Hai mulleres que militan en Vox e andan por aí afirmando que o feminismo é un cancro que representa de maneira fraudulenta as mulleres. Propoñen que as rapazas estuden costura porque coser botóns empodera moito e entenden que combater os estereotipos sexistas na escola é unha tontallada e unha «majadería» ideolóxica. Mentes tan «brillantes» están preocupadas co «lesboterrorismo» e o «pornofeminismo», mentres pregoan que os nenos están hipersexualizados e defenden que «as cotas de entreperna» levan a que mulleres que non «son válidas» se coloquen en cargos para os que non están preparadas.
E todo porque Unidas Podemos, Más Madrid e PSOE presentaron unha Proposición Non de Lei para que se sopesase a creación dunha materia escolar que contemplase a educación en valores, que abordase a igualdade de xénero e a educación afectivo-sexual. Pedían cousas tan necesarias como que se revisasen os libros de texto para evitar os estereotipos de xénero e o silenciamento de autoras e de mulleres historicamente relevantes. Engadía Unidas Podemos o veto ao financiamento con cartos públicos, de centros educativos nos que se segrega en función do sexo, o control sobre a liberdade á hora de elixir as prendas do uniforme en función das sensibilidades dos estudantes e a supresión de actividades extraescolares «para rapazas» e actividades «para rapaces».

Entendemos que votar en contra dunha iniciativa como esta, que pretende rematar coa educación discriminatoria e favorecer unha sociedade menos inxusta e sexista, pode ter que ver coa ideoloxía dos partidos e dos votantes; pero afirmar semellante montaña de parvadas denota mente estreita e malintencionada. Preguntámonos se as deputadas Alicia Rubio de Vox, Lorena Heras do PP e Eva Bailén de Ciudadanos, terán reparado algunha vez no ben que lles vai grazas ás clases de costura e ao empoderamento do botón.
E conste que pese á evidente situación de desigualdade en que nos educamos pouco a pouco estamos deconstruíndo o produto de centos e centos de anos de patriarcado e de sometemento da muller. Somos máis do 60% do alumnado das universidades, e fronte ao 83% das rapazas que rematan a ESO só o 73% dos rapaces o fan. Engadamos a iso, que máis do 95% dos docentes de Educación Infantil e case o 82% dos de Primaria son mulleres. En ESO e Bacharelato as cifras de docentes baixan ao 59% e na universidade ao 42%. A pirámide inversa delata a realidade da sociedade, canto máis arriba menos somos. As estatísticas non enganan.