Luces en Vigo e sombras en Muface e no PP de Galicia

Vigo inaugurou o Nadal no planeta e máis alá co encendido das luces. É bo ou malo para a veciñanza? Para o alcalde Abel Caballero, desde logo, é inmellorable. Os que están máis a escuras son os afiliados a Muface, os funcionarios que teñen asistencia sanitaria a través das aseguradoras e que non saben a tal hora se desde o 1 de xaneiro do ano que vén seguirán atendidos polo seu seguro habitual ou terán que migrar ao Sergas. As compañías de seguros que ata agora atendían os mutualistas (Adeslas, DKV e Asisa) din que os 3.000 millóns longos de euros que reciben do Estado non lles chegan a nada, e o Ministerio de Sanidade que non hai problema en acoller ao millón e medio de refuxiados que virían da mutua funcionarial.

Mentres, no PP de Galicia hai un conato de resurrección boina, Daniel Chapela, coordinador de Cultura da dirección do partido e concelleiro en Bueu vaise chamándolle inútil e de todo menos bonito ao conselleiro de ídem, Lingua e Xuventude, Jose López Campos. É Chapela o derradeiro galeguista no PP, como aqueles soldados xaponeses perdidos que non sabían que rematara a guerra, ou hai algo máis?

Escoiten a Ana Luísa Bouza, Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro, e quizais non aprendan nada, pero polo menos pasarán o tempo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail