Feijóo apoia a Jácome pese a que a xustiza o investiga por malversación

O presidente da Xunta insinúa que seguirá mantendo ao rexedor na Alcaldía, a cambio de que este garanta a Deputación Provincial para Baltar

A Coruña.- O Xulgado de Instrución número 3 de Ourense ordenou reabrir o caso das presuntas irregularidades na administración de fondos de Democracia Ourensana, o partido do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. A xuíza estima así o recurso contra o arquivo provisional da causa interposto polo anterior vicepresidente de DO, Manuel Álvarez, e por un asesor do partido, Bruno Blanco.

Segundo indican fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a maxistrada considera que «hai indicios racionais da posible comisión dun delito de malversación» na xestión dos fondos de DO, delito que o Código Penal castiga con penas de dous a seis anos de cárcere e de seis a dez anos de inhabilitación.

A pesar de todo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de visita este martes en Ourense, asegurou que o PP seguirá apoiando a Jácome, quen goberna a cidade cun só edil desde que os seus ex compañeiros de partido o denunciasen. A cambio, Jácome permite que a Deputación Provincial siga en mans do PP -é a única no seu poder das catro de Galicia- baixo a Presidencia de Manuel Baltar, secretario xeral do PP ourensán.

A xuíza destaca no seu auto as declaracións de varias testemuñas que aseguran ter comprobado «saídas de diñeiro» das contas de DO «con destino a contas persoais do alcalde de Ourense», así como «a contratación dunha persoa para a realización das mesmas funcións para o Concello, a Deputación e Jolper», a empresa da familia de Jácome que xestiona unha tenda de instrumentos musicais no centro da cidade, e da que o rexedor é administrador único.

A maxistrada tamén subliña «a confusión de patrimonios» do alcalde e o seu partido, e engade que non atopou xustificación contable «dos múltiples pagos efectuados» a través desas contas.

Jácome, nun vídeo de campaña no que denunciaba «á tóxica saga dos Baltar»

A xuíza acorda o envío ao Tribunal de Contas da denuncia dos edís e dos testemuños dos interrogatorios durante a instrución, así como «a proba documental relacionada coas doazóns efectuadas por asesores e edís a Democracia Ourensana». Tamén ordena que se realice unha auditoría «coa fiscalización da actividade económico-financeira do partido entre o 3 de febreiro de 2016 e o 31 de decembro de 2020» e que se examine «a suxeición ao principio de legalidade das doazóns efectuadas a Democracia Ourensana».

En agosto do ano pasado, Blanco, Álvarez e outros catro edís de DO denunciaron a Jácome na Fiscalía acusándoo de forzalos a doar o 50% dos seus salarios ao partido e a Auria Televisión, a canle de televisión local propiedade do alcalde. O rexedor expulsounos da súa formación e goberna desde entón con ún único edil -son 27 no pleno- grazas ao PP, que votou a súa investidura a cambio do apoio de Jácome a Baltar na Deputación.

Tras a denuncia dos ex edís de DO en agosto do ano pasado, o PP anunciou que deixaba en suspenso o seu apoio a Jácome. Pero o certo é que segue permitindo que goberne. O alcalde someteuse a unha moción de confianza o mes pasado. Perdeuna, pero a falta de acordo do resto de grupos do labirinto político ourensán -nove edís do PSOE, sete do PP, dous do BNG, un de Cidadáns e un ex de Cidadáns, e os cinco ex socios de Jácome- impide que se presente unha moción de censura cun candidato alternativo.

Fontes de Democracia Ourensana aseguran que o alcalde non ten previsto recorrer a reapertura do caso, que prestará «total colaboración coa investigación» e que se reafirma na súa «absoluta tranquilidade» sobre as consecuencias da mesma. «Canta máis luz, máis claro quedará que non había irregularidades de xestión e que todo foi unha denuncia sen base», asegurou Jácome, segundo as fontes do seu partido.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail