O partido era unha festa

A existencia dos partidos políticos, instrumentos constitucionais que garanten a participación na democracia, cumpre agora medio século. Son 50 anos dunha historia de luces e sombras que serviu para confluír co resto de Europa nun proceso de construción, consolidación e, nos últimos tempos, crise da propia democracia. O referéndum sobre o Proxecto de Lei para a Reforma Política chegará así ao medio século o vindeiro día 15 de decembro e xa o están a celebrar institucións e medios cun convidado de pedra que nos deixou a Transición: o espírito autoritario do franquismo, Vox.

O resultado daquel primeiro referéndum pola democracia tivera un 97,36% de voto favorábel cun 77,8% de participación. Os 523.457 votos en branco, máis aínda que os 450.102 votos en contra, foron una anécdota fronte aos 16.573.180 de votos a favor que indicaban un desexo de liberdade e a confianza en que un novo tipo de réxime, democrático, podería acadar algo que a Historia lle negara a España. Hoxe sopran ventos de sentido contrario e as ultradereitas proliferan coma cogomelos. A Vox engadíronselle Se Acabó La Fiesta (SALF), Aliança Catalana…

Este horizonte negativo implica mesmo as opcións progresistas. O goberno de PSOE e Sumar non conta cunha maioría de esquerda, disque. Pero o certo é que Junts non ten outro papel nestes momentos máis que mirar á esquerda. Ese vai ser o seu erro: favorecer a chegada ao poder dunha ultradereita que resignifica –e reorienta, pois– o que foi o Partido Popular. A eventual chegada de Feijóo á fronte do goberno español non vai ser o simple retorno do centrodereita. Veñen cunhas ganas de recentralización anovadas ao abeiro deste quincuaxésimo anivesario da morte do franquismo. Cargarse o que se poida do autogoberno catalán favorecendo a tendencia intrínseca de Madrid no seu devir de metrópole posfordista global é o que está por chegar se non hai algún tipo de reacción.

Medrar discretamente a conta do PP, sen dar espazo á súa esquerda, significa que, ao final, os de Feijóo van gañar sen contemplacións co apoio de Vox.

Por sorte, en relación coa crise trumpista que anda a provocar o contramovemento MAGA, Vox pode experimentar unha certa contención, que o PP tería que aproveitar. A nivel español, Sánchez vai ter tamén a súa oportunidade, mais queda por ver que o que polo de agora só está a ser un xiro discursivo puramente adaptativo mute en algo máis. Sánchez necesita acompañar as palabras con feitos, conferirlles consistencia.

E é que a política de vivenda xa non pode esperar máis. Para o ano que vén serán algo máis de 300.000 os contratos de alugueiro os que van chegar á súa fin. Todo isto coa suba dos prezos en curso, inducida de xeito absolutamente especulativo. Se o cálculo socialista é intentar aproveitar o xiro á dereita do PP debe ir con coidado de non pasar á oposición. Logo do 23X, o PSOE e o PP non volveron sumar por riba do 64,74% nas enquisas. Non hai rexeneración bipartidista. Medrar discretamente a conta do PP, sen dar espazo á súa esquerda, significa que, ao final, os de Feijóo van gañar sen contemplacións co apoio de Vox.

Mais pedir ao PSOE, segunda pata do réxime do 78, que renuncie á posición hexemónica na esquerda para a que fora deseñado o réxime naquel referéndum de hai agora 50 anos, é como pedirlle que vaia contra o que é (ao cabo, o PSOE desta democracia é o de Suresnes). O problema volve ser o mesmo ca no 15M do 2011: hai que desbordar. Nos últimos tempos hai algunhas boas noticias que xa apuntan a que estamos nunha nova onda de mobilizacións. Mais o problema, agora como cando o 15M, segue a ser a expresión parlamentaria dun sentido común.

Nestes anos de democracia tivemos diferentes tipos de partidos con relacións moi variadas cos movementos. Tivemos así un PSOE no rol do partido de tipo catch-all, un partido que repañaba con todo desde o simple aliñamento discursivo. A este PSOE saíronlle competidores nos que a relación cos movementos era de integración. O exemplo do BNG foi o que máis preto estivo de substituír o PSOE, e agora volve estar nunha situación semellante. O problema, porén, foi sempre o espazo á esquerda do PSOE; un espazo no que só unha vez en toda a historia democrática –Podemos– se soubo ir alén do papel de Pepito Grillo (e foi cando deixou de lado a IU).

Podemos suxeriu unha nova forma de facer política, unha política que celebraba a democracia, unha política na que había un ambiente festivo, de ilusión. Non é nada esotérico nin oculto que fixo aquilo posíbel. Porén, a situación actual non semella que vaia repetir a produción dun código ético que desprofesionalice a política, menos aínda xerar espazos de campaña abertos á participación cidadá. Pénsase que o que fixo triunfar a Mamdani foi só o programa. Non se olla por ningures a menor intención de emular o seu exemplo. E, porén, foi a festa. O «partido», en inglés «party», declinouse pola segunda acepción. Fíxose festa, desbordamento, gañas de gañar.

[A imaxe de cabeceira foi creada con intelixencia artificial]

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail