A Coruña.- A descomposición do baltarismo tras a caída da dinastía familiar que lle deu nome en Ourense ao réxime caciquil que durante anos dominou a provincia está a gretar os cimentos do Partido Popular e complicando o traballo do sucesor de Manuel Baltar, Luis Menor. Ata o de agora, a súa dirección mostrouse incapaz de conter o malestar e os enfrontamentos internos entre militantes e altos cargos descontentos coa transición que el lidera.
O último episodio xurdiu por mor dunha críptica mensaxe colgada na súa conta de Facebook polo deputado autonómico por Ourense Juan Manuel Casares Gándara, expresidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro. Baixo unha foto cun cartel que reza «Coto Privado», Casares Gándara difundiu o pasado 14 de febreiro este texto redactado en galego e en castelán: «Sempre se me dixo que ‘reunión de pastores, ovella morta’. Con todo, teño unha dúbida, que ocorrería se a reunión fose de ladróns?».
Poucos minutos antes, segundo puido saber Luzes-Público, varios militantes de alto rango do PP ourensán reuníronse nun reservado do restaurante El Coto, no centro da cidade, para celebrar diante dun cocido os aniversarios de dous deles. Eran oito comensais: o exalcalde e candidato nas eleccións locais Manuel Cabezas; os concelleiros do grupo municipal da capital Inmaculada Moreiras, José Araújo, Jorge Pumar e Javier Rodríguez-Nóvoa; Carlos Castiñeiras, alto cargo da Deputación; o exdeputado autonómico e empresario Joaquín Muñoz, e o exconcelleiro e catedrático da Facultade de Dereito da Universidade de Vigo Miguel Michinel.

«É inaudito que un compañeiro de partido nos chame ladróns por reunirnos para comer. Quen se cre que é?», advirte un dos participantes na reunión, que pediu gardar o seu anonimato. Engade que adoitan celebrar esa comida todos os anos polas mesmas datas e que non houbo intención conspiratoria algunha contra Menor. Esa fonte lamenta que o post de Casares Gándara recibise varios «gústame» doutros militantes e altos cargos do PP ourensán, entre eles o do delegado da Xunta de Galicia na provincia, Manuel Pardo Cid, persoa da máxima confianza do novo presidente da Deputación.
Sen resposta
Luzes-Público tentou sen éxito falar con Casares Gándara para preguntarlle sobre o caso e sobre se realmente pretendía insultar os seus compañeiros. Á hora na que se terminou de escribir este artigo tampouco responderan á chamada deste diario o delegado da Xunta nin o equipo de comunicación de Luis Menor, ao que Luzes-Público se dirixiu para interesarse pola opinión do presidente da Deputación e do partido sobre o enfrontamento entre cargos da súa formación, e para preguntarlle se prevé adoptar algunha medida.
O regulamento de réxime disciplinario do PP considera faltas graves propagar noticias que desprestixien ou descualifiquen outros afiliados e difundir mensaxes que os menosprecen a través dos medios de comunicación e, expresamente, das redes sociais. Esas faltas castíganse coa suspensión de militancia de un a catro anos e/o coa inhabitalición para o desempeño de cargos orgánicos ou de representación durante o mesmo período. Casares Gándara ten 4.900 seguidores na súa conta de Facebook. Varios dos asistentes á comida estudan instar de parte a apertura dun expediente contra el e contra Pardo Cid se a dirección provincial non actúa de oficio.
«É inaudito que un compañeiro de partido nos chame ladróns por reunirnos para comer. Quen se cre que é?»
Luis Menor, alcalde de Pereiro de Aguiar, un municipio de 6.700 habitantes pegado a Ourense, accedeu á presidencia da Deputación en xullo de 2023 por decisión de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, tras a riada de escándalos derivados das sancións por exceso de velocidade de Manuel Baltar e as evidencias de prácticas corruptas que o obrigaron a renunciar a ela. Menor fíxose tamén coa presidencia provincial do partido a finais de outubro dese ano.
O novo líder do PP ourensán conservou no seu propio gabinete da Deputación a moitos e moitas dos funcionarios, funcionarias e altos cargos do círculo íntimo do seu antecesor, a quen segue premiando con gratificacións extraordinarias. Tamén seguiu pagando con diñeiro público as multas de Baltar, a cuxo chofer mantén como o seu condutor persoal e a quen mesmo tratou sen éxito de premiar coa xefatura do parque móbil do organismo, saltando algunhas normas elementais da regulación sobre a función pública.
Pacto con Jácome e alcaldes descontentos
Non puido facelo porque goberna en minoría, con 12 escanos de 25, e o PSOE (7), o BNG (3) e a Democracia Ourensana (DO) de Gonzalo Pérez Jácome (3) votaron en contra da súa proposta. Precisamente, Jácome é quen máis réditos está a sacar da descomposición do PP na etapa postbaltarista. É alcalde grazas aos votos populares no Concello, un acordo que foi xestionado en persoa pola secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, e que motivou a dimisión do exalcalde Manuel Cabezas, candidato á Alcaldía nas últimas municipais.
O pasado novembro, o PP aproboulle ao rexedor de DO varias polémicas modificacións orzamentarias por un valor conxunto de máis de 20 millóns de euros, que os populares se negaran a aceptar apenas dous meses antes. A ameaza velada de Jácome de que apoiaría unha moción de censura contra Menor na Deputación para darlla ao PSOE abondou para que o PP cambiase o sentido do seu voto dun día para outro, de xeito que lle regalou a Jácome un xeneroso alivio financeiro –os orzamentos de Ourense levan cinco anos prorrogados– .

Segundo fontes internas do partido, a estratexia de Menor desgusta a parte da militancia local, que cre que o PP debería entrar a gobernar con DO para evitar, polo menos, que Jácome siga crecendo electoralmente vendendo en solitario éxitos de xestión baseados en parte na alfombra vermella que lle ofrecen os votos do grupo municipal popular. Tamén alertan da división deste entre unha facción da que forman parte varios dos asistentes á comida do pasado venres e, case en solitario, a edil Ana Méndez, designada portavoz e coordinadora o mes pasado por orde do presidente provincial, e de quen se sinala a súa proximidade persoal, precisamente, co deputado autor do polémico post que chamaba ladróns aos seus compañeiros de formación.
Ao enfrontamento na capital da provincia únese tamén o descontento de moitos alcaldes e concelleiros da provincia afeitos a gozar da Deputación de Baltar un trato preferente que con Menor estarían deixando de recibir. De feito, as fontes consultadas por Luzes-Público advirten de que algúns deles estarían a valorar a posibilidade de recuperar Centristas de Ourense, a formación rexional formada polos alcaldes da antiga UCD de Adolfo Suárez tras a desaparición do partido, logo absorbida polo PP e da que provén a saga dos Baltar. Mesmo unirse á Democracia Ourensana de Jácome.
De feito, DO non deixa de medrar, non só na capital provincial, senón en moitos municipios da provincia onde o rexedor xa dispón de estrutura partidaria que lle vai rendendo un aumento sostido de apoios elección tras elección, a costa, principalmente, do PP. Dos 12.673 votos que obtivo na provincia –o 6,9%– nas eleccións locais de 2019, DO pasou a 19.411 –o 11%– en 2023. Na súa estrea nunhas autonómicas o febreiro pasado, Jácome gañou un escano no Parlamento de Galicia con preto do 9% dos sufraxios na provincia e case o 18% na capital, por riba do PSOE e co PP de Menor con dez puntos menos que nas autonómicas anteriores.