Por casualidades da vida estas Cartas de Galiza de Prosper-Henri Devos, editadas en 2023 por Laiovento, colléronme lendo as Cartas de España do liberal e heterodoxo irlandés-andaluz José Blanco-White. Digo isto por sinalar que, se do formato das 8 Cartas, publicadas orixinalmente en prensa en 1912, é posible atopar precedentes históricos, do xénero que mestura a fórmula epistolar coa vontade de «explicar» aos «europeos» a peculiar natureza dos pobos da península ibérica tamén se poderían dar xenerosas referencias pretéritas na literatura de viaxes. Trátase dun tipo de postais adoito trufadas de elementos tópicos e exotizantes, sobre todo cando están escritas por foráneos. Devos é, dalgún xeito, herdeiro desta tradición, por iso nas súas Cartas de Galiza nótase a vontade de atopar o que xa viña predisposto a buscar: a España dos tópicos andaluces. Agora ben, se as cartas de Prosper-Henri Devos se reducisen a iso carecerían de todo interese para nós no presente. E este non é o caso do libro que nos ocupa.
A edición, de 99 páxinas, ofrece un limiar no que a curadora e tradutora dos textos de Devos, María Obdulia Luis Gamallo, reflexiona sobre o intimismo das cartas do belga e sobre a súa relación con intelectuais galegos como Ramón Fernández Oxea. Para a editora, as cartas pódense entender coma un «espazo de Outridade» no que se atoparían dúas literaturas periféricas, a belga e a galega.
Ao noso entender, o primeiro que cómpre suliñar é que o propio paso de Devos por Galiza ten moito que ver coa nosa excentricidade xeográfica a respecto do resto do Estado. O autor veu en calidade de correspondente dun xornal belga para cubrir a estancia no sur galego dos contrarrevolucionarios monárquicos portugueses que, tras varias tentativas de desestabilizar a república de 1910 —declarada tras o rexicidio de 1908— emprenderán o camiño do exilio embarcando en Vigo, canda unha multitude de emigrantes, cara ao Rio de Janeiro.
Que é logo o que outorga interese ás cartas de Prosper-Henri Devos? Por unha banda, que o pobo galego como tal, e o seu idioma, aparecen recoñecidos reiteradamente nos textos, malia a, algo estraña, «andalucización» presente por momentos. Pola outra, que a Galiza de Devos non é a do agro, a ancestralidade e a maxia, senón a Galiza das cidades; pois é o seu un percorrido polas cidades de Vigo, Santiago, A Coruña, Lugo e Ourense.
Ao autor réinalle a modernidade e alegría de Vigo, ademáis de quedar prendado da ría, Nesta cidade recréase describindo o animado paseo da burguesía na alameda da Praza de Compostela. Se ben o relato do duelo convocado en Balaídos, que non se chegou a celebrar, volve introducir o gusto polos tropos asociados á España romántica. De Santiago di que está tan rodeada de historia como cen veces máis morta ca Bruxas ou Ypres. Non é boa a imaxe que deita Devos de Compostela. Unha cidade aletargada, algo abandonada e sumida nas súas glorias pasadas coma nun soño sen espertar. Na Coruña, o autor atopa outro anaco da España tópica á que viña predisposto. Describe con detemento a asistencia a unha tourada na que o matador galego Celita era o protagonista. Sorprende, de todos os xeitos, que Devos faga constantes mencións ao orgullo galego do toureiro e dos afeccionados nun contexto que, para nós, hoxe, semella o menos propicio para desenvolver calquera fachenda patria. Por outra banda, da Coruña realza Devos o carácter de porto importante, ben que menos impresionante que Vigo, ao seu ver, e tamén o maior luxo detectable na burguesía que pasea na alameda. Iso si, trátase dun luxo no que prima o «exceso de ostentación provinciana» e na que nos «barrios fastosos» non hai «nin teatros, nin librarías». Entre o máis sorprendente da ollada de Devos a propósito da Coruña é o seu disgusto polas galerías que tanto identifican á cidade. Se cadra debido a que a súa vontade de ver o sol español por todos lados, e a súa condición de natural da anubrada Bélxica, lle impide entender que aquelas estaban pensadas para os días chuviosos e non para impedir a entrada de luz nas casas.
De Lugo di que é fría e triste, menciona a celebración do día da árbore, abxura da arquitectura popular de xisto, que ve burdo, e chámalle a atención o uso da pizarra. Ademais, narra un paseo polas murallas e a visita un pazo da man do fidalgo que o habitaba. De Ourense comenta, ademais da admiración polo poeta menor Primitivo Rodríguez Sanjurjo, a utilización da fonte das Burgas, por parte dos lugareños, para despenar aves ou encher tinallas con finalidades domésticas; de todo menos o uso terapéutico. Tamén abraia a Devos, e así o rexistra non sen ironía, a falta de recursos para manter o museo arqueolóxico aberto aos visitantes.
En suma, o interese das cartas de Devos estribaría en identificar unha Galiza urbana, afastada dos tópicos ruralizantes, malia esta aparecer velada por outros tópicos: os do exotismo español de raíz romántica que tanto éxito tivo no mundo francófilo.
Que aínda hoxe, algunhas das caracterizacións das distintas cidades que fai Devos sobrevivan (Vigo dinámico, Santiago clerical e estancado, A Coruña burguesa pero provinciana, Lugo rural e frío, Ourense aspirante a cidade termal) indican que fica moito traballo por facer para articular e conectar esa trama urbana de pequenas cidades e vilas que debería ser a Galiza do futuro e dotarlles, así, a cada unha delas, de novos significados e funcionalidades compatibles.