Directivos de colexios públicos e sindicatos, contra o plan de Feijóo para volver ás aulas pola falta de recursos

A proposta do Goberno autonómico delega a responsabilidade da seguridade sanitaria aos centros educativos sen dotación de orzamento nin contratación de profesorado. Se a Consellería non cambia o documento, as organizacións pedirán que non se inicie o curso escolar.

Catro días despois da celebración de eleccións, a Xunta publicou o protocolo contra o COVID-19 que recolle as medidas de seguridade para a volta ás aulas. As plataformas estudantís cren que o Goberno de Feijóo atrasou a súa difusión por intereses electorais, xa que o aluvión de críticas non tardou en chegar. A iniciativa da Consellería de Educación radica en que son os centros os encargados do aprovisionamento de equipos de protección, sen dotación orzamentaria nin contratación de persoal, algo que os sindicatos non están dispostos a asumir ou pola contra pedirán a cancelación das clases.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

«Corresponde ao centro educativo, con carga aos seus gastos de funcionamento, suplir o aprovisionamento de equipos de protección que non sexan centralizados pola Consellería, en especial xel hidroalcohólico e os seus dispensadores, panos desbotables, materiais de limpeza e desinfección, luvas, papeleiras de pedal, impresión de cartelería e, cando resulten insuficientes, máscaras de protección». Así o recolle o documento publicado polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo para os centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021. Cando o Executivo trasladou na mesa sectorial de educación estas medidas aos sindicatos CIG, CCOO, UXT e ANPE, as catro organizacións abandonaron a reunión ao pouco de empezar.

As plataformas criticaron en primeiro lugar que o goberno de Feijóo tivese o protocolo «gardado nun caixón» mentres que non se celebraban as eleccións autonómicas, e despois afearon que Educación descargue a total responsabilidade nos centros, tanto nos equipos directivos como no profesorado e alumnado, cunha axuda escasa de material, sen reducir o número de alumnado por aula para precisamente evitar contratar profesorado de reforzo.

«O protocolo leva á incerteza e ao desamparo ao persoal dos centros educativos e ao alumnado. Isto demostra a perspectiva economicista e ultraliberal do Goberno do PP de que a educación é un gasto, nunca un investimento», criticou o secretario nacional de CIG- Ensino, Suso Bermello. Para as organizacións sindicalistas as medidas levan a intención dun aforro por parte do Goberno e non o obxectivo de protexer ás persoas. A Confederación de Anpas Galegas comunicou que o deseño do protocolo corresponde co propósito de non cambiar «nada do existente» estirando «as costuras do sistema educativo para non ter que investir nin un céntimo», para non proporcionar nin «máis instalacións, máis transporte ou máis atención ao alumnado».

Os representantes tamén subliñaron que o profesorado por consecuencia terá que dobrar esforzos para atender ás medidas de hixiene e minguará por tanto a calidade nas clases, principalmente naquel alumnado que precise máis apoio ou con necesidades especiais. De feito, o documento da Xunta non fai referencia aos alumnos de risco nin á atención á diversidade.

«Que nos explique a Consellería como vai conseguir que un neno con TDAH vaia a estar quieto durante cinco horas mirando cara adiante nunha aula, porque o importante é que só se distancie un metro dos seus acompañantes», recolle a Confederación de Anpas. Ademais, o plan da Xunta sinala que o alumnado terá que encargarse tamén de medidas de hixiene do centro, como a desinfección dos computadores cando os usen. Neste sentido, a plataforma insiste en que o alumnado debe de aprender sobre medidas de hixienización, pero a súa «inexperiencia faraos ser ineficaces, e non se xoga coa súa saúde». Por iso reiteran que as medidas sanitarias teñen que levar a cabo por profesionais.

Pola súa banda, a Consellería de Educación considerou a actitude dos sindicatos como unha «irresponsabilidade» despois de que as organizacións abandonasen a reunión da mesa sectorial «ao negarse a calquera negociación que non pasase pola retirada íntegra do documento». Polo momento a proposta continuará en tramitación e será avalada polo Comité intercentros de seguridade e saúde laboral, e se a aceptan, será enviada aos colexios para que se vaian adaptando e preparando para o comezo das clases. A CIG, CCOO, ANPE e UXT xa anunciaron manifestacións o 22 e 28 de xullo ante a Consellería para protestar polo protocolo e poden repetirse en setembro se o Goberno non modifica o documento.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail