A guerra de Javier War

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

«Isabel Preysler, es de Ciudadanos
Leticia Sabater, es de Ciudadanos
Esperanza Aguirre, es de Ciudadanos
pero es mazo de fea, quiere entrar, no le dejamos
Melendi, es de Ciudadanos
Bertín Osborne, es de Ciudadanos
Pequeño Nicolás, es de Ciudadanos
Dios era del PP, ahora es de Ciudadanos»

Verdad MC. Ciudadanos

 

Nesa entusiasta carta aberta de James Rhodes en El País na que explicaba por que todo es mejor en España, había varios momentos marabillosos. Un é, por suposto, o que nos dedica aos galegos: «Galicia, lo siento, pero no entiendo ni una sola palabra de lo que dicen tus habitantes, ni siquiera cuando veo First Dates con subtítulos; la culpa es mía, pero es que hablan demasiado deprisa». Graciñas, Xaime, por confirmar o que sempre sospeitei: do Telón de Grelos para aló, escoitan amodo de máis.

Pero, un pouquiño antes, deixa unha reflexión que cómpre ter en conta nestes tempos. «Impresiona también la cantidad de gente con talento que se llama Javier (Bardem, Cámara, Calvo, Ambrossi, Manquillo, Del Pino, Marías, Perianes, Navarrete, entre muchos otros. Adivinad cómo voy a llamar a mi próximo hijo)». Eu, persoalmente, boto en falta un Javier nesa lista –ou dous, se contamos a Cansado–, unha ausencia que supoño que haberá que achacar ao descoñecemento e non á mala fe, algo do que o pianista semella carecer por completo. Por se ves isto, James –é certo que eu escribo bastante rápido, pero ti podes lerme á velocidade que precises–, anota o nome: Javier Guerra. Quizais en pouco tempo comece a soarche e sempre poderás lembrar onde o viches primeiro. You´re welcome!

Sería o candidato perfecto. É moito máis guapo que Esperanza Aguirre, o seu ton de pel é ideal para as fotos e tería por fin a posibilidade de introducir o castelán no Pazo do Hórreo

Javier Guerra foi o primeiro conselleiro de Economía de Feijóo porque «falaba moi ben inglés», segundo afirmou o mesmo presidente capaz de saudar cun animoso «Italy!» a un corresponsal transalpino que lle acababan de presentar. Os problemas de Guerra coa lingua de Rosalía eran, porén, moito maiores que coa de Shakespeare. Naquel Goberno marcado polo famoso Decreto do galego (eufemismo onde os haxa), Guerra estaba situado no sector que non deixaría caer unha bágoa pola súa desaparición, e iso que a este veciño do Algarve coa economía lusófona non lle vai nada mal.

Nos seus tempos como deputado, o seu patrimonio roldaba os 15,5 millóns de euros, por iso sempre repite a quen queira escoitalo iso de «eu non preciso da política para vivir». Pode asegurarcho mentres bota unha ollada ás túas zapas, adiviña marca e modelo e apostila que, cando era director da área de calzado de Nike en España, «aí si que o pasaba ben!».

Non está nisto pola pasta, senón por principios. O da «liberdade no ensino» (outro eufemismo, se cabe aínda maior) era un; o de acabar coa imposición do galego era outro, e coñécese que –ao igual que outra viguesa de pro como Gloria Lago– pensa que o PP aquí está a ser brando de máis co asunto. Seguro que tamén lle gustaría un 17 de Maio dedicado a Valle-Inclán…

Supoño que, se Guerra finalmente acaba liderando Ciudadanos en Galicia, pensará en servir de chave nun futuro goberno da Xunta. Iso é, polo menos, o que din as enquisas. Sería para el un xeito de tratar de asegurarse que a política do PP, dese mesmo PP no que milita dende hai 36 anos e que non lle deixou ser candidato á alcaldía de Vigo, camiña por onde debe, sen tantas concesións populistas á esquerda e aos nacionalismos.

Eu non teño dúbidas de que sería o candidato perfecto. É moito máis guapo que Esperanza Aguirre, o seu ton de pel é ideal para as fotos e tería por fin a posibilidade de introducir o castelán no Pazo do Hórreo; un tabú que, ata hoxe, mesmo os máis talibáns dentro do PP viñeron respectando mal que ben. Un xeito de nadar e gardar a roupa que Alberto esixe pero Albert non, pese a ter un nome tan catalanizado como o de Alfred (o de Eurovisión), o mesmo que compartiu academia con esa Ana Guerra á que todos chaman Ana War. Un anglicismo que Javier tamén debería aplicar antes ou despois. A James Rhodes seguro que lle encantaría.

EPÍLOGO.- Non me resisto a contalo. En outubro de 2010, os traballadores das comarcas afectadas polo decreto do carbón iniciaron a chamada «marcha negra». Eu daquela tiña un espazo de reportaxes en V Televisión (Control V) e, tras facer con eles unha parte do camiño, achegueime a un acto de Javier Guerra –entón conselleiro de Economía– para tratar de sacarlle algo sobre o tema. Coa mesma precaución que levaba o seu gabinete de prensa a non coller o teléfono a medios pouco afíns –vantaxes do identificador de chamadas–, advertiume antes de comezar: «Cuidado con lo que me preguntas, que hoy como con tu jefe».

Todo o que dixo foi tan irrelevante que nin sequera se incluíu na montaxe final. O que non sei e se xa volvería por Sabón dende que o seu nome soou para encabezar as listas laranxas…

 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail