Fútbol e esoterismo

O Mundial de 2026 rematou e La Roja conquistou a súa segunda Copa do Mundo tras impoñerse á Arxentina por 1-0 nunha final cuxo marcador resulta enganoso. A mínima diferenza non fai xustiza ao que se viu sobre o céspede: a selección española impuxo o seu concepto de fútbol e logrou desactivar o fútbol canchero. O resultado, tan curto como incontestable, parece deixar un paradoxo: como é posible que un dominio tan evidente rematara cunha vantaxe pola mínima? A resposta non se atopa só na cancha. Porque a final non só enfrontaba dúas seleccións nacionais. Enfrontaba dous egregores que son dous proxectos de control do mundo. O Mundial, daquela, era un xogo no que medir as súas forzas.

Pensemos nas seleccións nacionais como egregores, entidades que nacen da emerxencia colectiva, mais que unha vez que foron creadas operan nunha lóxica distinta e superior á da súa simple agregación. Ningunha selección existe só como un conxunto de futbolistas, nin como unha estrutura deportiva. Cada unha condensa unha memoria colectiva, un repertorio de símbolos, un horizonte de expectativas e unha inmensa carga afectiva capaz de mobilizar millóns nunha ánima común. Durante un Mundial, esa enerxía intensifícase ata converter o fútbol nun dos maiores dispositivos de produción de crenza. E, como se pode supor, isto ten moita relevancia en tempos de guerra cultural.

Nun Mundial os partidos deixan de decidir un simple resultado deportivo e pasan a escenificar a confrontación entre imaxinarios que aspiran a impor a súa hexemonía simbólica. A final de 2026 entre La Roja e a Albiceleste foi iso na súa máxima expresión: a disputa entre dous egregores que excedían con moito o terreo de xogo. Unha loita antagonista que hoxe adquire un significado inevitabelmente global.

A unha banda tiñamos o egregor arxentino, alimentado dunha constelación de símbolos para alén do fútbol. A mesiánica figura de Messi engadíase á épica nacional inaugurada por Maradona e atopaba, nesta edición, unha anovada tradución política na Arxentina de Milei. Xogaban na casa, e non só pola presenza moi maioritaria de público favorábel nas bancadas. Ao seu redor gravitaban outros centros de poder simbólico tamén presentes no estadio: a proximidade entre Gianni Infantino e Donald Trump, a vontade da FIFA por afondar nun espectáculo global alleo ás fracturas do mundo e no que o liderado autoritario e o neoliberalismo deviron centrais (publicidade ata modificar o reglamento e impor pausas de hidratación en estadios climatizados). Eis o seu egregor: a cristalización dunha enerxía colectiva que aspiraba a presentar a súa vitoria como unha determinada orde do mundo: a orde tecnofeudal.

En fronte, unha selección que leva anos construíndo un egregor baixo o mando do estoico Luis de la Fuente. O Mundial foi a fase decisiva para o egregor. La Roja non botou man dun superheroe coma Messi, mesmo se moitos buscaron isto reiteradamente en Lamine Yamal. E, porén, rexeitou aparecer no star system dos Cristiano Ronaldo, Mbappé e, por suposto, Messi, aos que foron eliminando un a un. Sería de feito o vasco Oyarzábal quen se converteu en máximo goleador da selección.

O egregor dos cartos e do espectáctulo neoliberal contraatacou en múltiples ocasións: xornalistas preguntando a Oyarzabal por se seguiría na Real Sociedade, encantados de meter ruído coa fichaxe de Cucurella polo Real Madrid, etc. Nada de todo isto afectou a un núcleo duro do fútbol catalán, reforzado por vascos e o galego Borja Iglesias, quen exerceu de referente moral polo caso Rubiales, abrazando a Jenni Hermoso no estadio e facendo parella comunicativa con Javier Bardem, recoñecido en Hollywood pola súa solidariedade con Palestina.

Nun contexto global atravesado polo trumpismo, polo ascenso das novas dereitas e a indignación perante o xenocidio, a selección española acabou converténdose, no soporte dun outro egregor, moito máis forte por negar os nomes propios, por reforzar o bo xogo e o ben común. E todo isto ata o punto de que as voces habituais foron apagándose. A algarabía dun inicio  cheo de racistas negando a nacionalidade a Lamine Yamal e Nico Williams, o artigo racista de M. Rajoy contra a selección francesa atinadamente bloqueado pola visita de Sánchez a Francia, os berros do «yo soy español, español, español» e non digamos «Gibraltar español» dos Carvajal que quedaron fóra.

Nada de todo isto se deixou ver na celebración. Mesmo se tanto na final como na celebración correu o rumor difundido polo egregor fascista de que habería berro ayusista: «Pedro Sánchez hijo de puta». Mais o centralismo madrileño non foi quen contra a posibilidade dunha España federal. No final víronse outras bandeiras, moi sinaladamente a de Borja Iglesias recibindo o premio de Trump. Unha sorte de chamán galego oficiou de DJ para todo o egregor gañador, sinal de que o que vén poderá ter moito de rave party.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail