Mazón, o vocalista letal

Este rapaz con pinta de extremo dereito de fútbol rexional dos 80 foi ata hai pouco músico e cantante de orquestriña. Estudou Dereito e casou con Mamen, sobriña dun socialista alacantino de renome, Josep Beviá. Ten dous fillos, xemelgos bivitelinos, polos que se sente dobremente motivado: «Antes que nada, son papá». Empoleirouse ás Novas Xeracións do PP; de aí á Deputación e despois á presidencia da Generalitat, pero uns anos antes fundara o combo Marengo, co que concursou a Eurovisión 2011 co tema «Y sólo tú». Poden buscar o vídeo en Youtube. Cando a Carlos Mazón se lle pregunta por aquela aventura artística, responde: «Unha broma, tipo ‘térmame do cubata’ ou ‘hai que ter o que hai que ter’».

Mazón é ese tipo que entra asubiando no ascensor e que te pisa sobre o calo sen deixar de rir. Pertence a esa gama humana que chega tarde aos sitios porque está convencido de que o tempo é elástico. Leva sempre un par de tenis no maleteiro por se toca correr. É fan do Hércules e costalero do Cristo de la Buena Muerte. Dirixe desde Alacant as tres provincias e os seus desprazamentos cústannos aos valencianos 12.000 euros ao ano. Pactou con Vox antes de que Feijoo dera a saída. O seu no-va-más é un día de sol na súa cidade e un arroz no peirao con amigotes que, mentres terman do cubata, fan a graza: «Hai que encher a pluma, que é venres». Mazón é ese entrevistado que solta que le moito e que, cando lle preguntas en que lectura anda agora, contesta: «Vaia, xusto quedei en branco».

Malia colocar toureiros e negacionistas do cambio climático no seu primeiro goberno, Carlos Mazón non é nin taurino nin terraplanista. Sinto defraudar. Tampouco é golpista e nin sequera facha. Abóndalle con ser un optimista perigoso. Un «papanatas», como o define certo círculo que o coñece en Alacant. Un exemplar que se cre agraciado e gracioso a rabiar, e que ao final non te deixa vivir.

Nestas costas funciona un sentimento idiosincrásico que se chama menfotisme (do francés je m´en fous: súdama, paso, tráema sen coidado). Cando esta actitude apática nun dirixente político entra en combinación cos trazos optimistas mencionados, os resultados son catastróficos. Ese foi o Carlos Mazón do día da DINA.

Ilustración: Raúl

O xoves 24 de outubro o seu goberno activou o Plan de Emerxencias ante Inundacións logo da previsión da Aemet. Dous días despois, a Aemet precisou que as fortes precipitacións serían o martes 29, e pintou de vermello o interior da provincia de Valencia. O luns 28 as universidades de Valencia capital e algúns ajuntaments, incluso rexidos polo seu propio partido, pecharon as aulas. Fai falta ir moi sobrado para non facer caso destes agoiros e manter a túa axenda presidencial.

No día de autos (si, linguaxe xudicial xa, por favor), Carlos Mazón iniciou a actividade ás 8.53 cun chío en X no que pedía «prudencia nas estradas» e «atención ás informacións das autoridades». Esa mañá presidiu un Consell de Govern que, entre outros asuntos, nomeou un experto en touros como responsable de Protección Civil, recibiu a certificación AENOR á sustentabilidade turística da Comunidade Valenciana e cruzou toda a cidade para presentar a Estratexia de Saúde Dixital no sistema sanitario. A morte converte a vida en destino. Todos estes actos da súa axenda mantida contra natura vólvense agora na súa contra en forma dun endemoñado paradoxo.

Aínda volveu Mazón ao Palau da Generalitat para unha cita con empresarios e sindicatos. Ás tres marchou xantar coa xornalista Maribel Vilaplana para ofrecerlle a dirección de À punt (versión oficial que custou dúas semanas obter). No medio, largou un canutazo no que asegurou que a DINA se afastaba cara a Cuenca e que a partir das seis se debilitaría. Cando Mazón sentou no restaurante xa había desaparecidos no Júcar e rescates con zodiac en Utiel. Tardou tres horas e media en rematar de comer. A tal hora, ás seis e media, xa había mortos en Utiel, Requena, Chiva e Torrent, e o caudal dirixíase cara a L’Horta e La Ribera. A consellera agora cesada convocara o órgano coordinador de emerxencias a unha hora prudente, ás cinco, pero o president non chegaba e, o que é peor, estaba ilocalizable. Mazón apareceu ás oito e media. Houbo que explicarlle a situación. O seu Goberno demorara ata as sete e media a emisión da alerta cidadá.

Duascentas vinte e tres vítimas provisionais. Os tribunais decidirán cantas foron imputables á riada e cantas ao optimismo neglixente do vocalista yeyé.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail