A Coruña.- A Xunta de Galicia entregará o ano que vén seis libros de texto usados e un bono de 75 euros para material escolar aos alumnos de secundaria e dos catro últimos cursos de primaria que pertenzan a familias con rendas inferiores aos 6.000 euros anuais por cabeza.
Esa é a principal axuda que recibirán do Goberno de Alfonso Rueda os escolares de contornas desfavorecidas, segundo figura nunha orde da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que publicou este luns o Diario Oficial de Galicia.
A Consellería de Educación, que dirixe Román Rodríguez desde que Alberto Núñez Feijóo o designou para ese cargo en 2015, entregará ademais entre 20 e 30 euros por alumno ou alumna ás familias pobres para que poidan comprar aqueles textos obrigatorios que, por non ser reutilizables, non poderán obter nos fondos solidarios de libros usados que xestionan os centros educativos.
As axudas da Xunta estenderánse aos colexios cando estes esgoten as existencias dos seus fondos, para que, só entón, poidan adquirir libros novos.
Rendas de entre 6.000 e 10.000 euros por persoa
Os escolares de familias con rendas de entre 6.000 e 10.000 euros por persoa terán dereito a catro libros usados e 20 euros para libros novos. No caso dos matriculados en centros de educación especial ou con discapacidade superior ao 65%, e con independencia da súa renda, poderán obter 6 textos reutilizables, 30 euros para libros novos e un bono de 75 euros para material escolar.
Segundo unha enquisa da Organización de Consumidores e Usuarios, o gasto medio por alumno supoñerá para as familias galegas 1.361 euros durante este curso.
Unha das primeiras medidas que adoptou o hoxe presidente do PP ao chegar á Xunta en 2009 foi eliminar a gratuidade dos libros de texto que instaurara o Goberno bipartito de PSOE e BNG tres anos antes.
Rueda seguiu a mesma liña, e en varias ocasións rexeitou reformularse a medida, porque, a pesar das reiteradas reclamacións das asociacións de nais e pais, asegura que «non funciona ben» porque non é «equitativa» e beneficia tamén a familias que si poden sufragar ese gasto.
Axudas en campaña
Esa tese, con todo, contrasta con outras recentes subvencións concedidas ou anunciadas polo PP poucos días antes das pasadas eleccións galegas, como o bono de 120 euros para material deportivo infantil ou os 400 euros para a adquisición de televisores adaptados á dixitalización.
Apenas dous meses despois de gañar os comicios con maioría absoluta, Rueda tamén acordou que este ano, como fixo Feijóo durante os 13 que estivo no seu cargo, dará axudas de 2 millóns de euros aos medios de comunicación. Esas subvencións, directas, non finalistas e sen concurso público, benefician aos grandes editores que apoian ao Partido Popular.
As axudas de Rueda en forma de libros reutilizados para os alumnos pobres tamén contradí o discurso estatal de Feijóo, que en setembro de 2022 reclamou ao Goberno que articulase unha axuda universal de 200 euros por alumno para a compra de libros e material escolar.
O Goberno lembroulle entón que el mesmo recortara esas axudas un 75% en Galicia —as competencias en materia educativa corresponden ás comunidades autónomas, non ao Executivo central—. A Confederación Intersindical Galega (CIG), maioritaria en Galicia e particularmente no sector da educación pública, cualificou entón a reclamación de Feijóo como unha «hipocrisía».
«Libro», a palabra que non existe no programa do PP
A proposta que Feijóo fixo entón ao Goberno non figurou no programa electoral co que o PP concorreu menos dun ano despois ás eleccións xerais de 2023. De feito, a palabra «libro» non figura en todo o texto, que ten máis de cen páxinas e 365 promesas electorais.
O prazo para solicitar as axudas da Xunta para os libros usados, o bono para material escolar e a subvención para os textos non reutilizables ábrese este martes e pecharase o próximo 21 de xuño.