Un traballador que viva en Santiago e traballe en Vigo terá gastado cando se xubile máis de 153.000 euros nos traxectos da Autopista do Atlántico, propiedade de Itínere e que xa recadou máis de 3.000 millóns en corenta anos
A Coruña.- Un galego que resida en Santiago e que traballe en Vigo terá gastado durante a súa vida laboral nas peaxes da Autoestrada do Atlántico algo máis de 153.000 euros. É dicir, o prezo dun piso. Non mentimos. Segundo os portais inmobiliarios, en Vigo, en Santiago e nas outras cinco cidades galegas con máis de 50.000 habitantes pódense atopar vivendas de tres habitacións e máis de 100 metros cadrados por ese diñeiro. Mesmo por menos.
A Autoestrada do Atlántico ou AP-9, a vía de pago que vertebra as provincias atlánticas de Galicia desde Ferrol ata a fronteira portuguesa, é a principal arteria de comunicación terrestre do país. Franco encargou a súa construción en agosto de 1973 a un consorcio de bancos e caixas aos que lles asinou no Pazo de Meirás unha concesión de 39 anos. O primeiro tramo abriuse en 1979 para unir A Coruña con Santiago, e os últimos, polo norte ata Ferrol e polo sur ata Tui, no 2003.
Trátase dun complicado proxecto de enxeñería que cobre 200 quilómetros de traxecto e atravesa unha complicada orografía de ríos, rías e montes. A súa infraestrutura estrela é a ponte de Rande, un viaduto atirantado de 1,5 quilómetros que salva a ría de Vigo e que no seu día chegou a ser a segunda ponte do mundo con máis distancia entre piares. Segundo o acordo de concesión inicial, os galegos debían ter deixado de pagar peaxes na AP9 no 2012. Pero o Goberno de Adolfo Suárez ampliou o prazo ao 2013, o de Felipe González prorrogouno ata o 2023 e o de José María Aznar, ata o 2048. No 2005, o PP privatizouna e vendeulla a Sacyr Vallehermoso, que no 2008 lla revendeu a Itínere.
A autoestrada custou ao redor de 1.500 millóns de euros e é un negocio redondo desde hai decenios. Xa recadou máis de 3.000 millóns en peaxes, a razón de 400.000 euros ao día, como recollía o xornalista Carlos Punzón nun artigo en La Voz de Galicia. As tarifas subiron máis dun 1.700% desde que se abriu o primeiro tramo, máis do triplo do que creceu desde entón o índice de prezos ao consumo. «Un de cada tres euros que pagan en peaxes os seus usuarios convértese en beneficio bruto. Descontando os impostos, un de cada catro euros pasa á columna de beneficio neto, xeralmente para ser repartido como dividendo entre os accionistas», apuntaba.
Para ese galego que vive en Santiago e traballa en Vigo non hai outra opción que deixarse o prezo dunha hipoteca na autoestrada. Son 15,95 euros o traxecto de ida volta, case 80 euros á semana, entre 300 e 400 euros ao mes. Multiplicado o prezo semanal por 46 semanas ao ano e por 42 anos de vida laboral se o traballador empeza a súa carreira con 25 anos e se retira con 67, sae o prezo do piso. Pero insistimos en que o currante non ten outra opción. De Santiago a Vigo pola AP9 son 87 quilómetros e unha hora de viaxe. Por estrada, case 100 quilómetros e dúas horas e media -cinco ida e volta- cruzando travesías, cidades e vilas con semáforos, stops e pasos a nivel. Nin sequera Google Maps propón iso como alternativa viable.
Moitas empresas si teñen que facelo. Enviar un camión dos grandes desde Ferrol á fronteira con Portugal son 109 euros por viaxe, sen contar a volta. Cinco á semana saen por 28.340 euros ao ano. É dicir, os custos laborais de contratar por un ano a un traballador cun salario medio, dos salarios medios que se pagan en Galicia. Por certo que na maioría das peaxes da AP9 case non quedan cobradores humanos. Entre o Vía T e os caixeiros de cobranza automática, é difícil velos salvo nas saídas das grandes cidades.

En febreiro deste ano, o Congreso dos Deputados aprobou cos votos de toda a Cámara, salvo os de Vox, admitir a trámite unha anella reclamación unánime do Parlamento de Galicia para traspasar á Xunta as competencias sobre a AP9, que ata o de agora permanecían en mans do Estado. Na sesión interviñeron varios deputados e deputadas da Asemblea galega e do Lexislativo estatal.
«Só aspiramos a mellorar mediante a xestión directa a relación entre os cidadáns, as empresas, o territorio e esta infraestrutura», dixo Diego Calvo, do PP. «Hoxe é máis caro desprazarse de Vigo á Coruña que de Vigo a Madrid«, afeou o socialista Gonzalo Caballero. «Xa é hora de ter unha AP9 galega e libre de peaxes», engadiu Ana Pontón, portavoz nacional do BNG. «Ademais de ser galega, temos que traballar para que a AP9 volva ser pública», apostilou o deputado no Congreso e secretario xeral de Podemos Galicia Antón Gómez Reino.
Aínda que a firma concesionaria propiedade de Itínere, Autoestradas da Atlántico SA (Audasa), prefire non pronunciarse sobre o tema, quen defenden que a autoestrada debe seguir sendo privada e de pago argumentan que a AP9 ocupa o posto número trece de España en custo de peaxes por quilómetro, que liberala deles violaría o principio de seguridade xurídica ao vulnerar o dereito de Itínere a amortizar o investimento que fixo coa súa compra, e que a gratuidade só significaría cambiar as «peaxes en sol» por «peaxes en sombra». É dicir, que os custos de mantemento, ampliación e amortización da vía recaian en todos os contribuíntes e non só en quen a usa -8,9 millóns de vehículos ao ano-. Ese modelo de peaxes en sol, sosteñen, é o que escolleron a maioría dos países de Europa, desde Portugal a Alemaña.
O Goberno español, que aínda mantén as competencias sobre a AP9, programou un investimento de 2.300 millóns de euros para bonificar as peaxes de aquí ao 2048 e reducir así as tarifas a razón duns 85 millóns de media de gasto público ao ano. É unha inxente cantidade que afectará a uns 15 millóns de traxectos anuais con descontos de ata o 100% nas viaxes de volta, pero a medida xa recibiu algunhas críticas porque só beneficiará a quen teña instalados dispositivos de pago eléctronico, que xestionan os bancos e dos que a maioría de usuarios carecen.
É de verdade esa medida a mellor solución? Volvamos á extrapolación do principio: se o noso esforzado traballador puxese un deses dispositivos Vía T no seu coche, no canto de dezaseis euros pola ida e volta de Vigo a Santiago pagaría, a partir de agora, oito. Corenta á semana. É dicir, 1.840 euros ao ano. Máis de 42.000 euros nos 27 anos que van de aquí ao 2048, cando, en teoría, termina a concesión da autoestrada. Máis ou menos a entrada dun piso. E ben xenerosa.
O certo é que, aínda que se traspasen as competencias á Xunta, tampouco cabe esperar que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo vaia a contribuír á rebaixa de peaxes. Hai unhas semanas anunciou que ía bonificar os de dúas vías de pago de titularidade autonómica, a AG-55, que une A Coruña con Carballo, e a AG-57, entre Vigo e Baiona. Pero só para familias numerosas que realicen un traxecto de ida e volta nun período de 24 horas e que, por suposto, utilicen a telepeaxe.