Carlos Mella: «Galicia é unha nación que non ten confianza en si mesma e busca padriño político»

[Entrevista publicada no número 140 da revista Luzes, en maio do 2025]

Aos seus 94 anos, Carlos Mella (A Estrada, 1930) xa non está para medicinas preventivas. Recíbenos na súa casa do Foxo, a que xa non ten eucaliptos e na que se refuxiou en 1983 tras «armarlle un cristo» a un rei «que era dios». Fíxoo para poñer a Galicia no incipiente mapa dunhas autonomías ás que hoxe di verlles «pouco futuro». Formado academicamente en Santiago, Madrid, a Sorbona e Harvard, foi representante de España na ONU na primeira conferencia mundial sobre Comercio e Desenvolvemento. Vicepresidente económico de Albor dende as listas de UCD, deputado con Coalición Galega e candidato ás europeas co BNG, onde segue militando, cre que estamos asistindo a un cambio de época no mundo mentres, na casa, ameaza o proxecto «medieval» de Altri.

Por comezar polo final, como está agora? Contemplando o mundo? Home, si, contemplando o mundo. Pero preferiría ter menos perspectiva, porque as cousas son complicadas.

Menos perspectiva significa menos información? Si, porque hoxe non sabes o que é verdade ou o que é mentira. Levamos seis meses falando da DINA sen saber o que pasou, dous anos falando de Ábalos… Temos ruído, pero non temos información.

Por onde che chega ese ruído? Eu non estou nas redes. Leo a prensa, un par de xornais, bótolle un ollo á televisión, pero cada vez lle fago menos caso…

Supoño que despois dunha vida pública como a súa custa desconectar de todo. Non, eu o día que desconectei, desconectei. Quedei tan tranquilo. Hai que saber marchar dos sitios, saber desaparecer.

E cal foi ese día da desconexión? Porque tivo varias vidas e varias encarnacións. Si, pero houbo unha desconexión real. Aos 60 anos pedín a xubilación anticipada e foi a mellor decisión da miña vida. E dende aquela, ata hoxe, facendo o que me dá a gana. E non me arrepinto de nada.

Pero despois aínda seguiu presente: escribindo, colaborando na prensa. Si, pero iso son afeccións, é algo que fas por gusto, xa non dá traballo. Non estás suxeito nin a dicir nin a facer o que non queres, andas por libre. Non vas estar 30 ou 34 anos de xubilado sen facer nada! É dificilísimo. Vaia traballo! Hai que discorrer moito para non facer nada. Escribir, de cando en vez un artigo, algunha cousa, pero vamos, xa nada. Estou absolutamente retirado de todo, menos dos viños.

Non llos retiraron? Si, pero comprende que, á miña idade, a medicina preventiva impórtame un carallo [ri]. Sigo mantendo a rutina de tomar os viños e comer cos amigos. O día que non poida, sinal de que xa rematou todo.

Antes de mirar atrás, quería preguntarlle, como economista, como ve esta guerra arancelaria na que nos meteu Trump e o momento que estamos vivindo. Non creo que teña moita importancia o que eu diga, pero eu vexo un negociante inmoral que, pola razón que sexa, chegou a presidente dos Estados Unidos e está actuando cunha política de mercador, algo moi difícil de manter mesmo desde ese posto. Cara a onde nos pode levar? Non o sei. O que si sei é que aquí tratamos a Trump como un tolo, un maniático, un imbécil, e esquecemos unha cousa: que nós somos unha potencia de quinta categoría e el é o presidente dos Estados Unidos. Pode custarnos cara esa falta de visión, pensar que a Estados Unidos se lle poden dar leccións, pero non se pode. Cando os imbéciles teñen moita forza hai que ter moito coidado con eles. E, coa excepción de China, que se pode opoñer, nós estamos de espectadores nese espectáculo.

«As industrias como Altri paréceme que son un pouco medievais»

Cando escribiu, hai xa tres décadas, A falacia do economicismo, agardaba que chegariamos a esta fase de turbocapitalismo? Eu escribín nese libro que ou cambiabamos ou a catástrofe estaba aí, e así é. Porque Europa é unha potencia, pero ten moitas debilidades: non somos unha nación, somos unha agrupación de veciños, os 27, nos que hai diferenzas de criterio, onde xa tes o inimigo dentro da casa –como é Orban– e onde tes ao propio Sánchez, unha figura secundaria na política internacional que quere sacar a cabeza e non o consegue. Despois está China, que é unha potencia económica e ademais unha ditadura, o que lle dá unhas vantaxes enormes á hora de tomar decisións inmediatas, como xa está demostrando. Entón, as posibilidades de arranxo dependen do que lle chames arranxo, porque hai unha cousa que temos que recoñecer. Nós, en Europa, vivimos ben, somos moi listos e podemos dedicarnos ás nosas intelectualidades a costa da explotación de outros. Explotamos parte de Suramérica, África e Asia ata deixalas peladas, e iso nos permitía ser moi finos e moi educados. Posiblemente, esa época, para nós, está rematando. Iso pode formular problemas que eu non son quen para diagnosticar nin para remediar, pero creo que estamos nun cambio de época gordo, sempre que salvemos o problema en si: que o que empezou sendo guerra cultural e continuou como guerra comercial chegue a guerra de verdade.

Foto de Rocío Cibes.

E nese novo escenario, tócanos da banda dos explotados? Penso en proxectos que Europa considera estratéxicos, como a mina de Doade, pero tamén noutros, como Altri, que encaixa máis nunha industria de enclave das de toda a vida. Nós somos un país subdesenvolvido. Explotáronnos ben e tamén xogamos a autoexplotarnos e así pasa o que pasa. A Filgueira Valverde apedrárono ata que asinou a instalación de ENCE. ENCE foi unha catástrofe que xa poucos acordan, pero eu, que son vello, si que o lembro. Eu bañeime na praia de Praceres, era unha marabilla! E, agora, o río da praia é unha autovía e a ría está escarallada porque ENCE botou toda a merda que quixo botar. Hoxe xa bota menos, pero a porcallada está aí. Agora din que Altri vai deitar no Ulla 40 millóns de metros cúbicos de auga e que van ir depurados. O primeiro día pode ser que os depures, aos dous meses depuras a metade e aos dous anos botas o que che dea a gana. Como non me fío, como sei que Altri vai facer o que lle saia dos fociños unha vez teña o permiso, pois non me gustaría moito que se instalase. Por que veñen poñela aquí? Xa estamos colonizados polo eucalipto, a cousa máis espantosa que podes atopar no monte. Nos eucaliptos non hai un paxaro; teñen a folla caída, de maneira que a chuvia chega directa ao chan. Aí fóra [sinala a súa finca] era todo eucalipto. Houbo que renovar o chan, traer terra porque o fixo todo areento. Baixo o eucalipto non medra nada. Este tipo de industrias paréceme que son un pouco medievais e por iso eu, persoalmente, preferiría que non a puxesen.

Con Filgueira coincidiu despois no primeiro goberno da Xunta. Filgueira non sabía o que era unha industria, pero estaba de alcalde de Pontevedra cando tivo que dar o permiso para ENCE. Resistiuse un pouco ao principio, pero non puido negarse. Non tiña nin idea das consecuencias que tería.

Como o del, o seu paso por aquel goberno foi breve. Foi vicepresidente para Asuntos Económicos apenas un ano, pero semella que deu para moito. Si, foi pouco tempo. Marchei porque pensaba «se non sirvo para nada, que fago aquí?».

As crónicas din que marchou por enfrontamentos con Barreiro Rivas. Si, en parte, si. Eu marchei porque non podía facer. Cando cheguei aquí, decateime dunha cousa e díxeno no Parlamento. Catalunya estaba tirando millas; o País Vasco, a pesar de ETA, estaba indo para adiante, e Galicia estaba quedando como unha autonomía non histórica. Entón, había que chamar a atención.

Foi o que fixo coa Ofrenda ao Apóstolo de 1983. O rei decidiu que a fixese García Sabell, daquela delegado do Goberno, un papel que adoitaba desempeñar o presidente da Xunta. Cando vin o rei en Venezuela e que non viña ao Apóstolo, pensei: «Carallo, que ocasión máis boa. Vou armar aquí a de Dios es Cristo!». Pero non esperaba tanta repercusión.

Porque, efectivamente, se armou… Armouse un Cristo! O rei daquela era Dios, era Dios! E, cando de súpeto, un pillabán coma min chega, senta nun micrófono e di, en español: «El rey está cometiendo una grave ofensa a Galicia…», todo o mundo quedou acolloado!. «Pero quen é este tío que di isto?». Puxéronme a parir, pero resulta que aos dous días o rei anuncia que adianta a viaxe de volta e que vén facer a ofrenda a Compostela.

Concidirían alí. Díxolle algo? Home, si. Díxome: «Xa estou aquí». O mesmo que Tarradellas, que me fixo moita graza. Pero díxomo secamente.

Sabía quen era, non? Sabía, sabía… Carallo se o sabía.

Podíase agardar daquela que Juan Carlos acabase como acabou? Non, non. Naquel momento, o rei era Dios. O Tío da Transición, o que puxera firme o exército… A min deixoume de saudar moita xente de Santiago, pero moita! Eu vin para aquí e ata os paisanos me dicían «ai, don Carlos, vano foder». Pero volvín a Santiago e a hipocrisía foi inmediata. Rompíanme as costelas de apertas e felicitacións!

Porque a súa postura era que tiña que ser o presidente da Xunta quen fixese a ofrenda. Home, era quen a facía sempre! Ti non podes delegar nun señor porque é amigo teu deixando fóra o presidente do goberno galego!

Unha vez acadada a atención, o seguinte era conseguir cartos. Os conselleiros ían a Madrid, coa súa ignorancia, a traer as competencias, e volvían todos satisfeitos: «Traio Pesca, traio Educación…».

«Os conselleiros non facían plans. Por exemplo, pedinlle ao conselleiro de Traballo que me fixese un plan de emprego. O tío cabrón colleu un avión a París, pillou uns folletos de emprego en Francia, volveu para aquí con eles e presentounos no Consello da Xunta»

Pero non traían financiamento… E eu pensaba «pero a estes tíos que lles pasa?». Entón, collín os orzamentos do Estado, que eu axudara a facer durante moitos anos [ademais de funcionario de Facenda, Mella fora director xeral de política financeira do Goberno], collín a Orza [José Antonio, director xeral de Tributos e logo conselleiro de Facenda durante toda a Administración Fraga], que era inspector e díxenlle: «Imos puntealo partida por partida, a ver o que hai». Traballamos como burros durante un mes ou dous e chegamos á conclusión de que nos foderan 13.000 millóns de pesetas. Fomos a Madrid reclamalos. Era ministro Josep Borrell. Comemos con el e xa se deu conta de que non pagaba a pena discutir porque os números eran os números, aínda que algún gilipollas de Presidencia, creo que o ministro, non nos quería dar os cartos. Hostia, aparecemos en Galicia cos 13.000 millóns e foi outro golpe do carallo!

Canto supoñía daquela semellante cantidade? Era case o orzamento da Xunta. Con iso e a emisión de débeda eu quería facer un plan económico de 25.000 millóns de pesetas para o desenvolvemento de Galicia. Ese plan xa o deseñara o Banco Exterior, pero por unha destas caralladas políticas, acabara nun caixón. Eu sabía que existía e coñecía moito a [Rafael Martínez] Cortiña, que era o director xeral. Pedinllo e el dábamo, pero atopei que… [Fai unha pausa, como asimilando aínda aquela decepción] … na Xunta non había preparación; non a había en Galicia en xeral. Os conselleiros non facían plans. Por exemplo, pedinlle ao conselleiro de Traballo que me fixese un de emprego. O tío cabrón colleu un avión a París, pillou uns folletos de emprego en Francia, volveu para aquí con eles e presentounos no Consello da Xunta.

E como encaixaba aí Barreiro? Barreiro era, e é, un home ambicioso. Foi o que o perdeu. El aspiraba a ser o presidente, con lóxica, porque era o vicepresidente. Ademais, tería sido bo porque era un tío competente, pero tiña unha ambición desesperada. Iso demostrouno despois, cando presentou a moción de censura contra Albor. Ten narices! Estar no goberno e presentar unha moción contra si mesmo, iso xa é un invento…
Era moi ambicioso. Díxenllo a el. Comemos un día no Alameda e díxenlle: «Ti queres a televisión, ti queres isto, ti queres o outro… Pero déixame en paz: eu axúdoche a ti, e ti axúdasme a min. Albor é unha flor que está aí, xa che chegará o momento». El díxome que si, aceptou… e ao día seguinte xa me pegou unha puñalada. Entón, empecei a pensar en marchar, e nisto chega a Confederación Empresarial Galega, que fai un acto extraordinario na Coruña, e pídelle ao presidente da Xunta que o clausure cun discurso. Eu en Madrid tiña fama de facer bos discursos, facía os dos ministros…

De cal? Por exemplo, de Carriles [Eduardo, primeiro responsable de Facenda con Suárez]. Fíxenlle algún a Borrell, pero sobre todo a Carriles. Escribíralle un para o Instituto de Estudios Fiscales. Cando llo dei a ler, díxome: «É moi bo, pero non sei se será un pouco atrevido». Aos empresarios españois pareceulles un discurso fantástico e gabárono. Entón, cando Albor me chama, eu tiña o discurso de Carriles. Cambieille catro cousas, pero nada: Madrid por A Coruña e pouco máis… Aos empresarios galegos pareceulles un discurso comunista inaceptable. Caeulles moi mal. Tanto que tiven que chamalos para que se reunisen comigo. Viñeron e empezamos a falar aquelas cousas: unha por unha non eran capaces de dicirlle que non a ningunha. Atopei tíos como Ramilo [Antonio, alcalde franquista de Vigo e presidente da patronal galega durante unha década, forzado a dimitir tras descubrirse un burato de 6 millóns de euros nas contas]. Ramilo fora compañeiro meu de colexio e xa sabía que era un nazi de carallo. Total, que vin aquilo e pregunteime: «Que fago eu aquí? Pois non fago nada». E marchei.

Pero non moi lonxe. Viñeron os de Coalición Galega e dixéronme que quedase con eles, pero axiña vin que eran igual que UCD, igual que o PP… Galicia estaba mal e así non era posible facer dela unha comunidade histórica. E, se che parece pouco, despois diso veu Fraga. Unha catástrofe para Galicia. Unha verdadeira catástrofe.

Por que? Fraga era un xefe de Estado –que si Alfonsín, que si Argentina…–, pero Galicia desapareceu. Non houbo unha puta transferencia. Non houbo. E durou moito tempo. Cada conselleiro era un caciquiño. Fraga berraba, pero estaba case sempre noutras cousas. Despois veu Feijóo e non fixo nada. Onte vin no xornal o da transferencia de costas. Cantos anos levabamos sen telas?

Dezasete anos. Eu xa daquela pedía transferencias e, estes carallos: «Transferencias non. Eu conselleiro, si, pero a responsabilidade para outro». Así, cun par… Non pedían as transferencias. Os cataláns e os vascos si… Eu quixen montar a policía autonómica e o problema era como a iamos chamar!

Foto de Rocío Cibes.

E chegou a haber proposta de nome? Non, tampouco. Daquela época eu remarcaría a falta de responsabilidade. Por exemplo, parece ser que ninguén se lembra, pero eu propuxen a cota para Galicia. E cando o pedín, aprobouse no Parlamento de Galicia porque lle dixen a Albor: «Aquí nós temos que facer algo». E eles asinaron: o PP asinou a cota de Galicia. Iso está aí.

«Se ves o equipo do PP… Os socialistas parece ser que non teñen moito plan, pero ti miras para o PP e non hai!»

Pois se alguén o propón agora… As proposicións que se fan para Galicia veñen do Bloque, pero da parte máis violenta. Eu son afiliado do Bloque, pago a cota porque son os únicos que me axudaron algo nalgunha cousa; pero, claro, logo vén a esaxeración: chamar á autopista a navallada, pedir unha Galicia independente… Pero, home, fai números. Como vai ser Galicia independente? Morremos coa fame!

A que cre que se debeu que se reclamasen tan poucas competencias? Faltaban ganas, como na túa época? Desleixo? Unha visión pequena do país…? Son as tres cousas. A combinación desas tres cousas é a que produce esta Galicia: unha nación –que é elemental que o somos– que non ten confianza en si mesma e que busca padriño político. Fíxate se iso estaba instalado que ata Castelao fala do «cacique bo», que despois ten un cristo de carallo para explicalo…

O «cacique bo» non era Baltar pai? Iso dicía el de si mesmo, polo menos. Claro, porque Baltar non era tonto; era cacique, pero tonto non. Iso témolo tan metido… Vilar Ponte xa falaba do «conseguidor político»: xa te declaras subordinado a alguén que che vai facer o favor e que cho vai cobrar.

Xa que mencionou a Castelao [Mella presidiu a súa Fundación tras a morte de Avelino Pousa Antelo]: agora que todo o mundo quere apropiarse da súa figura, onde cre que el mesmo se situaría hoxe? Eu atreveríame a dicir que hoxe en día estaría nunha UCD avanzada. Na UCD había moi boa xente, o que pasaba é non había pegamento interno. O PP tiña xente interesada, potente, rica, situada… pero menos intelixente, posiblemente, do que eles pensaban. O PP sen poder non existe; se llo quitas, fodeuse. Se ves o equipo do PP… Os socialistas parece ser que non teñen moito plan, pero ti miras para o PP e non hai!

Pois mire que mandamos para Madrid un suposto estadista… O que mandamos para Madrid é mellor non miralo. Non se pode mandar a Tellado de voceiro, hai que mandar algo mellor. Ao fin e ao cabo, Madrid tamén é Madrid. Pero o PP sen poder non é nada.

Non será, pero en Galicia segue sen atoparse a maneira de quitalo. En Galicia a xente está acostumada a ser dependente. E iso hai que recoñecer que o PP o domina moi ben, porque son todos caciques. Son tan caciques, tan caciques, que non deixaron a Fraga presentarse por Lugo nas súas primeiras eleccións [ri]. Impediullo Cacharro Pardo, presidente do partido e da Deputación. Son xente competente no seu oficio de caciques.

«Pensei que Europa nos ía civilizar un pouco, pero non, seguimos coa mesma política de barricada»

E iso é ao que estamos abocados? España é unha potencia en decandencia. Pequena, secundaria, coa metade das competencias en mans da Unión. Non temos xente de categoría. Que significa en Europa Pedro Sánchez?

Polo menos fala inglés… Se non chega ser por iso, xa sería cousa de risa. Pódese comparar politicamente con Macron, ou coa Thatcher? Nah. O único que tivo nivel europeo foi Felipe González. Iso non se pode negar. Os demais, secundarios totais… [Queda un intre pensativo]. Non lle vexo moito futuro ao estado das autonomías. Hai que ter conciencia de, e fóra de País Vasco e de Catalunya non a hai; ao contrario.

Cre entón que nos agarda un proceso de recentralización? Supoño que si. Porque estas liortas van queimando o país. Co de Valencia levan seis meses, foi unha catástrofe tremenda, tremenda, e o único que sabemos é que o río pasou por alí e levou a todo o mundo por diante… Non sei. No País Vasco xa non contan con nós: fan a súa vida, collen os nosos cartos…

Pero porque eles si que teñen cota… Claro. E Navarra vai polo mesmo camiño. Eu véxolle pouco futuro. Pensei que Europa nos ía civilizar un pouco, pero non, seguimos coa mesma política de barricada.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail