O PP converte a tele galega en instrumento electoral ao servizo de Rueda mentres Feijoo pide despolitizar RTV

A Coruña.- O Telexornal de mediodía da Televisión de Galicia (TVG), o de máis audiencia da cadea, abriu este mércores co anuncio en suposta primicia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de que prorrogará a partir do 1 de xaneiro as subvencións ao transporte interurbano.

Galicia está en precampaña electoral desde hai un par de meses porque Rueda quere adiantar as autonómicas, e os informativos da tele pública rebotan a diario anuncios electorais similares: axudas aos mozos deportistas, aos maiores, ás persoas dependentes… O Telexornal adoita durar algo menos dunha hora, e esas informacións ocupan desde hai semanas boa parte do seu contido.

En realidade, a prórroga dos abonos do transporte xa figuraba nos orzamentos da Xunta para 2024 que se debateron e aprobaron no Parlamento de Galicia o día anterior. Os titulares do informativo público do mércores, con todo, dano como novo anuncio de Rueda e non recollen que o PP rexeitara o martes máis de mil emendas de BNG e PSOE nin van acompañados de imaxes ou referencias aos seus portavoces nin aos seus respectivos candidatos, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro.

Como Rueda, eles tamén están en precampaña e pronunciáronse contra os orzamentos, pero o telexornal público prosegue con outras noticias: a sesión plenaria do Congreso en Madrid; a entrada do Estado no capital de Telefónica; a reforma do pacto de migración e asilo da UE; un morto nun incendio doméstico en Ourense; o volcán de Islandia; a posición de ERC sobre o lawfare; o enfado dos fiscais do procés polas críticas á súa actuación; a subida do prezo do combustible polos ataques a petroleiros no corno de África… Pasan os cortes, os titulares, os vídeos en off e os totais sen rastro de Pontón nin de Besteiro.

Manipulación ao servizo do Partido Popular

Oposición, sindicatos, persoal e xornalistas da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), o seu comité intercentros e o Colexio de Xornalistas de Galicia levan anos denunciando a manipulación dos medios públicos para poñelos ao servizo do Partido Popular. Primeiro para construír a figura do expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e agora a do seu sucesor, Alfonso Rueda. O PP responde que todo iso é mentira.

O informativo público de mediodía segue adiante e dedica varios minutos e un bo puñado de imaxes e cortes a Feijóo e á súa intervención no Congreso falando da súa próxima reunión con Sánchez. A noticia, con todo, elude citar que o líder do PP esixiu ao presidente do Goberno que na orde do día da cita figure a despolitización dos medios públicos de comunicación estatais. Durante os mandatos de Feijóo en Galicia, a CRTVG acumula centenares de sentenzas en contra por manipulación, acoso a xornalistas, vulneración de dereitos fundamentais, intentos de rebentar folgas lexítimas e legais…

«Xa pasaron o listón da manipulación: o que vive a CRTVG é un delirio informativo gravísimo», advirte Raquel Lema, presidenta do comité de empresa. Sostén que a dirección, encabezada desde fai preto de 15 anos polo xornalista ourensán Alfonso Sánchez Izquierdo, abandonou «as mínimas normas deontolóxicas» da profesión. «Os informativos reproducen sen pudor un ideario e partidista», engade.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, con o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha imaxe de arquivo / Foto: Xunta

Sánchez Izquierdo foi nomeado por Feijóo en 2009 e atópase nunha situación alegal, ou cando menos irregular, desde 2011. Ese ano, o PP aprobou unha lei para cumprir a súa promesa electoral de que o responsable dos medios públicos sería elixido por maioría cualificada no Parlamento. A lei aprobouse, pero como nin Rueda nin Feijóo tiveron nunca esa maioría, o PP negouse a renovar a Sánchez Izquierdo, que segue no seu posto.

A CRTVG non valora as críticas

O seu equipo non quixo dar a Luzes-Público unha opinión sobre as denuncias da oposición porque, afirma, «nunca entra a valorar os posicionamentos dos partidos políticos».

Durante o mandato de Sánchez Izquierdo sucedéronse sentenzas durísimas por persecución de xornalistas que se limitaban a cumprir co seu traballo de ofrecer información plural, ou que se posicionaban coa plataforma Defende a Galega e os venres negros en defensa da liberdade de prensa e contra a manipulación.

«Xa pasaron o listón da manipulación: o que vive a CRTVG é un delirio informativo»

As tres últimas demandas foron desestimadas hai menos dun mes, pero o conflito continúa. Sánchez Izquierdo e sete membros da súa dirección foron citados a declarar o próximo mes de xaneiro por unha xuíza do Penal de Santiago, que abriu dilixencias por acoso e persecución profesional contra outra traballadora.

Tambien continúa o Telexornal do mércores. Os locutores falan doutro revés xudicial para Donald Trump; de novidades na excepción ibérica que regula os prezos do gas; dun prometedor proxecto de investigación sobre o hidróxeno verde… Van xa máis de vinte minutos de noticias e para calquera espectador parecería que en Galicia e no mundo existe de todo menos oposición ao PP.

A «desvergoña» de Rueda

En outubro pasado, cando empezou a circular o ruxerruxe do adianto electoral, BNG e PSOE denunciaron a «desvergoña» de Rueda cando foi «convidado» a Land Rober Tunai Show, un dos programas con máis audiencia de todas as teles que ven Galicia. Conducidos polo cómico Roberto Vilar, os participantes nel gozan dunha hora de entrevistas e charletas no ton amable e desenfadado típico do prime time para consumo familiar.

Vestido con zapatillas deportivas e recibido no estudio como unha estrela adolescente, Rueda puido mostrar unha imaxe encantadora de político atractivo, educado e interesante, deportista, divertido e solidario, nun ambiente distendido construído ad hoc para o seu lucimento persoal.

Alfonso Rueda, en ‘Land Rober Tubai Show’ da TVG / Foto: TVG

Entregou flores en directo a unha traballadora da tele que se xubilaba e que levou entre bágoas a sorpresa da súa vida; departiu cunha vítima de tráfico, moteiro como el; contou chistes e ríu as bromas do presentador e a súa troupe; prestouse a xogos, adiviñas e retos varios… Diante da xolda do público, o presidente da Xunta acabou bailando O meneíto co Combo Dominicano, unha das orquestras de máis éxito das festas populares do país.

A presidenta do comite de empresa cre que a TVG se ten convertido «nun órgano de propaganda do PP». A Feijóo tamén lle ofreceron ir divertirse ao Land Rober Tunai Show antes dunhas autonómicas, aínda que os responsables do programa nunca convidaron aos candidatos rivais do PP á presidencia da Xunta. Tampouco, obviamente, a Pontón e a Besteiro.

Media hora sen oposición

Á media hora do Telexornal do mércores que abriu coa prórroga aos abonos do transporte, dáse voz por primeira vez a oposición, que aparece vertiendo críticas que parecen dirixidas a esa medida, cando en realidade o son ao balance íntegro da lexislatura de Rueda.

Dos cortes e da montaxe da noticia, que inclúe entrevistas breves a pé de rúa con usuarios agradecidos ao presidente da Xunta, a mensaxe que se transmite ao espectador é que mentres este anuncia medidas positivas coas eleccións á vista, a oposición, un conglomerado indefinido, case anónimo e malencarado, se dedica soamente a iso: a opoñerse.

«O feito de que parte do persoal leve case cinco anos denunciando a manipulación dio todo»

O portavoz socialista, Luis Álvarez, aparece antes que a líder da oposición e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, contra o que indican as normas non escritas da neutralidade e a cortesía do xornalismo parlamentario, que aconsellan dar paso ás intervencións dos portavoces por orde do tamaño dos seus grupos.

Nin a presentadora nin o correspondente político destacado en directo na Cámara citan a Pontón polo seu nome e apelido, que só aparece nos rótulos inferiores durante os escasos 20 segundos que se lle dedican en case 50 minutos de telexornal.

Ese ninguneo á segunda forza no Parlamento de Galicia non é anecdótico, senón sistemático desde hai anos e agravado nos últimos meses.

Tres segundos de informativo para o BNG

A semana pasada, o BNG denunciou outra «manipulación» na cobertura do debate de peche da presidencia española da UE no Parlamento Europeo, onde os nacionalistas teñen un escano e onde coincidiron o pasado 13 de decembro Pedro Sánchez e Carles Puigdemont.

A TVG deu á noticia case dous minutos e medio de duración, repartidos entre a entradilla da presentadora, as locuciones en off e os cortes cos discursos: 22 segundos para a portavoz do PP, Dolors Montserrat; 20 segundos para Puigdemont; 14 segundos para Sánchez e outros 14 para un can guía que interrompeu a ladridos o debate desde a tribuna de invitados.

A Ana Miranda, a eurodeputada do Bloque, a única galega que interveu ese día, a TVG reservoulle tres segundos. Os nacionalistas denunciárono en redes a través dun vídeo no que aseguran que Miranda levaba máis de tres meses sen que a tele pública informase de ningunha das súas intervencións na Eurocámara. É dicir, tres segundos en tres meses.

«O feito de que parte do persoal leve case cinco anos denunciando a manipulación dos informativos cos venres negros de Defende a Galega dio todo», subliña Francisco González Sarria, decano do Colexio de Xornalistas de Galicia. Lembra que o Colexio leva anos reclamando a constitución dun consello de informativos que vele pola neutralidade e pluralidade que se lle esixe a un medio público, e que se trata dunha obrigación legal contemplada na mesma lei que o PP vulnera ao non renovar a Sánchez Izquierdo.

Despolitizar os medios estatais

«Resulta chocante que Feijóo diga agora que hai que despolitizar os medios estatais vendo o que fixo en Galicia e o que Rueda segue facendo», subliña o decano. O Colexio de Xornalistas reclama á CRTVG neutralidade e pluralidade cada vez que se convoca un proceso electoral, e González Sarria preve que o volverá a facer cando Rueda anuncie a convocatoria electoral.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no seu terceiro corte protagonista no Telexornal da TVG do 20 de decembro

O Telexornal de mediodía está a piques de terminar sen máis rastro da oposición. Pero o presidente da Xunta aparece na pantalla por terceira vez, case ao final, pouco antes dos breves de cultura, os deportes e a predición meteorolóxica. O seu equipo axendou a entrega dos premios Artesanía de Galicia xusto despois do debate no Parlamento e a tempo para que a noticia poida entrar no informativo, de forma que Rueda volve gozar doutro medio minuto de protagonismo engadido na tele pública.

«O presidente da Xunta recomenda ter en conta a artesanía de Galicia cando compremos os agasallos de Nadal»”, di a presentadora antes do corte co discurso do presidente. «Segundo el, se está feito en Galicia, está ben feito»”.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail