As familias dos usuarios levan meses denunciando a situación do centro de Bembrive, en Vigo, que acumula máis de duascentas denuncias contra a súa dirección
A Coruña.- As familias dos usuarios da maior residencia de maiores de Galicia, situada en Bembrive, no termo municipal de Vigo, denuncian que a Xunta leva cinco días sen informalos da situación dos seus achegados despois de que o pasado venres detectase un novo brote de covid que afecta a polo menos dúas seccións dunha das plantas do centro, con máis de 300 residentes.
Os familiares explican que o sábado souberon que polo menos dúas traballadoras da residencia deran positivo e que desde entón xa hai polo menos tres internos contaxiados. «Probablemente son moitos máis, porque xa pasaron cinco días e ao resto non lles fixeron as probas de PCR», asegura María Soledad Fernández, unha das coordinadoras da asociación de familiares e usuarias do centro e cuxa nai se atopa nunha das seccións afectadas.
Galicia está entre as comunidades españolas con menor número de prazas públicas en residencias de maiores, pero o Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes ( CRAPD-1) de Bembrive é de titularidade pública e depende da Consellería de Política Social da Xunta, que dirixe Fabiola García.
O seu gabinete de comunicación evitou este martes confirmar a Luzes-Público a existencia do brote, e remitiuse ao boletín semanal no que a Administración de Alberto Núñez Feijóo informa cada mércores dos casos de covid en colexios e residencias, tanto públicas como privadas. Este diario tamén se dirixiu ao Servizo Galego de Saúde, que tamén eludiu pronunciarse sobre o caso, polo que non puido saber se o brote se debe á nova cepa ou ás primeiras variantes da enfermidade.
María Soledad Fernández asegura que a única información da que dispoñen é a que lles ten facilidato o persoal do centro de forma verbal e informal. Segundo a versión que recibiron, a dirección tería procedido onte a illar as seccións B e C da segunda planta –a residencia conta con catro en total–, prohibiría as visitas e empezaría o cribado dos usuarios das zonas afectadas, pero non do resto.
«Só nos dixeron que chamaron ás familias dos positivos, pero nada máis, co que os demais non sabemos como están», explica a portavoz, que asegura ter constancia de que polo menos outro traballador do CRAPD tamén tería dado positivo por covid hai máis dunha semana, sen que o centro lles informase de tal circunstancia nin adoptase entón medidas de protección adicionais para evitar os contaxios.
Matilde Veiga, tamén coordinadora da asociación e cuxa nai, de 102 anos de idade, está nunha das plantas non illadas, confirma «o escurantismo» da dirección e lamenta que a Xunta non se puxera en contacto coas familias para informalas da situación e do estado dos seus parentes, o que, á súa vez, impídelles a eles saber se deben adoptar outras medidas nas súas respectivas contornas.
As portavoces critican a desidia da Xunta tras coñecer o venres que dúas traballadoras estaban contaxiadas, e lamentan que o centro non prevese a nova onda da epidemia. Nese sentido, resaltan a contradición que supón que a Xunta esixa que os familiares de persoas dependentes presenten o certificado covid para visitar aos seus parentes nas residencias, pero que non se siga a mesma pauta co persoal das mesmas.
«Sospeitamos que hai traballadores que non queren vacinarse e poida que estean no seu dereito, pero nós tamén estamos no noso de esixir que aos nosos maiores os atendan persoas vacinadas», sosteñen. Ademais, aseguran que o persoal de CRAPD comparte algunhas salas nas que circula habitualmente sen máscara coa aquiescencia da dirección.
A xestión do CRAPD de Bembrive foi obxecto de duras críticas por parte das familias desde o comenzo da epidemia de covid. O portavoz da Federación Galega de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia (Rede), Paulino Campos, lembra que levan desde agosto do 2020 pedindo a dimisión do director do CRAPD polo «detorioro da asistencia e coidados que se ofrece na residencia aos maiores, con situacións moi graves». Segundo Campos, a Xunta tería «escondido nun caixón» ao redor de duascentas denuncias.
Hai uns meses, as familias dirixíronse por escrito a Feijóo nunha carta con copia á delegada da Xunta en Vigo na que alertaban ao presidente galego de que as accións e omisións da xerencia do centro podían estar a carrexar «graves repercusións no ámbito nutricional, motriz, emocional, conductual e cognitivo sobre os residentes xeriátricos». A carta citaba varias actuacións da dirección, «desde a prohibición de saídas ao xardín exterior, contravindo de forma clara as normativas en vigor, ata o descoido ou menoscabo nos coidados, na vixilancia asistencial e na mobilidade física». Ata o momento, Feijóo non respondeu.