Anarquismo e nacionalismo? Anarquismo e nacionalismo

Dado que a historia da España do século XIX e comezos do XX consistiu máis ca nada na accidentada tentativa de creación dun Estado borbónico sen elemento popular como poder constituínte, é dicir, sen nación, a ninguén pode sorprender que, en paralelo, xurdisen –canda outros fenómenos políticos– os nacionalismos diferentes ao oficial e mais o anarquismo. Tendencias cuxo desapego a respecto do Estado en si é, no primeiro caso, relativo, e, no segundo caso, absoluto. Ese proxecto de Estado comandado por elites hereditarias, no que a nación (as nacións) asisten sempre como meras espectadoras/ratificadoras do decidido volve estar de actualidade co vodevil borbónico televisado ao que asistimos (e pouco máis de momento) no presente.

En Nacionalismo e anarquismo na Galiza (1840-1940), publicado por Positivas este 2020, Dionísio Pereira e Eliseo Fernández achéganse ás relacións existentes entre esas dúas manifestacións de excluídos: o mundo libertario galego e o nacionalismo galego, entendido este coma corrente histórica que adquiriu modulacións diversas desde o século XIX.

Unha relación que se remonta xa aos tempos do liberalismo republicano, que atravesa a etapa rexionalista, que continúa durante a conformación do nacionalismo propiamente dito e que desemboca na época da II República e na oposición conxunta ao fascismo.

Do que se colixe da lectura do libro é que esta relación se produce, salvo excepcións, máis nos ámbitos de sociabilidade de determinados suxeitos que no plano da colaboración política formal. Outra cousa que se colixe, á hora de procurar as trabas para unha maior colaboración destes dous movementos, é que se no anarquismo galego predominaban teorizacións demasiado abstractas e pouco apegadas á realidade concreta do país, no galeguismo predominaba unha visión demasiado pequeno-burguesa en comparación co estrato popular das bases libertarias.

«El Porvenir» Revista de la Juventud Gallega (1845)

Dos anos 40 do s. XIX os autores sinalan coma un primeiro posible vencello entre estas dúas tradicións a ascendencia sobre a mocidade provincialista de Ramón de la Sagra, galego coñecido como «apóstolo das ideas socialistas» e coñecedor de Proudhon, con quen chegou a debater; sendo El Porvenir, a publicación dirixida por Antolín Faraldo e medio de expresión provincialista, onde se localiza de xeito temperá o termo «anarquía» como concepto vinculado á liberdade creadora no ámbito literario: «Abajo las reglas, los maestros y las escuelas!».

No que toca ao Rexionalismo e aos tempos do Rexurdimento e o Banquete de Conxo, o libro sinala a posibilidade de que Rosalía de Castro fose coñecedora da obra de Proudhon. Durante a súa estadía en Madrid entablará relación cunha serie de personaxes politicamente progresistas entre os que se atopaba Roberto Robert, tradutor da obra do teórico francés. Nalgunha das súas novelas, a escritora expresa a necesidade dun «banco universal», idea próxima á do «banco do pobo» do federalista. Na súa biblioteca parece ser que había un exemplar dun libro de Proudhon. Unha influencia proudhoniana que, apuntan os autores, está tamén presente en Murguía e Curros Enríquez.

Da figura de Ricardo Mella, Fernández e Pereira sinalan o «neoprovincialismo» do Mella máis novo, que se preocupaba minimamente por pensar a cuestión social no marco concreto galego; se ben, din os autores, non alcanzase a albiscar o «universo comunitario que, secularmente, compensou a pouco equitativa distribución da terra e limitou as desigualdades sociais na aldea». Tampouco se sumará Mella á solidariedade de Piotr Kropotkin coa loita das pequenas nacións oprimidas. E malia que o seu talante «antidogmático» procuraralle gran ascendencia cultural entre republicanos galeguistas coma Manuel Lustres Rivas, o seu esperantismo deviña en castelanismo e incomprensión cara as linguas «rexionais» á hora da verdade, como deixa entrever na súa correspondencia con algún libertario catalán, país onde o anarquismo era menos refractario a empregar a lingua propia. En calquera caso, todo isto non impedirá que, no seo do Ateneo vigués, Mella comparta espazo con nacionalistas como Gómez Román, Cabanillas ou Peinador, así como con cidadáns doutras ideoloxías.

A cuestión da independencia cubana serviu como acicate para que o mundo republicano e libertario comezase a asumir a cuestión anticolonial. Luís Barcia e o xornal El Corsario serán protagonistas deste anticolonialismo libertario pro-cubano. Agora ben, como criticará Manuel Lugrís Freire nun artigo en Revista Gallega, o proautonomismo cubano non levaba a aqueles persoeiros a mostraren a mesma solidariedade coa causa galega, negándolle a esta terra unha mínima descentralización. Algo que non lle sucederá ao anarquista canario Secundino Delgado, antigo compañeiro de Barcia no xornal El Esclavo que acabou converténdose no líder do arredismo canario e fundando o xornal El Guanche en Caracas.

III Asemblea Agraria de Monforte (1911)

Unha organización libertaria que si mantivo relacións con outras próximas ao galeguismo foi a Unión Campesina, organización agraria anarquista, forte sobre todo na comarca da Coruña, que participará na Asemblea Agraria de Monforte canda a Solidaridad Gallega e o Directorio de Teis; se ben parte dela acabará abandonando a xuntanza.

Outras relacións das que se dan conta no libro, especialmente na área coruñesa, onde o movemento libertario era vizoso, son aquelas establecidas entre o Centro de Estudios Germinal e algunhas personalidades das Irmandades da Fala. A relación entre o mundo das Irmandades da Fala e o movemento libertario traduciuse tamén no plano político; así, aventuran os autores, Lois Peña Novo será escollido concelleiro na Coruña nun distrito, o dos actuais barrios de Atochas-Monte Alto-As Lagoas, de moita presenza libertaria, o que podería explicar que o mesmo Peña Novo participase nun mitin organizado pola federación local da CNT en protesta por un caso de pistoleirismo da patronal en Cataluña.

Para Fernández e Pereira, Manoel Antonio encarna o «elo roto». A súa figura puido representar o achegamento entre o anarquismo, o republicanismo e as Irmandades da Fala. O poeta de Rianxo, que mostrará a súa sensibilidade anticolonialista na guerra do Rif pedíndolle a Rafael Dieste que desertase ou se unise ás forzas de Abd El Krim, promoverá –dun xeito semellante aos provincialistas– a idea da anarquía como liberdade total a nivel creativo e escribirá o pequeno ensaio O Estado, «primeiro texto anarquista escrito en galego».

Manuel Antonio

No contexto da II República, os debates arredor da cuestión nacional son constantes e tamén o son as colaboracións en medios de signo anarquista de personaxes asociados ao galeguismo. Como exemplo curioso destes debates: a idea de Antón Villar Ponte de ver na parroquia galega un espazo ideal para a súa conversión en soviet. Proposta que será contestada polo anarquista José Villaverde dicindo: «Si el Soviet de que habla Villar Ponte es este, el que deja en libertad al campesino para arreglar la vida de producción y consumo con arreglo a sus necesidades, de acuerdo». O mesmo José Villaverde, sinalan os autores, consideraba necesario que a CNT se involucrase na cuestión do Estatuto de Autonomía galego como solución temporal da cuestión nacional de Galicia, «eterna cenicienta». A dicir de Villaverde, «Cataluña, por tradición, tendrá un estatuto liberal; Vasconia, por el contrario, lo tendrá reaccionario […] Algo parecido ocurrirá en Galicia, donde quizá haya un Estatuto incoloro, pero donde el espíritu reaccionario ha de predominar». A aprobación do Estatuto galego en plena guerra civil impediu comprobar se Villaverde tiña razón, aínda que o de cualificalo de «incoloro» semella unha xenialidade avant la lettre para encadrar conceptualmente en que deviría a autonomía galega tras 1981.

José Villaverde Velo

Outros ámbitos de converxencia entre libertarios e galeguistas durante a II República foron o agrarismo, a cultura e mesmo o sindicalismo, a través da militancia na CNT dalgúns grupos de galeguistas de certas vilas, dada a ausencia dun sindicalismo propio e dado o maior centralismo da UGT da altura. Máis alá de todo isto, e xa no contexto da guerra, a colaboración entre anarquistas e galeguistas debe enmarcarse dentro do clima xeral antifascista e fronte populista.

En suma, veñen concluír os autores, o recoñecemento da especificidade identitaria galega foi tal apenas en sectores minoritarios do anarquismo galego, tanto na emigración coma no país. Entre estes atopábanse José Villaverde, Claro Sendón, Leonardo Carré, Vicente Castelo ou Álvaro Paradela. Así mesmo, uns poucos nacionalistas acreditaron no federalismo comunal e antiestatal anarquista; entre estes, sosteñen Fernández e Pereira, atopábanse Arturo Noguerol, Manoel Antonio, Antón Villar Ponte, Plácido Rodríguez Castro ou Suárez Picallo. Sexa como for, o triunfo do golpe franquista e a derrota republicana na guerra botou por terra toda futura colaboración destes dous movementos políticos no futuro.

Lápida de José Villaverde no cemiterio coruñés de San Amaro. CC BY-SA 4.0

O ensaio que comentamos consta de 137 páxinas de amena lectura e profusión de datos de interese encol dun tema que, a priori, parecería dar para menos do que finalmente dá (e iso á falta dunha maior investigación sobre o mesmo). Como recoñecemento ao editor, cómpre salientar, por unha banda, que o prólogo a cargo do investigador catalán sobre o anarquismo Xavier Diez fose publicado directamente no seu idioma, sen que isto supoña ningún impedimento á comprensión para un lector culto galego. Por outra banda, cabe celebrar que se inclúa, en folla solta, unha reprodución do xornal El Esclavo, publicado en Tampa, Florida, que contén o «Manifiesto» de El Corsario» –o xornal anarquista coruñés que xa mencionamos– onde, a propósito da independencia cubana, arguméntase: «Se nos dirá que hacemos propaganda separatista y ayudamos a crear una república. No importan las apariencias; nuestro propósito es servir a nuestra causa ayudando al que se revoluciona y propagar nuestras doctrinas, y así lo hacemos. Hemos de aprovechar todas las oportunidades, y la más buena de todas, se ha dicho y repetido, es la del pueblo que se levanta contra sus tiranos.»

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail