A Coruña.- A Xunta de Galicia acordou coas cinco empresas editoras de 11 xornais da comunidade comprarlles 425.000 exemplares dos seus diarios para distribuílos nos colexios, institutos e centros de formación profesional da comunidade. Trátase de medios cuxa liña editorial adoita axustarse aos intereses e á estratexia política do PP e do Goberno de Alfonso Rueda, que só no primeiro ano desta lexislatura xa lles entregou a dedo preto de tres millóns de euros a través de axudas directas e de convenios sen concurso público.
Desde que Rueda herdou o mando de Feijóo en 2023, eses mesmos diarios recibiron preto de seis millóns de euros da propia Presidencia da Xunta, de varias consellerías e dunha axencia da Administración autonómica. Durante os 13 anos de mandatos de Alberto Núñez Feijóo, e sen contar a publicidade institucional e outras subvencións convencionais, os editores afíns ao PP obtiveron máis de 45 millóns de euros mediante axudas discrecionais e subvencións camufladas de convenios.
A adquisición de diarios para os centros escolares foi subscrita en xaneiro pasado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, coas once sociedades editoras, e forma parte dun programa para o fomento da lectura de prensa que se repite todos os anos desde hai case tres décadas. Consiste, segundo o texto dos convenios, en «publicar semanalmente información relacionada con temas de educación» e en «distribuír como mínimo un exemplar […] polo menos un día á semana» en colexios, institutos e centros de FP públicos e concertados que designe a consellería.
Sen ánimo de lucro
Os acordos exclúen explicitamente que as empresas poidan lucrarse co programa, pero o certo é que o seu valor total suma máis de 408.000 euros, unha cantidade notablemente superior á que se pagaría no mercado editorial pola compra masiva de 425.000 xornais. As enormes diferenzas, de ata o 663%, no prezo de compra por exemplar de cada diario, mesmo entre os dos mesmos grupos editores; as diferenzas nos custos de impresión que alegan, de ata o 100% aínda que tiren na mesma rotativa, apuntan a que os convenios encobren en realidade pagos a empresas que se si se lucran do diñeiro público e que deberían ser sometidos ás normas da lei de contratos públicos.
«É unha tomadura de pelo, é financiamento encuberto dos xornais amigos», sostén Diego Boquete, mestre e secretario de Acción Sindical da Confederación Intersindical Galega (CIG), maioritario na educación pública. «Esa compra en masa non serve de nada aos centros, en primeiro lugar porque a maioría dos colexios e institutos xa están subscritos a algún xornal; en segundo, porque cun único exemplar por centro non se pode facer actividade algunha, nin sequera con dous ou con un por aula. E, terceiro, porque non existe ningún programa que contemple o uso en clase deses xornais, que ademais son todos en español», sostén.
Boquete engade que sería lícito que se puxese en marcha un plan de fomento da lectura de prensa con medios en galego. «Pero a compra de diarios non serve para nada. Só para financiar os empresarios afíns ao PP e para que aumenten artificialmente as súas cifras de difusión», engade Boquete, quen lembra que eses mesmos once medios en español son tamén os únicos beneficiados desde hai décadas polas axudas da Consellería de Cultura para a promoción do galego, que tamén se tramitan mediante convenios a dedo sen concurso público.
En función do EGM
A Consellería de Educación asegura que as contías coas que financia os convenios «establécense para cada xornal de publicación diaria en base aos criterios obxectivos en función dos datos de audiencia do Estudo Xeral de Medios». Pero o departamento de Román Rodríguez non quixo explicar que criterios emprega para establecer as taxas de cofinanciamento de cada medio, que oscilan entre menos do 1% e máis do 86%.
La Voz de Galicia, o xornal da Fundación Santiago Rey, que preside Lois Blanco, foi o máis beneficiado cun convenio de 150.000 euros ao que achega só 126,82 euros, o 0,08%. Mentres tanto, os que menos reciben, El Ideal Gallego da Coruña, Diario de Arousa e Diario de Ferrol, propiedade do empresario José Collazo, superan o 80% de cofinanciamento para unha cantidade total de 42.900 euros dos que a Xunta só poñería menos de 7.500. En ningún dos acordos dos catro diarios se explica a que se destina a cantidade coa que contribúe cada cada un.

No caso de La Voz, comprométese a distribuír durante o curso escolar nos centros educativos 199.967 xornais, o que significa un custo medio de 0,75 euros por exemplar. O diario coruñés, que posúe unha rotativa propia que presume de ser a máis moderna da prensa galega, alega uns custos de impresión por baixo dos 0,29 euros por cada un.
O seu principal competidor, Faro de Vigo, adscrito á Editorial Prensa Ibérica de Javier Moll, aduce un custo de impresión similar, pero o seu prezo elévase a 1,02 euros por exemplar, dado que a Xunta lle merca 78.000 unidades e o valor do convenio son 79.300,61 euros. Tamén son propiedade de Prensa Ibérica El Correo Gallego de Santiago e La Opinión da Coruña. O primeiro distribúe nos colexios e institutos 26.137 diarios cun custo de impresión de 0,39 euros por exemplar e un prezo de 1,33 euros. O segundo, que reparte 6.800 xornais co mesmo custo de impresión, sobe o prezo aos 1,36 euros.
As diferenzas son máis acusadas nos diarios de Blanca García Montenegro, El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra. Alegan os custos de impresión máis caros –0,77 e 0,84 euros, respectivamente–, pero o prezo final para a Xunta é de 1,15 para o primeiro e 1,47 para o segundo. Sucede o mesmo cos do grupo do editor Óscar Outeiriño: La Región de Ourense aduce que cada exemplar sae da imprenta a 0,36 euros e Atlántico Diario, a 0,11. Poñer eses diarios nos coles de Pontevedra e Ourense sáelle ao erario galego por 0,99 e 0,66 euros por exemplar.