Trump e os psicodélicos

A pasada fin de semana Trump aproveitou que era o Día da Bicicleta para aprobar unha orde executiva que legaliza a nivel federal a investigación con substancias psicodélicas. O Día da Bicicleta conmemora a síntese da LSD por Albert Hoffman en 1943. Desde entón, a psicodelia mantivo unha problemática relación cos EE.UU.

Descuberta durante a II Guerra Mundial, os laboratorios Sandoz aínda tardarían uns anos en comercializar a LSD baixo o nome de Delysid. Non era cousa de dar a coñecer os fabulosos poderes desta substancia nun contexto bélico no que Hitler, por exemplo, repartía as anfetaminas de Pervitín a todo o exército. Ao cabo, Suíza permanecía neutral ao seu xeito e, sen un Estado co que facer negocio…, mellor esperar á fin da guerra.

A II Guerra Mundial rematou e deu comezo outra guerra ben distinta en canto ás regras de xogo: a Guerra Fría. Nos primeiros anos, as superpotencias emerxentes buscaron rearmarse baixo novos parámetros. A guerra nuclear foi sen dúbida a estrela, mas a guerra química tamén xogou un papel importante. Sería daquela cando aparecería o interese pola LSD como arma química. Experimentouse así para incapacitar as tropas inimigas, como «soro da verdade» en interrogatorios, por exemplo.

Foi un completo fracaso que fixo desistir as autoridades militares e, porén, un grande éxito terapéutico nos hospitais. Desde o uso «psicomimético» (de xeito artificial, imitábanse ou reproducíanse os efectos semellantes a un trastorno mental), fixo carreira durante os seus vinte primeiros anos. Os resultados eran ben esperanzadores. Celebrábanse encontros e publicábanse papers con grande entusiasmo.

Mais as rúas daqueles anos empezaron a ferver a prol da contracultura. Non contentos co funcionamento fechado das institucións nas que se distribuía a LSD, Timothy Leary e Richard Alpert deciden cambiar de bando e pasar da Universidade de Harvard ás disidencias que xa estaban medrando fóra da contorna académica na costa oeste, con Ken Kesey e os Merry Pranksters, e na costa leste, William Burroughs e Allen Ginsberg. Aconteceu en 1963 e ben se pode tomar esa data como inicio dunha psicodelia moderna e popular.

Os feitos son coñecidos: en 1967 tivo lugar o Verán do Amor, no que Leary animou a mocidade a «acender, sintonizar e desconectar» do sistema capitalista. Este célebre Turn on, tune in, drop out será o sinal de partida para toda unha xeración. Preocupadas pola orde capitalista, as autoridades apresuráronse a prohibir a LSD nunha espiral que chegou a 1971 coa súa prohibición total a nivel global.

A dos anos 70 foi unha década movida que comezou no verán do 69 cos asasinatos da Familia Manson e o festival de Altamont, o 6 de decembro daquel ano. A guerra cultural contra as drogas foi así sinalada polo presidente Nixon, quen o 17 de xuño de 1971 proclamou a Guerra contra as Drogas. Sería, porén, co triunfo de Ronald Reagan que o horizonte aberto na década dos 60 pola LSD acabaría definitivamente clausurado a prol do neoliberalismo.

Con todo, a Guerra contra as Drogas só fixo que empeorara, e moito, a situación xeral en termos de Dereitos Humanos. Logo de romper co pasado (a miúdo sinalando o narcisismo de Leary coma culpábel) a elite investigadora volveu á estratexia inicial: proselitismo entre millonarios, lobbismo psicodélico nas institucións, etc. Esa é a particular xenealoxía que leva a que, primeiro puntualmente coas pequenas fisuras do sistema (cultos indíxenas peyoteros, terapias para enfermos terminais de cáncer…), e despois coa orde executiva do pasado sábado, o neoliberalismo recoñece (de facto) o seu fracaso.

Que nos espera por diante? O «renacemento psicodélico» apostou no seu momento por pasar da análise psicomimética ao estudo psicopatolóxico. Lonxe de comprender implicando a propia subxectividade, agora procúrase establecer unha diagnose, definir cadros clínicos e dotar de ferramentas psicodélicas para erradicar as patoloxías. Tras esta homologación da psicodelia  atópase unha mutación do poder que non existía en 1943: a biopolítica. Iso é do que vai a psicodelia implícita na orde executiva de Trump: construír suxeitos funcionais ao sistema capitalista. Conseguirao? Queda por ver.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail