Galegofobia de baixa intensidade

Recoñezo que o título contén un oxímoro. Se a fobia marca un ponto álxido, un sentimento ou sensación de aversión extrema, dificilmente vai ser de «baixa» intensidade. Explicareime, pois. Hai unha galegofobia (por certo, este termo xa o utilizou hai cen anos Antón Vilar Ponte nunha das súas crónicas xornalísticas) bruta, que continúa campando a destra e a sinistra –que dirían os nosos amigos italianos– en declaracións de representantes públicos españois, artistas ou aspirantes a, e, aínda, en fraseoloxía e paremioloxía viva no idioma oficial do Estado.

Será ocioso lembrar as orixes históricas de tal fenómeno, que, desde logo, van moito máis alá dun rexeitamento clasista da traballadora e do traballador inmigrante en Castilla, en Madrid ou noutras zonas de España. É unha cuestión de desprezo nacional e social asemade: o galego admisíbel e adulado era (e é) mesmamente o non-galego, o servidor da política estatal, o triunfador individual adaptado ao traxe conveniente. Os «gallegos a la española», en suma, de que están cheas a política e a intelectualidade españolas desde hai séculos e, nomeadamente, no XIX e XX. As nacións pódense definir en positivo ou en negativo, e a nosa, antes da primeira conceptualización –na Galiza e para a Galiza–, xa estaba definida como tal polos seus detractores, pola práctica constante do disfemismo.

O galego admisíbel e adulado era (e é) mesmamente o non-galego, o servidor da política estatal, o triunfador individual adaptado ao traxe conveniente

Por baixo ou ao lado desta galegofobia bruta, subsiste unha rancia concepción da Galiza que, moi esquematicamente, se alimenta dos seguintes atributos: a) brétema, misterio, indefinición, dúbida; b) natureza exuberante; c) exotismo de costumes ancestrais e ritos antiquísimos; d) animalidade-brutalidade; e) unha anomalía, en fin, un corpo estraño e colonial de difícil integración na «normalidade» española-europea.

A cinematografía española non se subtrae a esta mitificación. A terra e o mar galegos resultan óptimos para localizar historias e tramas truculentas, que, ademais, tiveron soporte abondoso en grandes da literatura española como Pardo Bazán ou Valle Inclán.

De por parte, o do preconceito, o do estereotipo, é o reino da comodidade. Resulta moito máis confortábel se instalar nel que cuestionalo. Isto, esta operación de furar na súa tona para ver o que hai de certo neles, levaría a un cuestionamento xeral da historia de Galiza e da historia de España, a un interese por coñecer a primeira e problematizar a segunda… e non está o panorama intelectual medio para semellante operación.

Todo o anterior vén a conto dun recente filme, As bestas, de Rodrigo Sorogoyen, con Isabel Piña como co-guionista. Coprodución hispano-francesa, foi estreado hai meses en Francia con grande éxito de público e crítica; premiado en festivais varios; «galardoado» con unánimes críticas positivas, tanto de autoría galega como española. Disinto de todas elas. O filme está montado sobre unha dualidade de imposíbel síntese: o universo educado, civilizado, amoroso, ecoloxista… dos franceses Antoine e Olga, e a cerrazón, sadismo e brutalidade irredenta dos nativos, servidos por actores galegos. O galego e o castrapo non fai falta dicer a quen e a que serven. O terror vaise dosificando até concluír na morte matada irreversíbel. A estrutura é circular, e o ambiente, asfixiante. Até a única autoridade presente, a Guardia Civil, semella contaxiada do fatalismo que o impregna todo, da non-solución.

O filme está montado sobre unha dualidade de imposíbel síntese: o universo educado, civilizado, amoroso, ecoloxista… dos franceses Antoine e Olga, e a cerrazón, sadismo e brutalidade irredenta dos nativos, servidos por actores galegos

Hai un par de escenas definitorias e definitivas. O filme comeza por unha visión da rapa das bestas, onde a forza dos aloitadores ha de reducir o cabalo até o penúltimo alento para podelo dominar. O asasinato de Antoine reproduce exactamente, cos mesmos primeirísimos planos, a agonía-fin do matado. A continuidade á vista está. Nesta tal narrativa, sobra a historia, a razón da desertificación da aldea, a actuación do Estado, a invasión das eólicas, o motivo, en fin, de tanta miseria. Esta visión conta, por suposto, coa súa coartada: o filme está inspirado nun caso real. Por declaracións dos guionistas, podíase localizar en calquera outro lugar, mais a nosa terra era óptima pola paisaxe, a lingua e a idiosincrasia galega. Todo, dise, «hipercinematográfico». Acabáramos: cui prodest?

Significativo o título francés do filme: As bestas, ou comme des bêtes. Todo claro. As bestas homicidas trocan o equino polo animal humano. E ter que aturar, a esta altura, que se fale na crítica de thriller rural, de terrorismo idem… excede calquera xuízo. O máis elocuente, abofé, é o que cualifica o filme de western. Aí lle doe: o xusticeiro e civilizado forasteiro morto a mans da barbarie india. Cinema colonial, en suma, aclamado non por refutar o estereotipo senón por reforzalo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail