A Xunta Electoral reafirma a sanción Jácome por facer propaganda electoral a través da web do Concello de Ourense

A Coruña.- A Xunta Electoral Provincial (XEP) de Ourense rexeitou o recurso do alcalde da capital, Gonzalo Pérez Jácome, contra a sanción que lle impuxo a Xunta de Zona hai dúas semanas por vulnerar a normativa que prohibe o uso de medios públicos para facer propaganda electoral. Así se desprende da resolución da XEP á que tivo acceso Luzes-Público.

Durante a campaña do 28M, a web municipal publicou por orde do alcalde unha nota de prensa oficial que aseguraba que as finanzas municipais eran «a envexa de toda España» cun remanente de 130 millóns despois de que o PP criticara que en realidade o Concello estaba en situación de quebra.

Por mor dunha denuncia de Coalición de Centro Democrático, que denunciou ese comunicado como propaganda electoral a través dun comunicado público e que desmentiu ademais que o remanente alcanzase nin de lonxe os 130 millóns, a Xunta Electoral de Zona sancionou ao alcalde con 300 euros por vulnerar o artigo 50.2 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeneral. Esa norma prohibe ás institucións púbicas calquera acción financiada con medios ou diñeiro público destinada a facer propaganda partidista.

O alcalde recorreu esa decisión alegando que o facía «por transparencia», pero a JEP rexeita ese argumento e reitera que a publicación na web daquel comunicado vulnera o precepto citado e que, por tanto, a sanción debe manterse.

Luzes-Publico preguntou a Pérez Jácome se prevé recorrer de novo a resolución, pero ao peche deste artigo non recibiu resposta algunha.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail