Despois de Chao, Ramón

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Hai amigos que lembras cando os coñeciches, e outros –sen contar os da infancia- que parecen estar aí desde sempre. Eu non lembro a primeira vez que falei con Ramón Chao, e supoño que coincidiría con el, a mediados dos 80, na compaña de Xosé Antonio Gaciño, que escribía como el en Triunfo, a revista de referencia no último franquismo e na Transición. O caso é que mirando nos arquivos, teño escrito cousas del que se remontan aos primeiros 90. Lembro tamén visitalo reverentemente en Radio France, por aqueles anos. Chao era un referente periodístico, porque era o máis parecido que tiñamos a man a aqueles ianquis que escribían cousas longas (pero) amenas en Rolling Stone e revistas así, e que aquí so coñeciamos porque as recompilaba Anagrama en libros. Un amigo que entrevistara a Borges e á Bella Otero, que tratara a García Márquez e a María Casares, a Neruda e a Alejo Carpentier.

Ignacio Ramonet e Ramón Chao, entrevistando a Borges (foto do blog de R. Chao)

Ramón naceu en Vilalba para equilibrar, igual que Agustín Fernández Paz, a outros orixinarios desa vila. Era fillo dun emigrante a Cuba, que tanto ou máis que cartos trouxo unha tremenda afección pola música e a ópera. Así que mercou un piano e sentou diante del sucesivamente a todos os seus fillos para facelos concertistas. Ningún lle colleu o xeito pero, desgraciadamente para el, Ramón era o sexto e último, ou sexa que non tivo escapatoria. Desde os seis anos ata case os 25 estivo zoupando no piano, primeiro para regalar os ouvidos dos parroquianos da Fonda Chao, o negocio familiar, e logo, con bolsas do concello de Vilalba e da Deputación (pese ao republicanismo paterno), ao Conservatorio de Madrid. Como conta o seu íntimo amigo dos últimos anos, Moncho Paz, levou varios premios musicais que lle permitiron acadar outra bolsa do Goberno español para ir completar estudos en París, en 1955, pero Chao atribuía os seus logros á xenerosa distribución paterna de xamóns e chourizos entre os esfameados profesores da época, e a bolsa a seu paisano Manuel Fraga. O certo é que, como conta el mesmo, estivo a piques de ir meter dous ou tres dedos da man esquerda nunha serra mecánica para zafar do piano, ata que endereitou o seu rumbo no xornalismo. En Radio France, ignorantes de que o galego non serve para nada, buscaban a alguén que entendera de música e de portugués, e alí estaba Ramón.

Ramón Chao, saudando logo dun concerto no Círculo das Artes de Lugo (foto do blog de R. Chao)

A súa traxectoria alí, primeiro cun programa en galego (que durou tres anos, antes de que o Goberno de Franco dera conseguido que o pecharan), e logo sendo responsable das emisións para América Latina, combinouna cunha chea de libros. Pero o Ramón Chao que recordarei non é o profesional, senón o que recuperou o fillo, que acababa de divorciarse de Mano Negra, facendo unha viaxe ata Galicia en moto (cada un na súa, por traxectos distintos) en 1998. Coincidiran en Monforte, onde presentabamos un dos números da revista Bravú. Do acto cultural pasamos a tomar algo nunha terraza de Carude, a cantar algo, animáronse uns veciños, e rematamos cunha sesión de cea-regueifa, e ata aí podo escribir (e lembrar). Dez anos despois (fai precisamente estes días unha década), os Chao coincidían outra vez en Monforte. Ramón para dar unha conferencia, Manu para quentar motores para a súa xira «Tombolatour». Ramón xa era «o pai de Manu Chao», da mesma maneira que Xosé Chao Rego, un dos teólogos senlleiros do século XX en Galicia era «o tío de Manu Chao».

Os Chaos, con Pinto D’Herbón e os Diplomáticos, en Carude (Monforte), en 1998

Tanto lle tiña. Ramón xa estaba entregado a tres causas: a de Manu (non era difícil atopar ao pai nos concertos do fillo, fose no Reperkusión de Ourense, ou en Barcelona), á de reivindicar a Prisciliano (e aos seus restos como os que estaban gardados na catedral compostelá, e non os do apóstolo palestino seguidor de Xesús Cristo) e á causa do antiimperialismo (empeño no que non era allea a influencia de Manu e do seu cómplice de sempre, Ignacio Ramonet). Moncho Paz anunciou que Ramón deixaba unha novela póstuma, O fillo pródigo, de próxima aparición. Para min que é un detalle que tiña pensado para que levaramos mellor o loito pola súa ausencia.

 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail