O día que Feijóo hackeou a Pedro Sánchez

«Ooh! Someone’s really smart / Ooh! Complete control, that’s a laugh»

The Clash. Complete control.

Xusto antes de que se coñecese a sentencia do Procés –unha barbaridade, aínda que dicilo a estas alturas xa non sorprende a ninguén– hackearon a Pedro Sánchez. Non a súa conta de twitter nin o seu instagram, non: hackearon-o- propio-Pedro-Sánchez. Claro que logo Barcelona converteuse en O que arde e xa non houbo tempo para pensar noutras cousas (falando da peli de Óliver Laxe, ninguén caeu nas similitudes que garda coa omnipresente Joker? O protagonista é un perturbado que vive coa súa nai e en ningunha das dúas cintas pasa nada ata a metade da peli…).

Pero non nos despistemos.

Estamos en condicións de afirmar que Alberto Núñez Feijóo tomou o control do corpo de Pedro Sánchez e pode que aínda o manteña. Lembrades cando en Terminator 2 o John Connor do futuro reprograma a Schwarzenegger e mándao ao pasado para que protexa o John adolescente do outro robot de metal líquido? Pois con Sánchez fixeron algo parecido. A ver, o presidente en funcións é tan alto e tan guapo que aínda está por demostrar que non sexa en realidade un androide. Quizais orixinalmente foi unha máquina creada para o pracer –como o Gigolo Joe de Jude Law en I.A.– que decidiu rebelarse contra o seu destino ao estilo Roy Batty.

Sexa como sexa, Sánchez foi hackeado.

Unha operación dese calado non podía permitirse erros e, por iso, os hackers populares fixeron un experimento un pouco antes cunha presa menor: o ministro de Fomento e secretario de organización do PSOE, José Luis Ábalos. Nun mitin en Valencia, Ábalos desmarcouse con esta frase: «El PSOE es España y lo más parecido al PSOE es España o España es lo más parecido al PSOE». Máis aló dese momento Rajoy «vecinos-alcalde-vecinos», a sentenza fíxoseme máis que familiar. Non deixaba de ser un trasunto dese mantra que repiten dende o primeiro ata o último cargo do PPdeG: «O PP é o partido que máis se parece a Galicia». Tan rara lles debeu parecer a afirmación aos socialistas que ata acabaron por borrar o tuit no que o recollían. Eles non o sabían, pero o intento de hackeo fora un éxito. Os populares acababan de comprobar que podían obrigar aos líderes do PSOE a dicir o que eles quixesen…

Entón, chegou o momento do asalto final. Foi nunha entrevista en TVE con Xabier Fortes. Alí, falando do fracaso que supuxo a anterior tentativa de investidura, Sánchez deixouno claro: «Si al final es imposible llegar a un acuerdo, que gobierne la lista más votada». O soño húmido do PP –e, sobre todo, do PP galego contaba por fin co apoio do outro puntal do bipartidismo. Nos sotos de Monte Pío, nunha sala secreta que só uns poucos coñecen, Feijóo celebraba o seu éxito cunha gargallada maléfica mentres acariñaba un gatiño de angora.

Manterá aínda o presidente da Xunta o seu control sobre o candidato socialista? Non hai forma segura de sabelo. Porén, eu permanecerei moi atento. Coas eleccións á volta da esquina e Catalunya en pé de guerra ante unha sentenza inasumible, é posible que durante os vindeiros días escoitemos a Pedro Sánchez dar aínda máis xiros ideolóxicos dos que deu ata o momento e presentar ideas e argumentos que sorprendan mesmo os seus votantes máis fieis.

Pero eu non pensaría que o fai por electoralismo. Nah. Se iso sucede, seguramente se deba a que siga hackeado pola dereita. Seguro…

  1. N. do A. Realmente, a frase «O PSOE é o partido que máis se parece a España» foi utilizada por José Blanco xa no 2005, cando Feijóo aínda aspiraba a ser o líder da oposición en Galicia. Apropiarse das ideas do contrario non é algo novo en quen, sen ir máis lonxe, vampirizou a aposta de Anxo Quintana por contrapoñer o sentidiño galego ao seny catalán, nos tempos nos que Pujol e os seus eran considerados uns estadistas capaces de garantiren a gobernabilidade do Estado a esquerda e dereita. Hoxe, o sentidiño é a marca do executivo galego. Tanto é así que ata Pablo Casado acabou por asumila nun mitin en Vigo recén estreada a primavera. Despois chegaría o das caralladas. Un par de campañas máis e Casado acabará competindo con James Rhodes por un título honorífico de galician-friendly.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail