Rueda esixiu medios a Sánchez cando aínda non mobilizara a miles de efectivos do plan galego contra os incendios

A Coruña.- A Xunta de Galicia deixou sen mobilizar a miles de persoas dos servizos forestais coas que dicía contar este verán para combater os incendios, a pesar de que reclamou ao Goberno máis medios materiais e humanos e a que o seu presidente, Alfonso Rueda, insinuou que o Executivo de Pedro Sánchez podería estar a reservar eses recursos e mesmo manténdoos inactivos de maneira intencionada.

O pasado 5 de maio, Rueda asegurou que o dispositivo da Xunta para este verán contaba con 7.000 efectivos, cifra que o texto que establecía ese operativo reducía, con todo, a menos de 5.200. A Xunta informou o pasado martes de que o persoal total despregado contra os lumes na comunidade, incluído o persoal enviado por outras administracións, roldaba os 4.300 traballadores e traballadoras no momento de maior reforzo. A pesar de que esa última despregadura é inferior tanto á cifra que deu Rueda en maio como á que recolle o texto do plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2025, que o Consello da Xunta aprobou ese mesmo día e que el presentou logo en rolda de prensa, a súa Administración esixiu máis medios ao Goberno, tanto a través de declaracións públicas do propio presidente e doutros portavoces do PP como de solicitudes escritas pola vía oficial.

O pasado venres día 15, cando en Ourense xa arderan preto de 40.000 hectáreas e había centenares de persoas evacuadas ou confinadas polos incendios de Chandrexa da Queixa e Larouco, que se iniciaran o luns e o mércores anteriores, a conselleira de Medio Rural da Xunta, María José Gómez, enviou ao mediodía unha carta e posteriormente un whatsapp ao delegado do Goberno en Galicia. Segundo o texto ao que tivo acceso Luzes-Público, a conselleira alertaba na súa misiva de que a Xunta xa esgotara entón «todos os medios materiais e humanos contra o lume» dos que dispoñía, e que precisaba «máis maquinaria pesada (bulldozers), brigadas de reforzo en incendios forestais e todos os medios aéreos de á fixa ou helicópteros» que o Executivo puidese facilitar, ademais de máis persoal do Exército. A mensaxe de Gómez non detallaba os criterios técnicos da súa reclamación nin as localizacións concretas nas que requiría eses reforzos. Os incendios xa presentaban entón unha fronte de chamas de centos de quilómetros dacabalo das provincias de Ourense e Lugo.

Unha das cartas enviadas ao Goberno pola Xunta para pedir medios humanos e maquinaria contra os incendios.

O mesmo día 15, poucas horas despois da petición da conselleira de Medio Rural, o director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva, adscrito á Consellería de Presidencia, Xustiza e Interior que dirixe Diego Calvo, enviou outro escrito ao Goberno ao que tamén puido acceder Luzes-Público. Villanueva pedía pola súa banda «enxeñeiros zapadores pertencentes á Brilat [a Brigada Lixeira Aerotransportable, con base na provincia de Pontevedra]»; así como máquinas para «a consolidación de perímetros en operacións contraincendios» e, de maneira xenérica, «todos aqueloutros medios que a Administración Estatal poida achegar para a extinción de incendios e a protección da poboación». A súa solicitude tampouco expresaba fundamentos técnicos nin os emprazamentos onde reclamaba esa despregadura, cando os lumes afectaban xa a máis dunha trintena de municipios que ocupan unha superficie de 3.800 quilómetros cadrados –máis da metade de todo o territorio da provincia e o equivalente á suma do territorio que ocupan as illas de Tenerife, A Palma, A Gomera e El Hierro– e nos que habitan máis de 83.000 persoas.

Visita de Sánchez

Dous días despois, o domingo pasado, Rueda recibiu a Pedro Sánchez no centro de coordinación do dispositivo contra o lume en Ourense, e, durante a rolda de prensa conxunta posterior, reclamou que o Exército se incorporase «canto antes» ás tarefas de extinción. O certo é que a Unidade Militar de Emerxencias (UME) xa se despregara había días en Ourense, pero Sánchez prometeu medio milleiro máis de soldados e mandos expertos en situacións de catástrofes, e asegurou que á Xunta non lle ían faltar «recursos nin apoio» do Goberno do Estado para afrontar os incendios. Ao día seguinte, Rueda lamentou publicamente que os reforzos prometidos estivesen a chegar «a contagotas» e insinuou que o Executivo central podería estar a atrasar intencionadamente a súa chegada a Galicia: «Se hai medios sen mobilizar ninguén entendería que non estivesen xa traballando contra o lume. Se alguén se está reservando medios esperando algún tipo de petición, non terían perdón e non tería explicación», dixo. Ao día seguinte, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, insistiu nese relato, acusou o Goberno de non poñer ao dispor da Xunta «todos os medios desde o primeiro momento» e subliñou o Goberno galego si estaba «a aproveitar ao máximo» os seus.

Os datos oficiais que ofreceu ata o de agora a Xunta ofrecen unha versión diferente, e contraditoria. Cando presentou o Pladiga 2025 o 5 de maio pasado, Rueda dixo que o dispositivo contraincendios para o verán estaba integrado «por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións». O texto do plan, con todo, contemplaba miles de efectivos menos, en concreto 5.189: 3.044 do persoal propio da Administración autonómica; 1.968 do persoal de entidades comarcais, concellos e deputacións; outras 112 persoas adscritas a medios aéreos subcontratados e 65 máis, aos medios estatais. O martes, a Xunta afirmou que ese día traballaran nos incendios unhas 4.300 persoas: máis de 3.000 da Xunta; ademais de douscentos bombeiros e membros dos grupos de emerxencia supramunicipal e de protección civil; 343 brigadistas municipais; 466 mandos e soldados da UME e das brigadas forestais do Estado; 256 soldados e mandos da Brilat e da Brigada Paracaidista (Bripac), ademais doutros 24 militares operadores de maquinaria pesada.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no centro, este mércores 20 de agosto en Monterrei (Ourense) / Foto: Xunta

No plan que Rueda presentou antes do verán, a Xunta afirma que conta con 3.044 traballadores propios para a loita contraincendios, pero, segundo a Confederación Intersindical Galega (CIG), a central maioritaria na función pública autonómica, a relación de postos de traballo contempla só 2.888: 2.430 bombeiros –deles 1.434 funcionarios e 996 laborais– e 458 axentes ambientais. Trátase ademais de prazas, non de traballadores, e a diferenza é relevante porque, segundo a CIG, moitas delas están vacantes –baixas médicas, excedencias, xubilacións sen reposición, libranzas, etcétera–, das que a Xunta non informou pero que «eran previsibles e non foron cubertas», segundo sostén Zeltia Burgos, portavoz do sindicato. Burgos lamenta a xestión «irresponsable e improvisada» que na súa opinión está a facer a Xunta do operativo: «Levamos xa 14 chamamentos de persoal, máis de 550 prazas, a maioría no mes de xullo, e as probas de aptitude física realizáronse entre os días 21 e 23 dese mes, o que significa que moitas das persoas que están hoxe loitando contra o lume teñen apenas días de experiencia e, como entraron en plena campaña, non se lles puido formar adecuadamente».

Luzes-Público dirixiuse á Presidencia da Xunta para coñecer as razóns polas que Rueda dixo contar con máis de 7.000 persoas no dispositivo proxectado para o verán, cando o plan que o regula só contempla 5.199, e para saber por que se reclaman medios estatais cando, segundo esas cifras, non se despregou aínda a todo o persoal xa previsto. Tamén para saber se había prazas vacantes que nin se cubriron nin se contabilizaron como tales. Á hora na que se terminou de redactar esta peza, o gabinete de comunicación do presidente galego non ofrecera resposta.

Criterios

Luzes-Público tamén preguntou á consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, da que depende o servizo de Emerxencias, e á de Medio Rural, se actuaran coordinadamente cando o pasado venres enviaron ao Goberno dúas peticións diferentes e separadas por apenas unhas horas de medios materiais e humanos distintos para apoiar a loita contra os incendios. Tamén se interesou polos criterios técnicos nos que as dúas consellerías fundamentan esas reclamacións e polas razóns polas que as súas respectivas solicitudes non contemplaban os lugares concretos nos que se necesitaban os bombeiros, os efectivos militares e a maquinaria que cada unha dicía precisar. Os departamentos dos conselleiros Diego Calvo e María José López tampouco responderan á hora de peche desta información.

Doutra banda, a Cadena SER informou este mércores de que a Xunta deu marcha atrás á súa decisión de retirar o pasado martes a varios bombeiros das tarefas de extinción, mentres o Executivo autonómico seguía reclamando medios ao Estado. A Xunta atribuíu a desmobilización a un erro derivado de que se trataba de bombeiros urbanos, non forestais, despregados en zonas onde non había evacuacións nin confinamentos e onde os recursos presentes si serían suficientes. A Xunta anunciou que volveu mobilizar eses bombeiros para labores de saneamento e liquidación de perímetros forestais.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail