Sobrevivir á Marea en baixamar

Deputadas e concelleiras da esquerda rupturista, que revolucionou a política galega en 2015, explican as dificultades para voltar á vida laboral tras o seu paso polas institucións.

A Coruña.- A nova política asaltou as institucións no ano 2015 cun discurso moi crítico coa casta política que incluía unha rotunda censura ás portas xiratorias. Pero o sistema español non contempla moitas alternativas para permitir o regreso á vida civil, e algúns actores e actrices daquel movemento, concelleiros, concelleiras, deputados e deputadas, vense hoxe devoltos a un mercado laboral moi complicado que os rexeita e etiqueta por terse posicionado ou por ter xestionado ou lexislado contra os intereses de quen hoxe eluden contratalos.

«Cando me metín nisto asumín, e coma min moitas outras compañeiras, que a saída era difícil. Pero agora estou na precariedade máis absoluta», conta Luca Chao, exdeputada e exportavoz do grupo Parlamentario Común da Esquerda, xurdido da escisión de En Marea. Aquel conglomerado heteroxéneo formado por Podemos, Esquerda Unida e Anova –a escisión do BNG liderada por Xosé Manuel Beiras–, e por diversas agrupacións locais xurdidas da sociedade civil organizada, fíxose en 2015 coas alcaldías da Coruña, Ferrol e Santiago, e logrou converterse un ano despois na segunda forza política do Parlamento galego. Nas autonómicas de 2020, ningún dos dous grupos –nos que se dividiu En Marea pasada a metade de lexislatura– obtivo un só escano na Cámara.

Luca Chao, exdeputada do grupo Parlamentario Común da Esquerda.

Chao é licenciada en Ciencias Políticas, está a preparar un doutoramento cunha tese sobre a participación política dos descendentes de emigrantes, e ten dous másteres. Un, en Migracións Internacionais, e outro, en Profesorado de Ensino Secundario. «Tiña un futuro bastante prometedor como investigadora, pero pasei catro anos en branco nunha carreira que valora sobre todo a produción académica. Ademais, ao acceder ao Parlamento tiven que renunciar a unha bolsa e, agora, para recuperar a miña carreira teño que pagar do meu peto a posibilidade de publicar, e iso cun subsidio de 700 euros», explica.

Os deputados do Parlamento de Galicia que perden o seu escano non teñen dereito a prestación por desemprego. Así que, tras as eleccións de xullo pasado, Chao foi traballar á vendima da Ribeira Sacra, en Ourense, onde puido cotizar de novo e alcanzar, cos días cotizados que xa tiña antes de ser deputada, o período temporal mínimo para poder optar á axuda.

Agora leva meses preparando oposicións e buscando traballo, pero o feito de significarse tanto publicamente réstalle moitas opcións de atopalo. «Se googleas o meu nome en Internet sae a miña traxectoria, claro, pero ademais o último ano de lexislatura fun voceira do meu grupo e tiven unha exposición mediática e unha visibilidade moi relevante. Iso pesa moi negativamente á hora de atopar un traballo no sector privado, e é reflexo de que os poderes económicos entenden que eramos perigosos para os seus intereses. Cando nunha entrevista de traballo digo que fun deputada de Podemos, ao outro lado do teléfono créase un silencio incómodo».

A exdeputada afirma ademais que ese risco de non poder reengancharse coa vida laboral pode desincentivar a moita xente para implicarse na actividade política: «Cando empezamos nisto aspirabamos a que a xente do común poidera participar activamente en política. Pero non é fácil, e non é casual que os parlamentos estean cheos de deputados e deputadas que son funcionarios e funcionarias», di. «Máis aló das portas xiratorias, a política tradicional ten estruturas que dan cobertura á súa xente. Critico iso, pero entre iso e deixar á xente no desamparo e o abandono absolutos, como me sucedeu a min co meu partido, debe haber un punto medio. Debe haber certa transición», engade, para asegurar que, aínda que si se volvería a presentar ás eleccións se tivese 27 anos, non o faría de novo agora. «Fíxeno entón asumindo o custo persoal e profesional que ten, era nova e nese momento podía asumir o risco por un proxecto que merecía a pena. Pero non volvería facelo no futuro. Por responsabilidade, porque se agora teño 32 anos e a miña situación xa é difícil, se isto me pilla con 36 ou 40 impediríame desenvolver un proxecto de vida persoal e profesional». «Non seguín coa miña carreira política porque a política ten que ser un lugar de paso, non un espazo de profesionalización, e moito menos alimentar certas lóxicas clientelistas que pode haber nos partidos», conclúe.

A Rocío Fraga, exconcelleira de Igualdade e Diversidade e responsable de Seguridade no Concello da Coruña durante os catro anos de mandato de Marea Atlántica, sucedeulle algo similar. «No noso Código Ético figura o compromiso de acompañar e axudar no posible á reinserción laboral dos cargos electos de Marea Atlántica unha vez abandonadas as súas responsabilidades, pero comigo non o cumpriron», asegura. Engade que ela si seguiu estritamente outro principio dese Código, que impide aos exconcelleiros durante dous anos traballar con calquera empresa que contratase co Concello no seu mandato, e que tamén cumpriu no seu día co da limitación salarial, que lle impediu «ter un colchón de aforros» co que enfrontar a súa saída da política: «Durante os catro anos de concelleira, o meu patrimonio só aumentou nunha termomix e unha scootter».

Fraga é Licenciada en Socioloxía pola Universidade da Coruña e ten un amplo currículo en materia de investigación en acción participativa, igualdade, emprego e reinserción laboral. Pero a ela estalle custando un mundo volver á súa profesión, e só lle quedan catro meses de prestación por desemprego. «Hai un sector rancio das empresas que sinxelamente non te queren por terte significado como política, e hai outras que sinxelamente teñen medo a que te contratar lles poida causar problemas cos seus clientes, ou coas institucións para as que traballan», explica. Ademais, engade que ser muller tamén xoga á contra: «Hai unha cuestión de xénero evidente. Parece coma se as mulleres que nos significamos neste espazo político fósemos máis rabudas e máis radicais que os homes». Durante o tempo que leva desempregada, non tivo nin unha sóla oferta de traballo na cidade na que foi concelleira. «Cando empecei xa sabía que isto podía pasar, pero non con esta intensidade», conclúe.

Xiao Varela / Foto: Concello da Coruña.

O seu compañeiro de equipo de Goberno, Xiao Varela, exconcelleiro de Urbanismo da Coruña, recoñece que o movemento se puxo «o listón moi alto». «Era o que tocaba nun momento no que a clase política non estaba a actuar da maneira adecuada. Facíase política para facer negocio e a nós tocábanos ser distintos», afirma. Varela, arquitecto de profesión, traballa agora como asesor do Grupo Parlamentario de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común no Congreso das Deputadas, e admite que «para as persoas que teñen condicións laborais máis estables, como os funcionarios, é máis sinxelo facer política». E advirte das dificultades para atopar unha fórmula que permita a reinserción laboral dos cargos electos do espazo da nova política. «É moi difícil atopar un equilibrio entre a necesidade de contar con cadros políticos que estean ben formados profesionalmente e a necesidade de non profesionalizar a política».

Eva Solla / Foto: Esquerda Unida.

O certo é que ser profesional nun sector con demanda de emprego facilita o retorno ao traballo, pero non libra a ninguén da precariedade. Sucédelle a Eva Solla, exvicepresidenta do Parlamento de Galicia e coordinadora nacional de Esquerda Unida. É enfermeira e puido volver traballar para o Servizo Galego de Saúde, onde, curiosamente, a epidemia de Covid-19 e a demanda de profesionais da sanidade mellorou un pouco as condicións de contratación ás que estaban máis que habituadas miles de compañeiras súas nun sector onde o normal era que a Xunta contratase persoal sanitario por semanas, e mesmo días.

«Cando decides ter unha militancia política, sabes que vas perder anos de experiencia profesional e que cando voltes, vas voltar á precariedade. Partes desa situación, pero se militas nunha organización de esquerdas xa sabes ao que te expós. Forma parte da sociedade e do sistema no que vivimos. As consecuencias son obvias, pero hai que ter claro que aínda que a política é para toda a vida, cobrar da política non o é».

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail