O xiro estratéxico social e nacional

Fotografía de portada de Ale Arillo. Creative Commons.

Os resultados do «Galeusca electoral» marcan un punto de inflexión nas relacións entre os dous proxectos de liberación que máis condicionaron a política española ao longo da súa historia contemporánea: os nacionalismos sen Estado, por unha banda, e os movementos sociais, pola outra. De feito, as cuestións nacional e social seguen a marcar a día de hoxe as dúas grandes liñas de fractura do réxime nas que operan os aliñamentos electorais. Das relacións entre ambos proxectos de liberación depende a pervivencia dun bloque parlamentario unido basicamente pola presencia dun inimigo común: a dereita autoritaria e centralista.

Non é casual. A crise de réxime que comezou a pasada década despregouse en dúas vagas de mobilización diferenciadas e interactuantes como foron o Procés e o 15M. Agora, na súa fase de declive e clausura, o PSOE, que sufriu as peores perdas de apoios durante as fases máis intensas da mobilización, está a rendibilizar agora a súa lealdade ao réxime por medio dunha estratexia favorábel á restauración dos equilibrios constitucionais do 78.

Chegados a este punto, cabe preguntar se os impulsores das dúas grandes vagas de acción colectiva dos anos dez están dispostos a recoñecer erros e modificar as súas estratexias ou se, pola contra, optan por buscar unha reacomodación nas marxes do réxime. Ao cabo, o deseño constitucional do 78 foi pensado para integrar as forzas que desafiaran con maior intensidade a ditadura franquista a prol da democratización. A pregunta da crise e desbordamento do réxime, con todo, permanece, visto que os resultados electorais seguen lonxe de como estaban antes de 2011. Atopámonos daquela nun momento decisivo e de redefinición estratéxica.

De feito, os recentes resultados do Galeusca electoral (e con toda probabilidade as vindeiras eleccións europeas) aportan xa os datos precisos a unha dupla diagnose. Por unha banda, sinalan claramente aos movementos de liberación nacional que non hai saída individual ao problema da crise do Estado nacional a partir dos esquemas da soberanía clásica. A súa estratexia independentista, levada ao máximo de tensión no Procés, é unha estratexia inviábel habida conta da sobrada capacidade represora do Estado. Os éxitos electorais dos nacionalismos galego e vasco son o reverso do fracaso independentista catalán. Noutras palabras: os nacionalismos só avanzan a expensas das esquerdas (moi en particular de Sumar e Podemos) e a condición de non ser independentistas (cando insisten, como en Catalunya, perden). Asemade, non reverten a tendencia alcista das dereitas centralistas.

Pola outra banda, quen desde os movementos sociais impulsaron os proxectos electorais da Nova Política, fracasaron ao non saber formular unha institucionalidade máis democrática (como esixía o 15M co seu «democracia real ya»). Parte desta insuficiencia institucional foi non ofrecer unha alternativa federalista. Lonxe de entender o papel decisivo do principio federal na produción dunha institucionalidade máis democrática que catalizase o impulso destituínte do 15M, favoreceuse o centralismo do liderado. Aconteceu así que non se soubo xerar unha dinámica complementaria e ambas estratexias –Procés e Nova Política– implosionaron polos seus propios deméritos.

Logo do Galeusca electoral afrontamos unhas eleccións europeas que poden volver a marcar mais unha vez a tendencia política. Se en 2014 Podemos irrompeu como catalizador do poder destituínte do 15M, en 2019 atopábase de cheo na crise. As vindeiras eleccións poden ser as definitivas na restauración dos equilibrios do 78. Aínda queda unha última oportunidade para que isto non sexa unha profecía: o catalanismo ten que repensar os límites da estratexia independentista e reformular a súa idea de nación se non quere ver medrar a extrema dereita exponencialmente; a Nova Política debe reorientar a súa estratexia e abandonar a posición de subalternidade. O punto de confluencia estratéxica está no deostado Estado federal asimétrico. Fora de ese horizonte só queda a reacomodación nas marxes do réxime do 78 que anuncia xa a chegada da peor dereita nunca coñecida.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail