago en pé. Ninguén como el deulle forma ao sentimento oceánico ¶ Naceu nun niño de esperanza, unha familia republicana e galeguista, onde se exercía o dereito a soñar. Velaí unha estampa, na lembranza de Lugrís, que reflicte esa atmosfera: cando xogaban, agochados, a disfrazarse con bandas e mandil de mestre masón, mentres daba as horas o reloxo de cuco do gran Francisco Tettamancy. Isto nunha cidade onde o faro era algo máis que un sinal luminoso marítimo. Era o gran símbolo dunha identidade, a da Coruña, onde a tradición máis compartida era a da loita pola liberdade. No tempo en que vén ao mundo Urbano Lugrís, esa arela liberal, a cidade das luzes, vai da man da loita pola emancipación social e das vangardas culturais ¶ Urbano Lugrís foi un feliz abrollo no devir fértil da Cova Céltica, dos bardos de Pondal, do Círculo de Artesáns, da revista transatlántica Alfar, do incesante viveiro libertario da biblioteca Xerminal, onde se celebraban os casamentos laicos coa bendición erótica de Luis Huici, das indómitas cigarreiras e misteiras, alí onde a máquina de coser Singer da costureira María Miramontes activaba a impresora Minerva de Ánxel Casal, o maior heroe da historia do libro galego. Había dúas almas principais nesa época de abrente da Coruña: a burguesía ilustrada e o pobo da «conquista do pan». Urbano Lugrís era portador desas dúas almas entrelazadas. E a súa estadía en Madrid nos anos da República foi un prolongamento con ese espírito de abrir paso a un novo tempo de liberdade. E a proba é que entrou en Madrid, como quen di, abrindo a porta do cárcere Modelo onde estivo preso por asinar un manifesto republicano. E cando as gaiolas deixaron de voar detrás dos paxaros, Urbano Lugrís compartiu a excitación creativa co seu traballo ao abeiro das Misións Pedagóxicas. Tamén horas e horas nun dos círculos do paraíso: o Museo do Prado. Alí fixo amizades con xeniais mortos pensativos como Joachim Patinir ou Jheronimus van Aken, O Bosco ¶ Mais todo se fixo cachizas ¶ No piano deixouse de oír o tempo das cereixas. Parouse o carrusel do xardín coruñés onde os cabaliños se movían ao son da Marsellesa ¶ A xente que admiraba e quería foi asasinada ou calou para sempre ¶ Lugrís converteuse nun náufrago. Un supervivente da guerra, estivera onde estivera. Cando sacou a cabeza, cando comezou a rexurdir, tamén cando namorou da serea Paula, o que fixo Lugrís foi, no fondo, reconstruír aquela redoma feita cachizas. Ao seu xeito. Non cun realismo desacougado nin cun expresionismo feroz. Non. O que fixo Lugrís foi un encantamento. A reconstrución laboriosa, cadro a cadro, mural a mural, do que puido salvar: o indestrutíbel encantamento. O mundo do real marabilloso. O naufraxio como un refuxio. O Lugrís que pintaba e escribía era un heterónimo, Ulyses Fingal. Un compañeiro secreto de Nemo no seu Nautilus. O morto pensativo, do que falaba Rimbaud no «Barco ebrio», rexurdiu para facer unha obra singular e universal. Non, ninguén como el pintou o mar. É o Camoens da arte ¶ Lugrís non foi nin é un descoñecido en Galicia. Pola contra, houbo moita xente, mesmo de ideoloxías e condicións sociais diferentes, que o gozaron e celebraron. Pero non deixou de ser un náufrago. É o tempo dun Mayday por Lugrís. Volveron as sombras e mesmo o maltrato á súa herdanza, coa situación crítica dos murais no antigo restaurante Fornos na Coruña. Un patrimonio excepcional, de abraiante singularidade, debera contar canto antes coa máxima protección e proxección. A comezar, polo rescate urxente do que está en perigo de extinción. E de seguida, co compromiso das institucións políticas e culturais, a creación dun espazo Lugrís que sexa un almeiro e un faro da arte galega ¶ Do Mayday por Lugrís temos que pasar a que o mundo descubra o Lugrís da Galicia. O local sen paredes. O feitizo universal do pintor anfibio ¶

 

Accede ao número 123, especial Urbano Lugrís, aquí.

Subscríbete a Luzes, únete ao xornalismo que conta.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail