A Cámara volve abrir unha comisión de investigación pola unión de Caixanova e Caixa Galicia en 2010, despois de que a Audiencia Nacional sinalase ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo por avalar un proceso destinado ao fracaso.
Unha década despois de que Caixa Galicia e Caixanova se convertesen en NovaCaixaGalicia ( NCG), un proceso impulsado polo goberno do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a controvertida fusión volve ocupar o centro do debate político na comunidade. Por mor de que a Audiencia Nacional se pronunciou acerca da intervención do FROB desmontando a iniciativa do PPdeG, as forzas políticas negociaron un acordo para abrir o órgano de investigación e destapar, se o grupo de Feijóo o permite, a realidade do que significou o punto e final para as caixas de aforro galegas.
A Audiencia Nacional sostivo que a «única razón» pola que o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) tivo que intervir «foi pola situación económica-financeira na que se atopaba, en 2010, Caixa Galicia, antes de que se producise a fusión». E máis concretamente, engade que «Caixanova nunca sería intervida se non se vira obrigada a fusionarse con Caixa Galicia, dando lugar a NovaCaixaGalicia».
A reactivación da comisión irrompe en O Hórreo en plena crise do coronavirus e aínda que o auto modificase as circunstancias, semella a un dèjá vu para os deputados e as deputadas. É a terceira vez que se pon en marcha esta investigación no Parlamento que despois das eleccións de xullo ocupan só tres grupos políticos, o PP, BNG e PSOE, e a decisión aprobouse esta semana no pleno nun debate moi tenso. O primeiro obxectivo será conseguir un informe da consultora KPMG que segundo a Xunta «avala a solvencia da fusión das caixas galegas», pero PSdeG y BNG reclaman a Feijóo que só teñen un «power point» e piden coñecer o documento «ao completo».
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
En 2012 e cos populares xa no Goberno, a Cámara aprobou de maneira consensuada o inicio dos traballos de indagación por parte dos partidos, pero deles nunca se extraeron conclusións, e a idea é recuperar e aproveitar os pasos avanzados nos anteriores procesos para esta nova etapa. Desde aquela, cando Feijóo soamente sumaba tres anos á fronte do Executivo autonómico, caeron os integrantes que conformaban a cúpula de NovaCaixaGalicia (NCG) por atribuírse xubilacións millonarias antes da desaparición das caixas. Entre eles, o expresidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, condenado a dous anos de prisión que finalmente quedaron en pouco máis de seis meses, saíu en 2017.
Gayoso declarou no Congreso dos Deputados que a fusión foi «a peor das opcións posibles». Hai dous anos, Francisco Gibert, consultor de KPMG e coautor do famoso informe que auspiciaba o proceso e no que se baseou o Goberno galego, negou que ese documento fose unha auditoría de contas, senón un informe «factual» que se realizou de maneira «acelerada» nun mes e que custou un millón de euros á Xunta. Ademais, a alternativa que propuxo a compañía era a absorción de Caixa Galicia por parte de Caixanova, posto que a segunda, en Vigo, gozaba de mellor saúde que a primeira, na Coruña.
O portavoz do Grupo Común da Esquerda e deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) naquel momento, Antón Sánchez, solicitou en 2013 a información do que considera «a maior estafa económica aos galegos», pero non a recibiu. Por iso, o Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) condenou á Xunta por vulnerar o artigo 23 da constitución, e a sentenza ratifica que o Goberno «ocultou información transcendental no proceso durante anos». Catro meses despois, o grupo do PPdeG continúa escondendo a documentación, aínda a pesar de que en 2018 Sánchez solicitouna expresamente ao presidente da Cámara, Miguel Santalices.
A entón conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, foi a que encargou o traballo segundo Gibert, para soster e blindar os seus argumentos e auspiciar a fusión das caixas asegurando que o resultado mantería o seu carácter galego, pero finalmente, o Goberno errou nas súas previsións. Un ano despois da fusión, NovaCaixaGalicia tivo que bancarizarse porque seguiu arrastrando os mesmos problemas, provocados nun primeiro momento por unha xestión presuntuosa fundada na exposición á construción, ás hipotecas subprime, ao investimento de sectores industriais e non financeiros e á expansión nacional e internacional acelerada. Naceu entón NCG Banco con José María Castellano á cabeza, vicepresidente de Inditex e de La Voz de Galicia, diario afín á estratexia da Xunta. Castellano tampouco acertou e incumpriu as súas promesas. O directivo fixou como obxectivo alcanzar 700 millóns de euros de investimento privado para recapitalizar a entidade en apenas tres meses, pero posteriormente tivo que ser entregada ao FROB.
O rescate alcanzou os 9.000 millóns de euros e supuxo a perda de miles de empregos na comunidade. Da morte anunciada das caixas encargouse e beneficiouse o banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet, propietario do Grupo Banesco, que se fixo con ela por mil millóns de euros. Cambiou a denominación por Abanca e non tardou en recuperar o investimento. Os grupos que ocupan O Hórreo queren respostas.
O deputado do PSdeG-PSOE Pablo Arangüena, sinala en declaracións a Público que as achegas do tribunal destas últimas semanas «cambian o campo de xogo». O socialista di que Caixanova era «completamente viable» e que obrigaron a fusionala con Caixa Galicia, mentres que postulaban desde a Xunta que a unión era «necesaria e voluntaria». Pola súa banda, cre que o PP non ten «ningún interese» en que o documento de KPMG salga á luz. «O informe desmonta as explicacións que deron, promoveron aos catro ventos que ían manter os postos de traballo e que ía ser competitiva».
A deputada do BNG, Noa Presas, lembra que as dúas comisións anteriores non funcionaron porque o PP non actuou «activamente» para que os deputados recibisen a documentación, e que moita dela foi negada por algúns organismos con base á Lei de protección de datos. «O parlamento non tivo unha vontade activa para reclamala». Agora, e tras os novos indicios, considera que o PP «parece que entra en razón» e que facilitará e colaborará para descubrir a verdade sobre o que pasou coas caixas. O futuro da comisión de investigación dependerá da vontade do Partido Popular, que sustenta, por cuarta vez consecutiva, maioría absoluta con 42 deputados.
En 2009 e recentemente chegado á Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo tropezou coas graves consecuencias do crac financeiro que comezaba o ano anterior, e ante o pudor de que interviñese o Banco de España, ao que hoxe responsabiliza por autorizar a fusión das caixas, decidiu apostalo todo a unha carta. O que si permanece daquelas primeiras comisións é a esperanza de descubrir o que hai detrás do proceso de unión de Caixa Galicia e Caixanova, pero iso non ocorrerá ata que os deputados teñan nas súas mans o informe que tanto trata de encubrir o Partido Popular.
Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.