Eulen e Florentino Pérez, á caza de dúas residencias de maiores doadas á Xunta por Amancio Ortega

A Coruña.- O Grupo Eulen, cuxa directora en Galicia é a irmá de Alberto Núñez Feijóo, Micaela Núñez Feijóo; e a empresa Clece, filial de ACS, cuxo accionista maioritario é o presidente do Real Madrid, Florentino Pérez, figuran entre as empresas que se ofreceron á Xunta para xestionar por 41 millóns de euros dúas das residencias de maiores que a Fundación Amancio Ortega (FAO) doou á Administración autonómica.

Trátase do centro Eirís, situado no barrio coruñés de mesmo nome, que oferta 150 prazas públicas para persoas maiores dependentes, e do da Eiriña, con 120 prazas en Pontevedra. A construción e equipamentos de ambas foron financiados pola fundación creada polo expresidente e propietario de Inditex. A Xunta iniciou o procedemento para privatizalas en febreiro deste ano. En outubro de 2024, o presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, e a presidenta da FAO, Flora Pérez Marcote, esposa de Amancio Ortega, asistiron en Pontevedra ao acto oficial de entrega da Eiriña, e o pasado 14 de maio fixeron o mesmo na residencia da Coruña.

A finais de 2019, a FAO e a Xunta, con Alberto Núñez Feijóo de presidente, anunciaron un convenio para construír sete residencias con máis de 900 prazas públicas na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. As primeiras en ser entregadas foron as de Santiago e Lugo, cuxa xestión foi encomendada en 2023 á Fundación de Estudios y Análisis (Fesan), unha institución supostamente sen ánimo de lucro destinada á formación profesional, fundada por un exdeputado do PP e que segundo unha investigación do diario La Opinión da Coruña estaba entre as principais perceptoras das axudas públicas da Xunta para o fomento do emprego, e cuxos actuais xestores aseguran que non teñen nada que ver con aquela etapa.

Unha privatización de 41 millóns en cinco anos

Agora, a Consellería de Política Social do Goberno de Alfonso Rueda, que dirixe Fabiola García, sacou a concurso público a xestión das residencias Eirís e A Eiriña para privatizalas. No caso da primeira, por un prezo basee de 7.971.600 euros, incluído o imposto sobre o valor engadido, por un período de dous anos prorrogables outros tres, o que eleva o valor estimado do contrato a máis de 23 millóns, incluídas modificacións sobrevindas de ata o 20% sobre o orzamento inicial. Para a segunda son 18,4 millóns de euros, a razón de 3,68 euros ao ano en dous exercicios prorrogables por outros tres, tamén con sobrecustos incluídos.

«Quitáronse a careta das fundacións sen ánimo de lucro, é evidente que as residencias son un bocado marabilloso para as empresas privadas que queren morder no orzamento público», opina Marisa Alonso, delegada da Confederación Intersindical Galega (CIG) no comité de empresa da Consellería de Política Social. Alonso non só cuestiona que o coidado dos maiores en Galicia deba depender da filantropía de empresarios como Ortega –a Xunta non construíu nin unha soa residencia de xestión pública integral nos últimos 15 anos–, senón que alerta tamén sobre o «fracaso demostrado» do modelo impulsado por Feijóo e Rueda: «O 94% dos falecementos durante os nove primeiros meses da epidemia de covid en Galicia foron en residencias de maiores de xestión privada. Os maiores non merecen que os traten así. A xestión pública é a única que garante un servizo de calidade», conclúe.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a presidenta da Fundación Amancio Ortega, Flora Pérez Marcote, nunha das habitacións da residencia A Eiriña de Pontevedra durante o acto de entrega o pasado 30 de outubro / Foto: Xunta

O prazo de presentación de ofertas para a xestión das residencias doadas por Ortega na Coruña e Pontevedra terminou o pasado abril, e segundo os expedientes publicados pola Xunta, a empresa de Florentino Pérez presentouse ás dúas licitacións. Na Coruña, Clece xa xestiona outro centro público para maiores, o Concepción Arenal, onde durante o outono de 2022 as traballadoras se mobilizaron en varias ocasións alertando da precariedade de medios e a escaseza de persoal –a falta de cociñeiros mesmo levou á dirección a servir aos residentes á hora de comer un «menú de emerxencia» a base de sardiñas de lata–. Só tres anos antes, e coa xestión en mans de DomusVi, outra compañía allea a Clece, denunciaran a morte dunha anciá de 85 anos, que agonizou durante horas e faleceu afogada no seu propio vómito, sen que un médico a atendese, xa que esa noite non había ningún de garda na residencia.

No caso de Eulen, só presentou oferta, aínda non desvelada, para o centro Eirís. A firma da que Micaela Núñez Feijóo é directiva disparou as súas contratacións coa Xunta desde que o actual presidente do PP gañou a súa primeira maioría absoluta en 2009, e segue a facelo con Rueda. Dáse a circunstancia de que a prima de ambos, Eloína Núñez Masid, forma parte desde o pasado setembro do equipo directivo da Consellería de Política Social como subdirectora xeral de envellecemento activo e innovación sociosanitaria. Desde o seu cargo anterior como xerente dos hospitais públicos de Santiago co seu curmán de presidente da Xunta, tramitou outros dous contratos que acabaron en man de Eulen por valor de 4 millóns de euros. Previamente, cando Feijóo a nomeou xerente da área sanitaria de Ourense ao pouco de gañar as eleccións autonómicas de 2009, Núñez Masid creara unha praza de xefatura de sección hospitalaria que posteriormente adxudicou ao seu marido.

Sen resposta da Fundación Amancio Ortega

Luzes-Público dirixiuse á Fundación Amancio Ortega para obter a súa valoración sobre o feito de que as doazóns do fundador de Inditex á Administración pública en Galicia acaben servindo para que outras empresas privadas fagan negocio con elas. Á hora na que se terminou de escribir este artigo, a FAO non se pronunciara.

En canto á Consellería de Política Social, tampouco quixo ofrecer unha valoración sobre as críticas pola privatización das residencias doadas por Ortega, pero si destacou que as 900 prazas construídas e equipadas pola Fundación «serán públicas, con prezos públicos e accederase [a elas] tamén pola lista pública». «Galicia conta na actualidade con máis de 16.000 prazas residenciais públicas, o triplo que no ano 2009», engade o departamento de Fabiola García, que asegura tamén que «está a impulsar a curto prazo outras 2.300 prazas públicas máis» sen especificar se tamén privatizará a súa xestión.

A Consellería tamén critica o Goberno central e asegura que mentres a Xunta reforza cada ano o orzamento destinado ao coidado das persoas dependentes, o Executivo de Pedro Sánchez, «lonxe de cumprir a Lei e proporcionar [á Xunta] o 50% correspondente ao financiamento da dependencia, diminúe considerablemente a súa achega», desde o 40% de 2023 a só o 34,9% en 2024. «Ademais», sinala a Administración autonómica, «hoxe [polo martes] coñecemos que o Ministerio de Facenda asinou co Goberno vasco un acordo para darlle a esa comunidade o 50% do financiamento destes servizos, o que deixa en evidencia que os maiores e dependentes galegos son considerados polo Goberno central de segunda categoría».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail