Gora San Snob

É ben triste que alguén que pasou pola vida facendo amigos, como Esteban, marche no medio dunha pandemia que impide que o visiten. Que inxusta a vida con el, outra vez.

As últimas semanas convertíronse nunha montaña rusa vista desde a distancia na que cada noticia era un xiro. Chegaban en mensaxes de Twitter, de Whatsapp, chamadas telefónicas. Primeiro o horror da enfermidade, despois a alegría coa saída da UCI, repetíndose o desánimo conforme chegaban os ecos do que pasaba, aínda que parecía por uns días que igual saía adiante por esta vez e, ao final, non puido ser.

Como eu non son da Xeración Xabarín, para min non foi Arroz Hacker aquel neno que sabía tanto de BD, nin Pepiño, o de Pratos Combinados. A primeira vez que o vin, Snob levaba pantalón e chaqueta negros no medio do Cultura Quente na carballeira de Caldas. Todos sucumbindo á uniformidade de vaqueiros ou pantalóns curtos coa desculpa da calor e el seguía sendo un señor. Na miña mente é parte da memoria máis feliz de calquera proxecto de Internet en galego que tente lembrar: o Blogomillo, Chuza, o Galituiter. E non imaxino ir a Compostela sen atopar a Esteban, tanto ten que sexa un concerto coma unha manifa ou ver unha peli friki na Gentalha, sempre estaba alí. Podía ser o mellor San Martiño de Dumio (o do porco non, o outro), un apalpador de enorme sorriso e ollos brillantes ou Snob Megalove, cantante dos Megaloves. Sempre aportando unha cultura incrible, que iluminaba ao resto con lecturas que semellaban infinitas. O mesmo podía falar de BD, de música, de literatura, de historia ou de política. Falar con el era descubrir: restaurantes agochados, libros interesantes, música diferente, cada día algo novo.

Hai un tempo, despois dun ingreso no hospital contoume que decidira dicir que si a todo o que lle propuxeran. Era o seu xeito de aproveitar a vida, a que lle tocara.

Imaxino que Estaban non pasará a Historia, a dos nomes que aparecen nas placas, que teñen rúas co seu nome. A súa memoria vivirá mentras vivan as súas amigas e os seus amigos, que tocaron con el a pandeireta, que cantaron con el, que compartiron unha mesa con el, para comer e beber, para rir, rir moito, que o viron poñerse de pe, coas mans nos riles para contar algo, que falaron con el horas e horas na rede.

Snob e o resto da banda de LUZES, facendo sinerxías: comité/papatoria

É ben triste que alguén que pasou pola vida facendo amigos marche no medio dunha pandemia que impida que se xunten para despedilo. Haberá que lanzar caracteres á Internet, escribindo con bágoas nos ollos.

Adeus, Esteban.

Gora San Snob.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail