Pois resulta que Olivia Rodrigo sacou novo álbum. Eu levo pendente da súa música desde que sacou o seu single Driver’s License alá polo xaneiro do 2021. Daquela ela era unha rapaza de 17 anos cantando sobre o seu primeiro gran desamor, e aquel que me lea un chisco coñece sobradamente a miña fascinación polas contribucións das rapazas adolescentes á cultura popular, polo que desde un principio escoitei a súa música preparada para convertirme en fan. O seu primeir álbum, Sour, pareceume unha auténtica marabilla, aínda coa distancia de que moitos dos seus temas xa non son aplicables á miña actual situación. E é que por moito de que non lle saque a Rodrigo máis de seis anos, actualmente eses seis anos que lle saco son anos de moito tute e moito drama: primeiras relacións, marchar da casa, primeiros traballos, amores e desamores, o cerebro rematando de recibir ese último toque de forno que nos fai mirar para atrás sentindo un mar de vergoña allea pola persoa que fomos. Cos 20 anos que ten ela agora eu tiña tempo para cousas para as que xa non me dá a olla, e tiña soños que xa descartei, amigues cos que nunca vou volver falar e ideas sobre o mundo que a día de hoxe me parecen francamente absurdas. Porén, esa é a vida. Deixar atrás versións de nós coas que ás veces non temos moito en común.
Volvendo a Sour. Encantoume. Pero é un álbum sobre ter 17 anos, da mesma forma que Guts, o que sacou agora, é un álbum sobre ter 19 anos. Os temas dos que fala resúltanme familiares e ata extremadamente recoñocibles. En «making the bed» fala desa etapa na que buscamos e escollemos que as cousas sexan fáciles e divertidas por enriba de que nos fagan ben, saíndo de festa co tipo de amigues que desaparecen cando as cousas se poñen feas. En «love is embarrasing» canta sobre decatarse como moitas veces sentimos que a persoa que temos diante é o amor da nosa vida para despois tornarse nun recordo incómodo e embarazoso. No derradeiro tema do álbum, «teenage dream», fala da moi familiar sensación de que con 19 anos xa deu todo o bo que tiña, que non lle queda máis. E se as cousas non van a mellor? E se ela non vai a mellor? Helena e máis eu escoitamos a canción xuntas no coche. Cando Rodrigo canta: «Todes din que vai a mellor / Todo vai a mellor cando máis medras / Todes din que vai a mellor / Pero se eu non?». Helena e máis eu mirámonos, entendendo perfectamente a sensación, comprendendo que ela realmente si pensa que existe unha boa posibilidade de que as cousas para ela só vaian a peor. Esa posibilidade si existe, claro que si, pero tanto Helena coma min dixemos o mesmo: si mellora, si. Pero convence ti diso á Malva de 19 anos. Convence ti á Helena de 19 anos. Convence ti a Olivia Rodrigo.
Así a todo, os temas que máis me chamaron a atención polo contido lírico foron o single principal, «vampire, logical» e «the grudge». E é que no entretempo entre Sour e Guts, Rodrigo estivo por Los Angeles tendo 19 anos, coas súas consecuencias. E estas cancións son o testemuño. O tema «vampire» é moi probablemente sobre o seu ex mozo, o DJ Zack Bia, co que tivo unha relación de seis meses o ano pasado, cando el tiña 26 anos.
Sei que hai moita xente á que non lle mola un carallo cando se critican as relacións con diferenzas de idade. Sei de xente que cando escribín outro artigo sobre a epidemia de mulleres novas escribindo cancións sobre o trauma de ter relacións románticas con homes máis vellos criticaron as miñas palabras (non diante de min, non vaia ser) e acusáronme de «infantilizar as mulleres» ao dicir que que é directamente predatorio buscar por sistema relacións con rapazas máis novas co obxectivo de explotar a diferenza de experiencia vital. Por un lado, paréceme fascinante esta súper moderna moda de preocuparse de súpeto pola infantilización das mulleres, guau! Mellor tarde que nunca! Por outro lado, quero sinalar que eu teño as miñas razóns, ben lexítimas, para ter unha opinión con coñecemento de causa sobre relacións con diferenzas de idade que van máis aló de ver a devastación que as mesmas deixaron nas mulleres da miña contorna social. Se unha amiga comeza a saír cun home trinta anos máis vello non a vou condenar ao ostracismo social nin vou ser desagradable cara a súa parella. Se un familiar comezara a saír cunha rapaza moito máis nova, pois daríalle a benvida, preguntaríalle en que traballa e ofreceríalle un café. Ata entendo que ás veces un romance de maio e decembro, como os chaman en inglés, é unha cousa que pasa sen que ninguén busque explotar nada. Xesús, se por entender, ata entendo que a partir de que unha persoa teña o cerebro rematado de cocer non hai ningún problema cunha relación cunha persoa de outra xeración se lle da a puñeteira gana. Que carallo me vai importar a min o que faga unha muller adulta coa súa vida? As persoas que opinamos que a tendencia que teñen algúns homes de buscar exclusivamente entrar en relacións con rapazas moito máis novas é algo do que preocuparse tamén sabemos vivir en sociedade. Pero é que me parece un auténtico cachondeo que nos poñamos a finxir que non é estraño o impulso de querer deitarte exclusivamente persoas cuxa experiencia vital é significativamente máis limitada ca túa. Que finxamos que isto ten que ver coa infantilización das mulleres e non con certas atitudes predatorias de homes que non nos queren ben. Isto seino eu, sábelo ti e sábeo Olivia Rodrigo.
En fin. Volvendo a Zack Bia, vampire e toda a pesca. O tema vai sobre unha relación de seis meses cun rapaz o cal ela percibe, en termos moi simples, só lle fixo as beiras por aproveitarse da súa fama e a súa falta de experiencia. «Eu pensaba que era lista, pero ti fixéchesme parecer tan inxenua», canta ela.«A forma na que me vediches por pezas mentres afundías os teus dentes en min… Chupasangue, buscafamas, desangrándome como un puto vampiro»..
A canción segue. Rodrigo pinta un cadro que me resulta tan familiar que podo poñerlle nome aos autores de ducias de versións diferentes: «Todas as rapazas coas que falei dixéronme que eras malas noticias. Chamáchelas tolas, Deus, odio como as chamei tolas eu tamén». Sempre me sorprende ver o universais que son certas tácticas. Tamén me sorprende a lucidez de Rodrigo: «Fuches detrás de min e non detrás dela… porque as rapazas da túa idade teñen máis idea».
Esta non é a única referencia que fai Rodrigo no álbum sobre unha relación na que alguén busca explotar o feito de que ela é máis nova e falta. Na balada «logical», un dos mellores temas de Guts, describe unha relación chea de gaslighting («Construíches un castelo xigante con muros tan altos que non puiden ver como todo se desenleou e as cousas que me ficeches. Mentiches, mentiches, mentiches»). A declaración máis dura ven na ponte da canción:
«Porque quererte é querer
Todas as discusións que usaches na miña contra
Mencionaches todas as rapazas coas que poderías estar
Dixeches que era demasiado nova, demasiado branda
Non teño sentido do humor, non podo facer que te corras»
O que describe Olivia Rodrigo son discusións nas que un home, que polo que sabemos ten sete anos máis que ela (nunha das etapas máis formativas na vida dun ser humano) que (advertencia, interpretación miña por dinámicas que teño visto noutras relacións similares a esta):
- Bótalle en cara que podería foder con todas as rapazas que lle saia a el da punta da pirola pero non o fai porque é un anxiño do ceo que ten a decencia de respectar os límites da súa relación;
- Bótalle en cara os anos que ela ten e o feito de que sexan menos dos que ten el (un dato sobre ela que el xa tiña desde o inicio da súa relación, na que como home adulto dubido moito que ninguén lle obrigara a entrar);
- Bótalle en cara que sexa demasiado branda, o que eu pola miña banda interpreto que significa que ten sentimentos e os comunica;
- Bótalle en cara que non ten sentido do humor, o que eu, de novo, interpreto pola miña experiencia e o que teño visto polo mundo que o que quere dicir é que lle molaría poder dicir calquer puñeteira barbaridade que se lle pase pola cabeza sen consecuencias; e
- Bótalle en cara que non teña máis experiencia no sexo (o cal, nin é algo malo nin é culpa da rapaza de 19 anos que acaba de rematar o instituto coa que estás escollendo foder).
Mmm. A que me soan estas cousas? Non estará este rapaz… infantilizando a Rodrigo?
Claro que ter unha relación cunha persoa máis nova non te fai mala persoa, a vida é moito máis complexa que iso. Excepcións hai miles e tonalidades de gris podémolas atopar en todas partes. As cousas teñen matices, e nun mundo ideal isto sería algo totalmente neutro. Pero é que se es unha persoa de moral podre e sen moita estima polo benestar alleo, paréceme un impulso moi habitual o buscar unha relación na que podas controlar o comportamento da túa parella en base a todas as cousas que non saben e non teñen. Que práctico poder botarlle en cara á túa moza que que é demasiado branda, demasiado sensible, cando ela igual é demasiado nova para recoñecer que iso a menudo é algo que din as persoas que queren falar sen prestarlle consideración ninlgunha aos sentimentos alleos. Que practico poder botarlle en cara a túa moza que é demasiado nova, non? Que lle falta experiencia. Unha experiencia que ti si tes. Que xa viviches todo iso. Ti sabes mellor que ela, así que lle vas explicar como se fai. E, curiosamente, todo se fai dunha forma que te beneficia. A dinámica está deseñada para que todo che estea servido en bandexa. Un plan sen buratos! Ela non vai saber o que non sabe! Ela non vai saber que merece algo mellor!
«The grudge» é unha canción máis ambigua. «Os dous fixemos sangue, pero, tío, eses cortes nunca foron iguais»; un sentimento que se repite unha e outra vez neste álbum. «Fantaseo sobre unha vez na que te sintes culpable», canta. Cando en febreiro poño na miña historia un meme que di «A mira conspiración favorita é que el se arrepinte do que me fixo», varias rapazas contestan cunhas historias das que me lembro a día de hoxe. Moitas delas, parecidas á que conta Rodrigo neste álbum.
Hai varios puntos neste álbum nos que Rodrigo tamén insiste no feito de que é consciente de que ela é responsable. De non ter parado a situación, de non ter deixado o tipo antes. Declárase «50% culpable», e ese é un sentimento totalmente lexítimo. Pero eu miro a rapaces e rapazas de 19 anos, que aínda están preocupades de que as cousas non vaian ir mellor e de que xa lle deron ao mundo todo o bo que lle podían dar e o último que se me ocorre é mandarlles unha mensaxe directa por Instagram para iniciar un tórrido romance. Agora con 26 anos sigo sen saber o que non sei, pero o que si sei é todo o que non sabía con 19. Estou farta de ver xente comparando unha relación con diferenza de idade cando ambas persoas xa teñen canas e unha década cotizada cunha que ten a unha persoa, habitualmente unha rapaza, recién saída do instituto e máis un rapaz con traballo e coche que xa traumatizou a varias mulleres co seu terrorismo emocional.
Billie Eilish tiña 16 anos cun mozo de 22, e canta: «Pensei que eu era especial. Fixéchesme sentir como se fora a miña culpa». Demi Lovato tiña 17 anos cun Wilmer Valderrama de 29, e canta: «Xa teño 29 anos. Estar con alguén de 17 nunca me pasaría pola cabeza». Phoebe Bridgers tiña 20 anos e Ryan Adams, 40, e canta: «Ódiote polo que me fixeches, e estráñote como unha nena pequena». Taylor Swift tiña 19 anos cando saíu cun John Mayer de 32, e canta: «Devólveme a miña adolescencia, era miña primeiro».
E agora Olivia Rodrigo, que tiña 19 cun mozo de 26 canta: «Dixeches que era demasiado nova, demasiado branda, non teño sentido do humor, non podo facer que te corras».
Non é normal que haxa un xénero musical enteiro de mulleres mirando a romances pasados con homes máis vellos e cantando un panexírico á versión delas que morreu naquela relación, que agora recoñecen como desigual. Non é normal que medre este clube de adolescencias roubadas. Pero que sei eu, non? Ao final, si é que son moi nova. Moi branda.