O Sergas derivouno a un hospital privado do grupo Ribera Salud en Vigo, a 180 quilómetros do seu domicilio e a onde terá que acudir varias veces para que o operen
A Coruña. O Servizo Galego de Saúde, dependente da Xunta, aceptou pagar 83,06 euros en concepto de prestación de axuda por gastos de desprazamento ao paciente con discapacidade ao que derivou a un hospital privado a 180 quilómetros do seu domicilio, para curarse un tendón roto nun dedo. Entre visitas ao especialista, ao cirurxián e ao especialista, terá que facer en total máis de 1.400 quilómetros.
O home, de 39 anos de idade e que pediu a Luzes-Público que garde a súa identidade no anonimato, padece unha discapacidade do 34% e vive en Sarria (Lugo), a 180 quilómetros da clínica Povisa de Vigo, o hospital privado do Grupo Ribera Salud ao que o Sergas o derivou.
O paciente lesionouse hai cinco meses e, tras ser atendido en urxencias, acudiu ao Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo, onde o médico que o atendeu diagnosticoulle «probable rotura do aparello flexor» do dedo e asinou a súa derivación a Povisa. Déronlle cita para o 18 de xaneiro, e o cirurxián que lle examinou encargou unha resonancia en Lugo. Pero non no hopital público, senón na clínica Polusa, que pertence ao mesmo grupo que Povisa.
Con esas probas, o paciente volveu viaxar a Vigo o 8 de marzo, onde o cirurxián lle propuxo operarse e lle indicou que tería que volver a Povisa para consultar co anestesista. Déronlle cita para o vindeiro luns 27 de abril. Unha vez cumprido ese trámite, daranlle definitivamente data para operarse. É dicir máis de cinco meses despois da súa primeira consulta en urxencias e, como mínimo, e se non ten que volver a Vigo para o exame postoperatorio, máis de 1.400 quilómetros.
Nunha carta datada o pasado día 12, o xerente do Sergas para a área sanitaria de Lugo anúncialle que a Xunta ten resolvido «estimar a solicitude de prestación de axuda por gastos de desprazamento pola cantidade de 83,06 euros» polas viaxes xa realizadas en xaneiro e marzo. O afectado, que non pode conducir dada a súa lesión e que depende da súa familia para desprazarse, asegura que se gastou 150 euros neses dous desprazamentos. Serán 450 en total se ten que realizar outros tres, cuxos gastos, según explicou a este medio tamén reclamará eses cartos.
Galicia conta con catorce hospitais públicos, pero a Xunta asegura que a clínica Povisa é «o centro de referencia para cirurxía complexa de man», e que envía alí «a algúns pacientes» en casos moi concretos. «Trátase de patoloxías moi específicas», din fontes do Sergas, que engaden que «obviamente o paciente non ten que facer ningún pago» polo tratamento.
En referencia á axuda para desprazamentos, as mesmas fontes indican que a prestación «está contemplada na normativa vixente, sempre que a derivación [a un hospital privado] estea xustificada clinicamente e se cumpran, por tanto, eses requisitos«».
A Xunta paga a Povisa 90 millóns de euros ao ano por un concerto que lle encomenda a atención de 135.000 persoas con cartilla da sanidade pública na área sanitaria de Vigo, cantidade á que hai que sumar o que a empresa factura por atender a enfermos doutras zonas, como sucede neste caso.
Ribera Salud, que xestiona oito hospitais en España, é propiedade da multinacional estadounidense Centene, que posúe o 90% das súas accións cunha participación do 10% do Banco Sabadell. O grupo Ribera facturou 409,5 millóns de euros no 2o20, cuns beneficios antes de impostos e amortizacións de 16,9 millóns. O paciente que o Sergas derivou á súa clínica en Lugo e ao que asignou 41,57 euros por cada desprazamento vive cun subsidio por discapacidade de 680 euros.