A alquimia da revolución

Da man de Laiovento achegámonos ao libro A revolución en marcha. Decretos e proclamas da comuna de París (setembro 1870-maio 1871). Volume tirado do prelo este ano 2021 con edición a cargo de Xesús González Gómez.

Canda Alberto Allegue, ocúpase González Gómez da selección e tradución ao galego dos materiais —oficiais e non oficiais— que, en forma de decretos e proclamas, produciu o movemento communard durante o curto período de tempo en que gobernou París, antes de que os seus simpatizantes fosen pasados a coitelo en masa polas tropas de Adolphe Thiers con apoio alemán.

O libro consta dunha presentación a cargo do propio Xesús González na que, entre outras cousas, se desminte a caracterización que Lefebvre e os Situacionistas fixeran da Comuna coma experiencia lúdica: «A atmosfera, nos días ordinarios, é grave, laboriosa». Destaca tamén González a revolta da Comuna como aquela na que o pobo non se limitou a levantar barricadas, derrocar gobernos e entregar o poder a novas elites, senón que asumiu a responsabilidade que abría a nova situación para ser axente activo.

Marx acusou ás masas de París de «nacionalistas, cando non directamente chauvinistas»

Será esta unha revolución sen Estado, di González, na que o poder descansará en formas de autoxestión popular. Un xeito de poder que non se entende sen as densas relacións veciñais que aínda sobrevivían nos barrios populares parisenses malia os profilácticos ensanches urbanísticos do Barón Hausmann.

Barricada nunha rúa de París cando a proclamación da Comuna. Foto de André Adolphe-Eugené Disdéri

O libro recolle unha mostra da actividade dos comités de mulleres, de traballadores, de artistas, de soldados…, da sociedade autoorganizada que lexislaba positivamente sobre aspectos da materialidade das capas humildes e que xeraba, en tempo real, teoría a través da práctica.

Do prólogo resulta particularmente interesante a rememoración do Marx de 1870. Acusaba o de Tréveris ás masas de París de «nacionalistas, cando non directamente chauvinistas» (lembremos que estamos en plena guerra franco-prusiana). O levantamento da Comuna foi, di González, «o torpe reflexo dun nacionalismo exasperado», «instaurado máis no pasado que no futuro». Refírese aquí o prologuista, con espírito bejaminiano, ao carácter sans-culotte, máis que socialista, do levantamento; pois esta era «a súa grande tradición». Ten enxundia esta referencia á tradición, a priori contraintuitiva, cando falamos de movementos revolucionarios.

Derrubamento da Columna imperial da praza Vendôme. Foto de André Adolphe-Eugené Disdéri

Nos parisenses revoltados, a consciencia de responder ao ronsel máis recalcitrantemente republicano da experiencia de 1789 —á súa vez debedora do republicanismo da antigüidade— é maciza, e non só a causa do derrubamento da columna imperial da Praza de Vendôme. O espírito xacobino, adoito identificado de máis co modelo de Estado centralizado herdado do absolutismo, enchoupa a prosa dos communards que reivindican a autonomía do concello de París —como se se tratase dunha polis grega— e de todas as comunas de Francia: «O Estado ou a nación non é máis que a reunión dos concellos de Francia e, baixo ningún pretexto, pode o Estado, ente colectivo, se arrogar o dereito de ferir de morte un concello invocando supostos motivos de salvación pública». A organización da Garda Nacional para a defensa da Comuna, así como a disolución da policía e o exército regular, retrotrae aos tempos da Florencia renacentista que, da man do conselleiro Maquiavelo, resucitaría a idea antiga do pobo armado como defensor da República. Ademais, a soberanía do sufraxio universal, a revogabilidade dos cargos, o imperativo da fraternidade, son outros dos tropos do pensamento republicano presentes nos escritos producidos pola Comuna.

O neoxacobinismo que hoxe vive certo auxe na esquerda estatal atende pouco á tradición comunalista do propio xacobinismo francés e fai caso omiso, malia o españolismo retórico que destila, da tradición republicana española

Esta consciencia de ser depositarios dunha tradición secular ten tamén interese cando pensamos no que estaba a suceder no Estado español na época en que as clases populares de París tomaban o ceo por asalto. Para facérmonos unha idea do contexto cómpre ter en conta —Josep Fontana dixit— que o que se ía sabendo da Comuna desencadeaba entre a xente de orde do Estado español o «pánico á revolución». O problema obreiro comezaba a ser unha realidade, Cuba iniciaba as súas propias revoltas independentistas e a terceira guerra carlista estaba en curso. É con ese inestable pano de fondo que, en 1873, se proclama a república federal. Coma os communards, os republicanos españois tamén atendían á súa propia tradición, moi condicionada tanto pola fasquía descentralizada que tomou a guerra fronte a invasión de Napoleón, como por un século XIX no que as masas apenas foron nacionalizadas. Tal como cavilaba o gran teórico do republicanismo federal hispano, Pi i Margall, a república federal aparecía como a solución máis acaída para morfoloxía social peninsular. Apunta Fontana que as promesas de reforma social da I República nunca chegaron a cumprirse. Exceso de moderantismo e timidez. Daquel fartazgo nacería outro movemento, o cantonalismo, que tería percorrido en varias cidades do surleste do Estado, das cales a máis coñecida acabará sendo Cartaxena; outravolta, a Comuna de París e o espírito descentralizado do republicanismo antigo mostraba a súa ascendencia.

Executados na revolta communard. Foto de André Adolphe-Eugène Disdéri

O neoxacobinismo que hoxe vive certo auxe na esquerda estatal, ademais de atender pouco á tradición comunalista do propio xacobinismo francés, fai caso omiso, malia o españolismo retórico que destila, da tradición republicana española. O roxipardismo hispano redúcese a un destilado ecléctico de imperial-catolicismo castizo e de absolutismo termidoriano francés especiado con filosofías teleolóxicas da Historia. O mellor de cada casa.

A revolución en marcha finaliza cun epílogo a cargo de María do Cebreiro no que, como xa apuntara Xesús González Gómez no prólogo, se incide no carácter de «acontecemento» da Comuna, co sentido que lle dán ao termo pensadores como Alain Badiou ou Jacques Rancière; isto é, como a irrupción do momento climático no que a vella orde se pon en causa, no que se trastoca o posto que cada individuo ten asignado no todo social en función da súa clase, no que a cotidianidade quebra e no que se abre a posibilidade dun novo «reparto do sensible».

Acontecemento e tradición. Presente volcado no futuro e lembranza do pasado. Reformulación das expectativas posibles e dialéctica coa memoria dos que foron. Velaí, se cadra, a alquimia propiciatoria de toda revolución.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail