Este programa pillounos escoitando un podcast, lendo un libro, xogando algún videoxogo ou estando nunha videoconferencia coas amigas. Recoñéceo, ti tamén tes vontade de espazos abertos e contacto humano, só que xa non sabemos se iso todo vai ser como antes de 2020.
A maneira en que pasamos o tempo foi completamente alterada cando a pandemia e o posterior confinamento nos apañaron. O lecer perdeu espontaneidade, marchou a improvisación e viñeron as reservas, as limitacións horarias e de número de persoas. As Womansplainers analizamos esa dependencia que hai da hostelaría para organizar case calquera plan como sociedade. A partir de 2020 houbo que crear alternativas e cada unha de nós comentou como xeriu o seu tempo libre desde que convivimos coa COVID.
O lecer comezou a ser máis individual para evitarmos demasiadas interaccións sociais. Entre as consecuencias máis evidentes podemos destacar o aumento na venda de libros, o incremento no número de perfís en apps de encontro tipo Tinder e o crecente hábito de consumo audiovisual en plataformas de streaming. Algúns destes plans parece que chegaron para ficar e outros están a esmorecer desde que as medidas sanitarias son algo máis laxas ou a percepción de risco é menor.
O noso podcast, co patrocinio de PuntoGal, continua a ser unha aposta para os teus tempos libres. Nesta semana tamén hai Womansplainers, mais agora sen máscaras!