Señora de Meirás, duquesa de Franco: así tratou Juan Carlos de Borbón de lexitimar a herdanza do ditador

A Coruña.- Unha das primeiras decisións de Juan Carlos de Borbón á fronte da xefatura do Estado tras a morte de Francisco Franco en 1975 foi entregarlle á súa viúva, Carmen Polo, un título nobliario: o Señorío de Meirás, ligado ás Torres de Meirás, o pazo de Sada que ela e o seu marido expoliaran case 40 anos antes en plena guerra civil, simulando unha falsa doazón pública, e que frecuentaban como residencia estival. Sobre el, os Franco construíron primeiro a imaxe de caudillo do ditador e, posteriormente, a rede corrupta de favores e influencias que durante anos alimentou a súa fortuna familiar.

O 26 de novembro dese ano, apenas seis días despois da morte de Franco, catro tras a coroación do novo rei e só un despois da constitución da súa Casa Real como institución reitora dos intereses da Coroa, Juan Carlos I asinou un decreto lei polo que creaba e outorgaba o Señorío de Meirás a Carmen Polo, en testemuño dos «sentimentos de afecto e admiración á egrexia figura» da viúva do tirano. No texto do decreto publicado ao día seguinte no Boletín Oficial do Estado, o rei destacaba o seu «singular relevo nunha gloriosa etapa histórica da nosa patria». Á única filla do ditador, Carmen, que xa era marquesa consorte de Villaverde, concedeulle o mesmo día, pero noutro decreto, o título de duquesa de Franco, «en atención ás excepcionais circunstancias e merecementos que nela concorren» e eximíndoa do pago dos impostos legalmente vinculados á honra que recibía.

Os títulos de nai e filla tamén ían acompañados da consideración de grandes de España, a máxima dignidade da nobreza e que no pasado carrexaba regalías fiscais e numerosos privilexios simbólicos. Entre outros, o permiso para non descubrirse fronte ao monarca e para permanecer sentados en presenza da súa esposa; o tratamento oficial de «excelentísimo» fronte ao «ilustrísimo» do resto de aristócratas, e o dereito a non ser detidos nin privados de liberdade sen unha orde real específica. Na época na que Juan Carlos de Borbón distinguiu á viúva e á filla do tirano con esas prerrogativas, esa máxima consideración nobiliaria conlevaba outra notable prebenda: o uso e goce de pasaporte de status diplomático.

Explotación do pazo

Durante a ditadura, as Torres de Meirás, en teoría propiedade persoal de Franco pero mantidas e engordadas con recursos e persoal do Estado, funcionaron como núcleo da rede creada polo ditador para engordar a súa fortuna, que empezou a amasar durante a guerra con axuda de militares e de familias afíns á sublevación e á sanguinaria represión que a sucedeu. Desde empresas dedicadas á produción agrícola e madeireira, como Pazo de Meirás. Productos de la Huerta, que empregaba medios humanos e materiais doutras sociedades públicas para explotar leiras expoliadas a campesiños da zona; ata pelotazos urbanísticos con terreos expropiados pola Administración e pagos con fondos públicos, que logo se rexistraban como parte do inmoble a nome do tirano.

Cóntano Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, ambos descendentes de vítimas do franquismo en Sada, en Meirás. Un pazo. Un caudillo. Un espolio, o libro que recolle a histórica investigación que lle permitiu despois á Avogacía do Estado demostrar nos tribunais que Franco se fixo ilegalmente coas Torres. Logo, foi ampliando a propiedade utilizando a capacidade coercitiva do Estado para anexar as terras contiguas que lle interesaban ou que se lle antoxaban, e coas que logo el e a súa familia facían negocios privados.

En 2021, a Audiencia Provincial da Coruña ratificou que a operación mediante a que o ditador se apropiou de todo aquilo foi «unha mera aparencia» destinada «a crear unha ficción, a plasmar un negocio xurídico non existente», que lle permitiu rexistrar as Torres ao seu nome, engadirlles máis propiedades e logo legar o conxunto resultante aos seus herdeiros. A Audiencia da Coruña tamén considerou que estes tiñan dereito a que o Estado os indemnizase polos gastos de mantemento do pazo nos que incorrerían entre 1975 e decembro de 2020, cando, despois de gozalo durante décadas «de boa fe», como aseguraban, o devolveran ao patrimonio público por orde xudicial. O caso aínda está pendente de sentenza no Tribunal Supremo.

Contido

A decisión dos xuíces sobre a titularidade pública das Torres non afecta só o inmoble e ás leiras, senón a boa parte do seu contido, composto en boa medida por bens de diversa riqueza artística, histórica, cultural e patrimonial. Desde as estatuas medievais da catedral de Santiago ata as antigüidades e os agasallos que Franco foi recibindo como xefe do Estado, moitos dos cales foi acumulando no interior do pazo, pasando polos libros e a documentación persoal de Emilia Pardo Bazán, promotora e primeira dona do inmoble e cuxa biblioteca os albergaba.

O 17 de febreiro de 1978, apenas tres anos despois de que Juan Carlos nomeara a Carmen Polo señora de Meirás, un incendio que a prensa local atribuíu a un curtocircuíto arrasou boa parte das Torres. Os Franco baleiráronas entón de bens que non foron catalogados nin rexistrados, pero si trasladados en camións militares a un suposto almacén do exército. Así o lembraba hai cinco anos nun documental o fotoxornalista Xosé Castro, que aquela noite entrou no inmoble cos bombeiros que acudiron a extinguir o lume.

«Que sucedeu con eles [os bens que os Franco sacaron de Meirás tras o incendio de 1978]? Pois hai que preguntárllelo aos militares e ao gobernador civil»

O reporteiro fotografou a axentes da Garda Civil sacando das estancias ameazadas polas chamas en decenas de mobles, obras de arte e outros aveños e obxectos, como un enorme retrato do ditador, que ao día seguinte se acumulaban nos xardíns do pazo. «Que sucedeu con eles? Pois hai que preguntárllelo aos militares e ao gobernador civil», afirma Castro. O gobernador civil era entón Antonio Pol González, notario, procurador en Cortes e exalcalde franquista de Arzúa e Lugo, quen en 1982 obtivo un escano no Congreso por Alianza Popular, a formación que sete anos máis tarde se refundaría en Partido Popular. Pol faleceu en 2013.

Xoias con destino a Suíza

O 7 de abril de 1978, cando non pasaran nin dous meses desde o incendio do pazo, a duquesa de Franco, filla do ditador e da Señora de Meirás, foi retida no aeroporto de Barajas cando pretendía voar a Suíza cun bolso repleto de medallas oficiais, moedas conmemorativas, insignias, broches e emblemas de ouro e pedras preciosas, algunhas regaladas ou impostas a Franco no exercicio do seu cargo como xefe do Estado. Os funcionarios de Aduanas estimaron o valor dos obxectos que portaba Carmen Franco e Polo nuns dous millóns de pesetas –uns 105.000 euros na actualidade, aplicando a inflación– e advertírona de que precisaba dun permiso especial para sacalos de España.

As torres do pazo, durante unha visita aberta ao público / J.O.

A filla de Franco declarou entón a Diario 16 que pensaba que o valor daqueles obxectos non superaban as 300.000 pesetas –hoxe serían uns 15.300 euros–, e que se trataba de agasallos do seu pai que lle levaba a un xoieiro suízo coa pretensión de que lle fixese con eles un reloxo de mesa para regalarlle á súa nai. Tamén confirmou á prensa que viaxaba co seu pasaporte diplomático, do que dispoñía como grande de España e que lle fora expedido por orde de Juan Carlos de Borbón o 19 de xullo do ano anterior. É dicir, un día despois do 41º aniversario do golpe de estado de 1936.

Poucos meses antes, segundo conta o xornalista Mariano Sánchez Soler en A familia Franco, SA, o daquela presidente do Goberno, Adolfo Suárez, ordenara ao Ministerio de Facenda que paralizase de inmediato unha operación destinada a localizar o diñeiro supostamente levado ao estranxeiro e evadido ao fisco español polos herdeiros do tirano.

Prebendas

Carmen Polo morreu en 1988. O seu título de señora de Meirás non era hereditario e expirou, pero o seu neto Francisco Franco e Martínez-Bordíu reclamouno para si, e Juan Carlos de Borbón volveu concederllo ese mesmo ano anunciándollo por carta persoal. Para entón, había catro anos que o Goberno de Felipe González (PSOE) eliminara a prebenda do pasaporte diplomático para os grandes de España. O ducado de Franco si era hereditario, e a neta maior do ditador, Carmen Martínez-Bordíu, non tivo que reclamalo e asumiuno automaticamente tras o falecemento da súa nai o 29 de decembro de 2017.

Cinco anos despois, a lei de memoria democrática retiroulles aos herdeiros de Franco os títulos e a grandeza de España que lles concedera Juan Carlos I, que xa fuxira a Abu Dabi escapando das súas propias fraudes fiscais. A norma de memoria contemplaba expresamente a inmediata anulación daquelas honras, xunto a outras 31 honras similares concedidas entre 1948 e 1978: 28 delas outorgadas polo propio Franco e outras cinco, polo seu sucesor.

Ademais do Señorío de Meirás e do ducado de Franco, o sucesor designado polo ditador fixera condesa en 1977 a Rita Gómez Nales, viúva de Antonio Iturmendi, quen ocupara altos cargos durante a ditadura; e marqués a Miguel Arias Navarro, o último presidente do Goberno do tirano, alcumado como «O carniceiro de Málaga» polo seu papel como fiscal nos consellos de guerra que acabaron tras o 36 coa condenas á morte de miles de persoas leais á República. A título póstumo, o monarca sinalado por Franco tamén lle outorgara un condado ao falanxista Alejandro Rodríguez de Valcárcel e Nebreda, tenente do Exército fascista durante a guerra civil e quen exerceu diversos cargos durante a ditadura, entre eles a xefatura do Estado durante os tres días entre a morte de Franco e a coroación de Juan Carlos de Borbón.

Francis Franco: «Seguirei sendo señor de Meirás»

Unhas semanas antes da entrada en vigor da lei de memoria democrática en outubro de 2022, Francisco Franco Martínez-Bordíu considerou que a supresión de todos os títulos entregados polo monarca á súa familia era «unha mamarrachada» que non ía ter «efecto práctico ningún». «Eu seguirei sendo señor de Meirás aínda que o Goberno non o recoñeza», asegurou entón en declaracións ao Independente.

Luzes-Público dirixiuse á Fundación Nacional Francisco Franco para tratar de obter a versión da familia sobre os asuntos tratados neste artigo. A institución, cuxa presidenta de honra é a título póstumo Carmen Polo e o seu presidente, Luis Alfonso de Borbón e Martínez-Bordíu, bisneto do tirano e curmán segundo de Juan Carlos de Borbón, non ofrecera resposta á hora en que se terminou de redactalo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail