Carta aberta ao presidente da Xunta (II)

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Prezado señor presidente da Xunta,

Escríbolle desde a emoción que me produce saber que o vindeiro luns, actualidade mediante, a partir das 10.45 da mañá, desde o seu queridísimo Madrid, a miña voz vaise poder escoitar polas ondas dunha emisora pública, neste caso Radio Nacional de España, en todo o territorio galego durante máis de 10 minutos. Sucederá por primeira vez desde o 15 de xuño de 2017, cando con Javier Ares, tamén defenestrado, participei por última vez nun faladoiro da Radio Galega. Será unha sorte de Radio Pirenaica luxildiana. A entrevista enmárcase dentro da miña loita contra o estigma que sufrimos os depresivos, e non sobre o que vou relatar aquí. Perda coidado.

Permitirame que comece a miña viaxe voadora, desde Sant Feliu de Guixols, a partir do seu fermosísimo Os Peares, ao carón do máis espectacular tramo ferroviario do noso país, o que empeza no Barco e, pola variante sur, segue despois cara o mar, pola ruta de Andrés do Barro. Perto fica Escairón, a terra da miña avoa paterna, María Dosinda González, comunista, que, tras o terrible descenso social que supuxo a morte prematura do meu avó, José Ramón Lugilde, en Lalín en 1946, sacou adiante a súa familia de forma heroica no Monforte de Lemos da longa posguerra.

Pola mesma vía de tren, esa tan maltratada e aldraxada, seguirei cara a Sarria da miña outra avoa, a materna, conservadora, Elena Díaz Díaz, que coa súa beleza din que paraba o tráfico no paseo de Gracia da década de 1930 e que, segundo López Orozco, era o que máis resplandecía na miseria de Triacastela durante a posguerra. Alí goberna a popular Olga Iglesias, que tanto apoio me deu en outubro cando emprendín o camiño de saída cara a Catalunya, nun retorno ás miñas orixes que, como pode ver, malia as moi prometedoras expectativas profesionais que se me abren para os próximos anos, non deixa de ser morriñento.

De Triacastela saltaremos a Lugo, por suposto, onde nacín o 6 de agosto de 1970 ao pé da muralla, no sanatorio da Virxe dos Ollos Grandes, onde pasei a adolescencia e onde, no polígono industrial do Ceao, a miña nai mais eu tivemos a desgraza de compartir mesa e mantel con vostede o 8 de abril de 2015 cando El Progreso tivo a ben concederme o premio Puro Cora. Foi un día de festa que deixou unha fonda ferida na miña familia, por mor do espectáculo que deu vostede facéndolle as beiras a miña nai, aproveitando a súa bondade sen par e a súa ideoloxía conservadora. Foi no preludio da inminente cacería profesional contra a miña persoa que estaba a deseñar alguén que se atopaba nesa mesma sala, Mar Sánchez Sierra, secretaria xeral de Medios, a cara B de Núñez Feijóo. A miña nai votara por vostede en máis dunha ocasión, pero vostede mesmo, que converteu esa confesión electoral nun trofeo de guerra, fixo que ela tivese que mudar de papeleta tempo despois.

Pola Terra Chá subirei a Vilalba, o berce de Manuel Fraga Iribarne, que, co seu pasado da ditadura, non só segue a ser o político máis votado da Galicia autonómica senón que, comparado con vostede, é un galeguista que traballaba en equipo. Nos últimos anos da súa presidencia respectaba moito máis o artigo 20 da Constitución ca vostede. Na Mariña poderiamos facer moitas cousas, pero eu quero ter unha lembranza para un compañeiro, oriúndo desa comarca, que nada máis chegar vostede á Xunta foi vetado nos medios públicos polo terrible pecado de que, co PP na oposición, unha fin de semana que estaba de quenda decidiu que non era interesante un comunicado de prensa dos populares.

Cando Juan Fernández foi nomeado concelleiro de Facenda, logo de varios anos sen facer a declaración do IRPF, dixo que quen sabía a trampa, sabía a lei. a vostede non fai falla recordarlle o contido do artigo 20 da Constitución Española, porque o sabe mellor ca ninguén

A Ferrol entraremos pola ponte das Pías, alí, onde o 13 de xaneiro de 1998, din, grazas a un entón concelleiro do Partido Popular, a miña maior exclusiva na prensa escrita, coa publicación, tanto nos últimos exemplares da edición da Coruña de La Voz de Galicia como nuns especiais para Ferrol, a nova da catástrofe. De Ferrol é ese político tan enxeñoso como entrañablemente impresentable que é Juan Fernández García, vello amigo meu, de grandes amores e odios. Cando foi nomeado concelleiro de Facenda, logo de varios anos sen facer a declaración do IRPF, dixo que quen sabía a trampa, sabía a lei. Así, que coa doutrina do Pata, o alcume local de Fernández, a vostede non fai falla recordarlle o contido do artigo 20 da Constitución Española, porque o sabe mellor ca ninguén.

Antes de ir a Compostela, faremos unha parada na Coruña, por suposto, onde vive a miña irmá Begoña, Chechiña. Aínda que me considero un 55% galego, un 40% catalán e un 5% vasco, pola vía dos avós eu son un 25% da zona rural do concello de Lugo, un 25% de Triacastela, un 25% de Escairón e outro 25% da Coruña, da avoa Elena, que logo foi a señora de Triacastela. Eu xa a coñecín de viúva de Jesús Pardo Neira, o cacique do pobo. Nunca estiven nada orgulloso desa condición, todo o contrario, mais pódome gabar de que non é nada doado atopar quen fale mal do meu avó. Na Coruña está traballando o xornalista Alfonso Hermida, tras deixar a TVG pola persecución que sufriu. Cando el e Tati Moyano dimitiron como presentadores do Telexornal da noite pola manipulación só un xornal galego publicou a noticia. U-lo artigo 20?

Era cando vostede me botaba choradas no Parlamento polo vendidos que estaban os medios á Xunta, lémbrase?

Baixarei despois a Compostela, onde se dá a maior concentración de xornalistas de Galicia. Hai moitos seus. Dicir que os respecto sería poñerme ao seu nivel, porque é un comportamento obrigatorio, mesmo cos que, como xa se viu cando gobernaban PSOE e BNG, o fan por cartos. Era cando vostede me botaba choradas no Parlamento polo vendidos que estaban os medios á Xunta, lémbrase?  En Santiago hoxe tamén hai moito medo, moito xornalista indo a terapia, sufrindo na súa conciencia, senón padecendo directamente na súa nómina e na súa carreira profesional. Pasarei por San Marcos, para render homenaxe aos heroes e heroínas de Defende a Galega. Seguirei á Estrada, onde está Marga Pazos, a presentadora que sabiamente deixou a canle cando a castigaron por ler un manifesto.

Acabarei nas rías, da serie Fariña, esa que non lle gustou nada a vostede, por motivos obvios. Varios actores ficaron sen papeis que tiñan apalabrados coa TVG, como contou o propio produtor en Twitter, aínda que logo eliminou a súa conta. Nacho Carretero, o autor do libro, confirmouno nunha entrevista, como tamén fixo despois Touriñán.

Como epílogo voarei sobre as Cíes e as termas do Prexigueiro e Outariz, eses paraísos que ninguén me poderá quitar xamais.

P.D. 1.       O chío de Ramón Campos, produtor da serie

«Cóntanme que TVG tomou represalias contra algún dos actores de Fariña e eu dígome que non pode ser certo, porque non pode ser certo que iso suceda a día de hoxe nunha tele pública, verdade?».

P.D. 2.      Entrevista a Nacho Carretero no programa Faqs, de TV3.    (é a partir do minuto 18.55)

Jordi Barbeta (Uno dos tertulianos): Da inxerencia do narcotráfico na política, ben, hai moitas versión, pero a última é que os actores da serie Fariña foron vetados nos medios públicos de Galicia. Iso é verdade?

Nacho Carretero: Cónstame que algún si, que algún.

Jordi Barbeta: Os actores, os actores.

Nacho Carretero: Non todos. Que algún actor tivo problemas coa televisión de Galicia, si. Eu non tiven ningún. Estiven hai pouco na Televisión de Galicia e na Radio Galega e non tiven ningún problema.

Laura Rosell (presentadora do programa): E sabes por que tiveron este problema?

Nacho Carretero: Non o sei.

P.D. 3.       Entrevista a Touriñán en Praza.gal.

Marchou da TVG, volverá á televisión pública?

Espero, porque é a miña casa, pero agora é un momento complicado porque pasaron certas cousas coa TVG que non me gustaron e preferín descansar e parar. Houbo certas decisións desde a dirección da CRTVG que creo, na miña opinión, que non foron xustas.

Tivo que ver coa súa participación na serie Fariña?

Pois algo se cadra si, porque tiñamos un proxecto na TVG que se para, xusto nese momento, dun xeito un pouco raro e non chegamos a un acordo. Era un proxecto de ficción e tiña ganas de facelo, e de facelo en Galicia, pero non se puido. Nese momento, o que fixen foi buscarme a vida en Madrid porque chegou unha oferta de Movistar para facer Justo Antes de Cristo. E acepteina.

*Este artigo non está suxeito a remuneración, porque o autor se atopa de baixa, cunha Incapacidade Laboral Transitoria e porque se enmarca dentro do seu proceso terapeútico.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail