A elegancia en patinete. Luz Pozo

Para escribir estas liñas volvo a Códice Calixtino, alenta nel a descuberta feita aos dezasete anos.

Moito me acompañou aquel libro branco cunha árbore esguía na capa. A tipografía do título turquesa na edición de Sotelo Blanco dos noventa.

Non sería ata o 2008 que a coñecería en persoa. Dúas boas amigas argallarían o encontro por sorpresa polo meu aniversario. Non sei se ela percibiría como, nas primeiras merendas, a admiración me enmudecía mentres procuraba nela os símbolos aprendidos no bacharelato. Cada luz coa súa sombra. Aquela elegancia callada de referencias, en forma de anécdotas ou observacións eruditas, só podía rematar en fascinio.

Con Díaz Pardo e Gamallo Fierros nunha mostra de Luis Seoane (Arquivo de LPG)

Abrumoume a súa xenerosidade co meu primeiro libro e comigo. Lembro ben como se brindou e me falou daquela. Non se trataba en absoluto dunha excepción, máis ben do que parecía marca da autora: coñezo moitas poetas de distintas xeracións, admiradoras do seu traballo, que poderían subscribir isto mesmo. Estamos ante un referente que sempre alenta ás que veñen detrás, unha poeta tan luminosa e brillante como próxima. Nada maternalista coas máis novas, nas conversas desprendía esa independencia que atravesa vida e obra. E así, aquela nena afouta en patinete, converteríase en perfecto emblema da enerxía e vitalidade contaxiosas que a acompañaron toda a vida e que nos alumeaba.

Interesada continuamente nas lecturas ou no traballo poético das demais, xenerosa na escoita e no afecto. Admirábame, segundo a fun tratando, a súa capacidade de traballo. Incansábel, sempre tiña un proxecto entre mans.

Nun dos escenarios de "Vodas palatinas", Buçaco
Nun dos escenarios de “Vodas palatinas”, Buçaco

Luz Pozo deixa un rastro indeleble cunha obra que atende ao esencial e verdadeiro. O modo de entender a escrita, o seu compromiso coa literatura e as artes non podía máis que xerar lectores entregados e amigos fieis. Os mesmos que regresamos á súa obra hoxe buscándoa. Sosteño os seus libros como un credo poético que nos lega para seguir acompañándonos dela. Para sentir menos feroz a súa falta.

Dores Tembrás, con Luz Pozo, nunha homenaxe en María Pita. No medio, Chisco Naval e Olga Patiño

E así volvemos á promesa certificada xa no poema de amor que abría aquel Códice, e que repito en alto como oración: «Ben sei que ficarei neste sosego inda despois/ da morte».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail