Así soporta a cidadanía de Ourense os caprichos e faltas de respecto de Jácome

Problemas na xestión de lixo da cidade, supresión dun programa para vítimas de violencia de xénero, privatización dos centros de educación especial, persecución a policías locais… As actuacións do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o mesmo que presumía hai unha semana de viaxar a Madrid, a “zona cero” do coronavirus.

 

A alcaldía de Ourense, encabezada por Gonzalo Pérez Jácome do partido Democracia Ourensana (DO) e que goberna en coalición co PP, é coñecida pola maleducada actitude do edil cara á corporación municipal e polos seus controvertidos comentarios, como cando presumiu a semana pasada en Twitter de viaxar a Madrid en plena alerta sanitaria polo coronavirus: «¿Quién dijo miedo? Volando hacia la zona cero del pánico en España. Espero volver como voy».

Mentres tanto, o seu mandato local réxese por unha insuficiente xestión no servizo de limpeza da cidade, con moitos anuncios e escasas medidas reais para os contedores subterráneos obsoletos; pola supresión dun programa para vítimas de violencia de xénero da policía local por falta de «recursos»; a persecución de Jácome a axentes por poñerlle multas; a privatización dos centros de educación especial (CAP); a colocación de amigos con retribucións esaxeradas ou a construción dun centro de intelixencia artificial que o alcalde xustifica contra vento e marea.

A Plataforma de Ampas (Asociación de nais, pais e alumnos) dos centros de educación especial en Galicia púxose en contacto coa alcaldía. Os seus integrantes levan reclamando catro anos un CAP xa que Ourense é a única provincia na comunidade que non ofrece de maneira pública este servizo, de forma que os seus fillos quedan a partir dos 21 anos sen atención nin alternativas para eles nin as súas familias. A portavoz da organización, María Eva Gutiérrez, conta que un grupo de nais reuníronse no concello con Jácome, e afirma a Luzes que o trato foi «esperpéntico».

O rexedor acusou a unha das nais de ter un trato de «maleducada» e de dar portadas no seu despacho, pero as presentes alí, aseguraron que foi ao revés. Jácome chegou a dicirlle a unha delas: «A esta loca que la saquen de mi despacho, tiene prohibida la entrada mientras que esté yo en el ayuntamiento». Ademais, o edil ourensán si que está de acordo coa instalación do CAP na cidade, pero cunha xestión privada.

«A ti que más te da que un empresario se forre siempre y cuando tu hijo esté bien atendido», contestou a unha nai. É por iso polo que Gutiérrez evita dirixirse ao alcalde para abordar este tema: «Sabemos como nos vai a tratar, as familias que temos fillos con discapacidade non podemos esperar absolutamente nada deste tipo de persoas». E engade: «Jácome non representa a cidade na que vivimos».

Agora, o edil pretende crear un centro de intelixencia artificial cun orzamento de 10 millóns de euros que parten do concello de Ourense, Xunta de Galicia e da Deputación para o primeiro ano, cantidade que o alcalde considera «humilde» e que prevé que funcione no verán. Fontes do concello explican que tamén contratará a un amigo seu profesor da Universidade de Vigo que cobrará 60.000 euros ao ano. Ademais, un interventor solicitado pola oposición declarou que o orzamento de persoal estaba fóra da lei, e tanto as forzas políticas como os sindicatos pediron recursos. A oposición lembrou de paso ao alcalde que a «lei de base de réxime local» non establece entre as competencias do concello a investigación.

Desta maneira anunciou a contratación dun «city manager» que cobrará máis que Pedro Sánchez ou Alberto Núñez Feijóo, con el xa son os 27 asesores do alcalde, o máximo legal permitido. Ao mesmo tempo, anulou a actividade en sectores como a cultura e a música, aínda tendo el estudos privados en son e os seus pais unha soada tenda de instrumentos na cidade. Tamén cancelou certames teatrais. Á vez, presentou medidas no concello como a creación dun balneario nun antigo cárcere e mesmo anunciou a construción dun rañaceos, derrogando cuestións locais como unha subvención para manter viva a praza de abastos da cidade ou a reapertura da praza da Ponte, que continúa pechada.

«Jácome é un hooligan»

«Jácome é un hooligan», postula o concelleiro do BNG Luís Seara. «As infraestruturas están obsoletas, hai que cambiar o actual modelo da cidade», explica. «Hai que incidir nas cousas máis elementais, medidas para que a cidadanía recupere o orgullo de ser ourensáns». Asegura que ante os caprichos do alcalde como o centro de intelixencia artificial ou o city manager, Jácome pretende poñer unha «cortina de fume á súa nefasta xestión» e á do seu goberno.

«É un home que non ten ningún tipo de coñecemento da función pública, a única maneira para paralo sería que interviñese Feijóo e aplicar unha moción de censura», alega Rafael Villarino, concelleiro do PsdeG-PSOE. Respecto ao visto estes días nas redes sobre os insultos no pleno e os seus modais, agrega que é «unha tónica habitual». Os plenos duran entre 6 e 8 horas e Jácome «ocupa unha hora e media». «É o alcalde o que debe moderar, e en cada intervención interrompe cunhas opinións patéticas e buscando unicamente o chiste fácil e a humillación se é posible», sostén.

Estes plenos nun principio emitíanse polo propio medio do concello e agora emítense a través da súa canle de televisión, Auria TV. Esta cadea, explica, «non existe». «Está subcontratada a outra identidade violando todas as condicións da licenza orixinal», agrega Villarino. Nos seus comezos a televisión retransmitía a «modo pirata» o sinal de Canal +, cando foi denunciado, Jácome manifestou que «o que estaba a facer é un favor a Canal +». O concelleiro do PSdeG-PSOE engade que tentaron facer algo respecto diso, pero «a Xunta mira para outro lado».

Que Jácome accedese a dirixir a cidade ten un responsable claro para a oposición: Alberto Núñez Feijóo. Gonzalo Pérez Jácome alcanzou a alcaldía nas eleccións municipais do pasado 2019. O líder de Democracia Ourensana ( DO), terceira forza política, chegou a un acordo co PP de José Manuel Baltar cando o popular perdeu nos comicios a maioría absoluta. Baltar non estaba disposto a abandonar o seu cargo na Deputación provincial nin o poder da súa familia en Ourense desde os anos 80, por iso agachou a cabeza ante os insultos recibidos nun pasado por parte de Jácome, como «psicópata», e ofreceulle a alcaldía. A actuación foi avalada polo presidente da Xunta de Galicia, o mesmo que, tamén nun pasado, considerou a Jácome como «letal» para Ourense.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail