Rueda adianta as eleccións ao 18 de febreiro para que o favoreza o ruído da politica estatal

A Coruña.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este xoves o adianto das eleccións autonómicas galegas ao próximo 18 de febreiro. Os comicios estaban previstos para xullo, dado que o seu antecesor, Alberto Núñez Feijóo, tivo que aprazar os anteriores en 2020 debido á emerxencia sanitaria pola covid.

O adianto electoral era unha opción que manexaban todos os actores políticos do país desde hai meses. As enquisas indican que o PP podería perder a súa maioría absoluta fronte ao BNG, segunda forza e líder da oposición, e o PSOE. Ambos gobernaron a Xunta en coalición entre 2005 e 2009 antes da chegada de Feijóo.

Ao escenario engádese a irrupción de Democracia Ourensana, o partido do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que de acceder ao Parlamento autonómico podería mesmo ter a chave do Goberno, así como a difícil configuración do espazo da esquerda alternativa, que acusa a división entre os protagonistas que o configuran -Sumar, Podemos, EU, Anova e as mareas municipais-.

O Parlamento de Galicia está formado por 75 escanos, repartidos entre os 42 do PP -a maioría absoluta está en 38 deputados-, os 19 do BNG e os 14 do PSOE.

Os antencedentes do 28M e o 23J

Tanto nas municipais do pasado 28 de maio como nas xerais do 23 de xullo, a suma de votos da esquerda e do nacionalismo superou á da dereita e a ultradereita.

Ana Pontón, tras ser proclamada candidata do BNG á Xunta / Foto: BNG

Extrapolando eses resultados ás autonómicas, Jácome podería arrebatarlle ata dous escanos ao PP en Ourense e Sumar -que entón se presentou unida a Podemos, EU e parte das mareas-, outros dous pola Coruña e Pontevedra. Segundo as sondaxes, BNG e PSOE tamén poden crecer.

Rueda aínda non consolidou a súa imaxe pública e goza de moito menos carisma, coñecemento e valoración dos que gozaba Feijóo, polo que en todos os partidos existe a conciencia de que o resultado, en gran medida, vai depender da campaña electoral.

Esta oscilará probablemente entre as cuestións estatais cara ás que quere arrimala o PP -a lei de amnistía e os pactos de Sánchez co independentismo catalán- e os asuntos propios de Galicia que ocupan á esquerda, como a deterioración da sanidade, a educación e os servizos públicos, a política industrial e ambiental posta ao servizo dos lobbies económicos, as demandas de maior autogoberno e a manipulación dos medios públicos de comunicación.

Trasladar a Galicia a tensión estatal

No PP existe o convencemento de que o adianto dos comicios era fundamental para trasladar a Galicia a tensión da política estatal, e que a presenza de Feijóo será o principal cimento da campaña de Rueda.

Pola súa banda, o BNG, está convencido de que o seu líder, Ana Pontón, ten consolidada a súa imaxe presidenciable como única alternativa real ao actual presidente da Xunta. As súas redes sociais celebraron ao adianto electoral como o inicio dun novo ciclo na comunidade: «O cambio en Galicia empeza hoxe».

O candidato do PSdeG, José ramón Gómez Besteiro, nunha visita á fabrica da empresa Urovesa, especializada en vehículos militares, en Valga (Pontevedra) / Foto: PSdeG

De igual modo, reaccionou en positivo o PSOE, cuxo candidato, o deputado no Congreso José Ramón Gómez Besteiro, tamén leva semanas en precampaña declarándose convencido de que pode liderar o recambio de Rueda.

Na esquerda á esquerda do socialismo, por contra, non existe aínda un candidato ou candidata que pareza capaz de coser a todo ese espazo ao redor dun proxecto común.

A esquerda dividida

A negativa de Martiño Noriega (Anova) a aliarse con Sumar deixou ao partido de Yolanda Díaz practicamente sen as alianzas coas que esperaba contar, tras a súa ruptura con Podemos e con Esquerda Unida. As cabezas máis visibles e mellor posicionadas na rama galega do movemento da vicepresidenta segunda son o politólogo e xornalista Paulo Carlos López e o exdiputado autonómico socialista Juan Díaz Villoslada.

O secretario xeral de Podemos, Borja San Ramón, leva días advertindo de que a súa formación está preparada para presentar unha candidatura propia ou con outros aliados no caso de que non exista un acordo de última hora con Sumar, do mesmo xeito que a coordinadora nacional de Esquerda Unida, a exvicepresidenta do Parlamento de Galicia Eva Solla.

En canto á Democracia Ourensana de Jácome, a forza máis votada na capital provincial e que rabuñou ao PP un bo puñado de votos noutros municipios, presentará a Armando Ojea, unha das persoas da súa máxima confianza e que o acompaña desde os inicios do seu proxecto político.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail