Nunca máis: o antecedente do Non á guerra e do 15M cumpre 20 anos

Unha reunión o 21 de novembro de 2002 en Santiago deu orixe ao movemento contra o Prestige que deseñou a contestación social na España de principios deste século.

A Coruña.- Se reducísemos a superficie de Galicia á que ten unha moeda dun euro, poderíase situar o lugar do afundimento do Prestige a unha distancia da costa similar á do diámetro doutra moeda do mesmo valor. A extrapolación pode parecer unha parvada, pero serve para facerse unha idea real das consecuencias da peor catástrofe ambiental da historia de España. Aquel petroleiro que o Goberno paseou hai vinte anos polas costas de Galicia, e que xace no fondo do mar a unha profundidade equivalente a un terzo do grosor dunha moeda dun céntimo de euro, no noso exemplo contería unha carga contaminante proporcional á cantidade de tinta dun bolígrafo recentemente estreado.

O 21 de novembro de 2002, dous días despois de que o Prestige partise en dous a un euro de distancia da costa galega, unha trintena de representantes de confrarías de pescadores e mariscadoras, sindicatos, asociacións profesionais, organizacións ecoloxistas e partidos políticos reuníronse na sede do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Santiago. Alí acordaron celebrar unha gran manifestación en protesta pola vertedura, pola inacción das autoridades galegas e españolas e contra o que consideraron como unha campaña de mentiras auspiciada polo Goberno de Aznar a través dos medios públicos de comunicación.

O que parecía unha pequena protesta sectorial de xentes do mar acabou converténdose na acción transversal colectiva de maior calado na historia de Galicia. Unha marea de solidariedade e reivindicación do orgullo nacional cidadán que por primeira vez en centos de anos puxo contra as cordas ao goberno de España desde as rúas dun pequeno país no o arrabalde de Europa. Para moitos e moitas, outros movementos como o Non á Guerra de Iraq, a contestación social polo 11M e a Spanish Revolution, que se puxo en marcha co 15M tras o crac financeiro de 2008, non poderían entenderse sen aquel antecedente.

«Pensabamos que a marea negra non era só un problema dos traballadores do mar, nin só un problema ambiental, nin só unha reacción ao menosprezo dun Estado centralista. Érao todo. Un problema de dignidade nacional, dun país ao que se lle negaba a capacidade para xestionar a peor catástrofe ecolóxica da súa historia e ao que se tentaba enganar sobre o que estaba a pasar», lembra Anxo Quintana, entón coordinador nacional do BNG e máis tarde vicepresidente da Xunta no goberno bipartito co PSOE.

Fotografía de Xurxo Lobato.

Quintana explica que o lema daquela manifestación pretendía afastar calquera posicionamento político para solicitar, sen que se identificase con posicións partidistas, a indignación cidadá pola xestión da crise. Tamén pola constatación de que a costa de Galicia estaba a converterse, coa aquiescencia do Estado, en sumidoiro de chapapote e cemiterio de petroleiros. Primeiro o Polycommander (1965), logo o Urquiola (1976), despois o Mar Exeo (1992)… «O Prestige non era un problema conxuntural, senón o exemplo dun déficit estrutural de medios nun país que non tiña e que segue sen ter competencias en materia de salvamento marítimo para facer fronte a catástrofes dese tipo», engade Quintana.

«O lema de Nunca Máis xa se utilizou na manifestación polo Mar Exeo», lembra o fotoperiodista Xurxo Lobato, autor dunha das fotos máis icónicas do naufraxio do Prestige. Nela advírtese a proa do buque a piques de afundirse coma se fosen as fauces dun escualo que non se sabe se se mergulla no mar ou máis ben emerxe del para devorar a quen aparcou nas súas beiras o seu modo e ferramentas de vida.

«Nunha viaxe a Euskadi eses días alguén me dixo nun batzoki de Gernika que o problema do Prestige era que os galegos eramos un pobo submiso. Quedoume gravado que tivesen esa imaxe de nós», di Lobato. «Nunca Máis acabou para sempre con esa etiqueta», rememora o fotoxornalista, cuxa foto recibiu varios premios de xornalismo, como o Ortega y Gasset, e formou parte de ducias de exposicións, entre elas a que estes días se pode visitar no Museu Marítim de Barcelona.

O 1 de decembro de 2002, coa icónica foto de Lobato como fondo dos carteis chamando á convocatoria, máis de 200.000 galegos reuníronse en Santiago para expresar a súa repulsa ao enésimo atentado ás súas costas, aquelas sobre as que construíron durante milenios o armazón da súa identidade, a súa cultura e o seu idioma. Foi, e segue sendo, a manifestación máis concorrida da historia de Galicia. Portando a pancarta, na cabeceira da protesta, non había políticos, senón mariñeiros, intelectuais, artistas, activistas da defensa do medio ambiente e líderes veciñais.

Pasada unha hora da protesta, o Consello da Xunta que presidía Manuel Fraga, presidente de honra do PP, reuniuse de urxencia en Santiago para anunciar un plan de axudas aos afectados polo chapapote, ao que o goberno de Aznar se sumaría poucos días despois. «Nunca Máis tivo dous efectos», lembra Bieito Lobeira, un dos participantes na reunión do 21 de novembro en Santiago e hoxe membro da executiva nacional do BNG. «O primeiro efecto foi material e identificable. O segundo, e que non se pode cuantificar, resultou fundamental para a reivindicación da dignidade dun pobo», resume.

Representantes de Nunca Máis diante do Parlamento Europeo / Xurxo Lobato.

No medio do desconcerto do goberno de Aznar, a manifestación do Prestige convocada por Nunca Máis elevouse á categoría de paradigma da emerxencia da cultura popular. Aínda non existían as redes sociais, pero os «memes» xa se escribían sobre pancartas de cartón á maneira en que logo se articularon no 15M –«PP-troleiro», «Fraga-gá»–. Tamén se enarboraron símbolos e iconografía que logo se reproducirían nos movementos estatais: maletas de emigrantes como metáfora de negro porvir; corvos mariños petroleados cravados en cruces de petróleo…

«Fraga dicía que Galicia era xeoloxicamente conservadora e Galicia rebelouse contra esa imaxe xeoloxicamente triste. O pobo recuperou para si os símbolos dos que o PP se apropiara e rebelouse contra o capitalismo sucio», sinala o escritor e xornalista Manuel Rivas, que leu o manifesto final da concentración do 1 de decembro.

Rivas enlaza o espírito do Nunca Máis coa situación de dependencia e opresión que sofre Galicia desde os centros de poder e lembra que Galicia era o lugar desde onde o goberno conservador menos podía esperar unha contestación social ambientalista, humanística e transnacional fronte ao establishment na era contemporánea. No século VI, o bispo Martín de Braga redactou a súa De correctione rusticorum, na que anunciaba enormes castigos a quen considerase á natureza como unha entidade obxecto de dereitos tan elementais como o de non ser agredida.

«Nunca máis representou a negación daquela tese que se solidificara co lema de Fraga de que eramos unha comunidade xeoloxicamente conservadora», explica Rivas. «Esa tristeza xeolóxica secular terminouse con Nunca Máis», asegura.

Dous meses despois da manifestación en Santiago, Nunca Máis chegou a Madrid noutra concentración que se celebrou o 23 de febreiro, coincidindo co 22 aniversario do golpe de estado de 1981. O lema da protesta, que secundaron un cuarto de millón de persoas, foi «Polo mar, pola paz e pola democracia».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail