Puigdemont, eurodeputado

Unha sentenza xudicial que o beneficia, e o Nadal que o frena. As dúas caras da moeda, o ying e o yang. Carles Puigdemont está a vivir dende este xoves un carrusel de sensacións no medio dun furacán de movementos políticos. Polo de agora, xa é eurodeputado, aínda que cun pase provisional. E todo en 24 horas, nun sprint final antes das vacacións.

A sentenza favorable do Tribunal de Xustiza da UE para Oriol Junqueras, o líder de ERC condenado no xuizo do procés a trece anos de cárcere por sedición e malversación, na súa disputa contra o Estado español sobre os seus dereitos como eurodeputado, beneficia ao expresidente da Generalitat e ao seu exconseller, Toni Comín, ámbolos dous fugados en Bélxica.

A sentenza declarou que Junqueras si é eurodeputado e si gozaba de inmunidade, polo menos para ter recollido a súa acta e terse desprazado en xuño ao Parlamento Europeo. Puigdemont e Comín, cun recurso semellante ante o TXUE, agardan agora polo mesmo resultado.

Pouco despois da sentenza chegou o primeiro movemento de calado, do presidente do Parlamento Europeo. Nunha reunión privada cos xefes dos grupos políticos da cámara, David Sassoli amosou a súa firme vontade de recoñecer aos tres políticos cataláns como eurodeputados. Así o dicía o TXUE. Logo, diante de toda a cámara parlamentaria, anunciou que pedía «no menor tempo posible» aos seus servicios xurídicos unha avaliación para cumprir ao respecto da «composición de noso Parlamento». É dicir, para incorporar a eses 3 eurodeputados que lle faltan.

Sassoli presionaba aínda máis os intereses españois e de grupos parlamentarios como os populares, socialdemócratas ou liberais europeos levantando, tamén, o veto a Puigdemont e Comín para entrar na Eurocámara. Unha medida unilateral do anterior presidente Antonio Tajani. Se as portas se abrían, os dous políticos anunciaron xa de noite que recollerían canto antes as súas actas como eurodeputados. E así chegamos a este venres.

Visita exprés ao Parlamento Europeo

Sen agardar a análise dos servicios xurídicos da Eurocámara, nin a que o TXUE se pronuncie sobre as súas demandas de inmunidade como eurodeputados ou a que a xustiza belga decida sobre a euroorde de extradición do Tribunal Supremo. Puigdemont e Comín achegáronse á oficina de acreditacións e obtiveron o seu pase como eurodeputados, aínda temporal iso si.

Está claro que Sassoli, socialdemócrata italiano, non quería evitar problemas legais que derivasen de novas denuncias dos políticos do procés. Con ese pase, os dous «exiliados» entraron no Parlamento xunto a unha eurodeputada da N-VA, os nacionalistas conservadores flamencos, nun percorrido iniciático guiados por funcionarios europeos. Tour e explicacións semellantes ás que recibiron os seus colegas lexisladores cando desembarcaron en Bruxelas. Maquillaxe de normalización política. Puigdemont e Comín exultantes, entre sorrisos e fotos.

«Cada minuto conta, a Xustiza europea di que somos eurodeputados dende xullo pasado. Hai que cumprir as leis», proclamou Puigdemont. O mesmo político que vulnerou a súa lei de celebración dun referendo. E como se Berlanga estivese detrás deste guión, na oficina do Parlamento trabucáronse na acreditación provisional, poñendo un ano e non un día. Haberá que corrixila nunhas semanas. Porque o Parlamento Europeo marcha de vacacións por Nadal e Puigdemont a Comín non tiveron tempo para rematar todos os trámites.

A partir do 5 de xaneiro confían en obter xa os seus pases permanentes e antes deberán renunciar ao seu escano como deputados autonómicos cataláns. O seu obxectivo é sentarse como eurodeputados no pleno do Parlamento en Estrasburgo o 13 de xaneiro. E mentres, Junqueras en Lledoners desfrutando dese mesma inmunidade, esta carceraria.

Os canonazos da Xustiza europea

As normas españolas estipulan que un eurodeputado debe recoller a súa acta na Xunta Electoral Central, sita no Congreso dos Deputados, ao tempo que xura ou promete a Constitución. Junqueras, en prisión provisional, non puido facelo e a Xustiza española e o Goberno declararon que entón non era eurodeputado. Ata que este xoves veu a Xustiza europea a facer unha emenda á totalidade.

Na súa sentencia, o TXUE primeiro declara que Junqueras, igual que o resto dos eurodeputados e eurodeputadas, ten esa condición dende o momento no que remata o reconto de votos, grazas ás papeletas dos cidadáns. Ningunha norma estatal pode limitar ese dereito de representación. Voadura controlada do acto da Constitución no Congreso.

Segundo, Junqueras tiña inmunidade de movemento dende o intre da súa elección. Debeu recoller a súa acta e poder desprazarse ao Parlamento Europeo en Estrasburgo ou Bruxelas. Voadura incontrolada do suposto sistema garantista español, porque aquí houbo unha vulneración por parte do Estado dos dereitos de representación política que os cidadáns lles confiren aos seus representantes.

Terceiro, a inmunidade de desprazamento da que debeu desfrutar Junqueras implica «o levantamento de calquera medida de prisión provisional». Para mantela, o Supremo tiña que terllo solicitado ao Parlamento Europeo e non o fixo. Bombardeo directo contra o xuíz Llarena e toda a actuación do Tribunal Supremo.

A Xustiza europea acaba de dar unha reviravolta a toda a dimensión europea do conflito político en torno ao procés. Gañan claramente Puigdemont e Comín, que en xaneiro xa se sentarán como eurodeputados. Vitoria só simbólica para Junqueras, quen dende o cárcere quizais poderá ser eurodeputado. Derrota abultada do Tribunal Supremo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail