Desde unha perspectiva diacrónica podemos interpretar unha fonte, un muíño, unha romaría ou unha discoteca como lugares de reunión onde a posibilidade de ter un encontro casual e coñecer alguén pairaba no aire. Isto foi tradicionalmente así até a chegada da internet nas nosas vidas, que ofreceu novas formas de comunicar ao mundo, como as redes sociais.
Xornadas laborais interminábeis, emigración ou mesmo unha pandemia son factores que agravan a sensación de incomunicación e soidade. Cada vez é máis complicado encontrar novas amizades, por non falar de relacionamentos máis ou menos profundos. En 2020 o planeta decidiu ir a outro ritmo e o confinamento disparou o número de adhesións a apps de encontros: para moitas persoas coñecer alguén grazas a un algoritmo xa non era unha opción, convertíase na única vía.
Neste último programa das Womansplainers abordamos o tema desde a curiosidade de quen nunca usou estas aplicacións e a experiencia persoal de algunhas de nós. Comezamos o episodio cos conceptos máis básicos sobre o Tinder: deslizar para a esquerda/dereita, facer un match, crear unha biografía con fotos e colocar preferencias ou comezar un chat. Unha vez feita esta guía para iniciantes, comentamos os motivos que se poden ter para instalalo. A evolución e abandono de certos prexuízos sobre termos encontros a través desta ferramenta é un tema de fondo, sen deixarmos de lado a certa indefensión que se pode ter cando falamos e nos encontramos diante dunha persoa até o momento case descoñecida.
Será que unha foto e uns poucos datos poden realmente marcar toda diferenza? o xogo do que nos resulta atraente está tamén moi relacionado con como somos capaces de publicitar o noso atractivo para conseguirmos máis suceso no noso perfil.
Agora que xa temos feita a descrición do capítulo, deslizade á dereita!
S02E04: Tindersplaining, as Womansplainers explican o Tinder.