Noticia bomba

As burradas dos fascistas sempre dan boas portadas. O Elon Musk facendo un saúdo nazi foi a comidilla do planeta. Cando Trump dixera que a lixivia era boa para eliminar a Covid, as súas palabras apareceran nas capas dos xornais de todo o mundo. Hai unhas semanas dixo que habería que facer unha limpeza étnica en Palestina e Gaza, e construír un resort no Oriente Medio. Antes tamén comunicou que o accidente dun avión e dun helicóptero fora culpa da contratación de persoas con discapacidades e de xente que sufría de ananismo. Os grandes culpables de todos os problemas da América trumpista son os emigrantes. Tanto dá que levanten a economía do país todos os días. A cuestión é que aparezan nas noticias día si e outro tamén, xa sexa como detidos, deportados ou como responsables dalgún crime brutal. E aínda se o asasino non fose emigrante, dá o mesmo, digamos que si. E logo que veña The New York Times a desmentir o que xa quedou cravado nas mentes da cidadanía.

O de Trump ou o do AfD alemán (son a mesma merda en distinta lingua) trátase de montar boureo: tirar cohetes e crear noticias bomba. Canto menos sentido teñen as súas palabras, máis atención se consegue. A estratexia é aparecer na prensa si ou si. Ser continuamente parte da cháchara da cidadanía, das televisions nacionais e internacionais, dos chíos, etc. No caso de Trump, non se trata só de que este fulano tivera antes un programa de televisión, nin tampouco de que pareza sufrir un narcisismo insubornable. A ultradereita mellor chamarlle polo seu nome: o fascismo sabe ben o que está a facer.

O obxectivo é ser a mensaxe, diga o que diga esa mensaxe. A meta é estar sempre aí, non deixar de apelar ao subconsciente da cidadanía de andar por casa. O AfD alemán fai exactamente o mesmo, mais este partido é máis nazi ca os mesmos nazis. O partido francés Lepenista non o deixou formar parte da unión dos patriotas europeos (Patriotas por Europa, que reúne os ultras de Europa) porque o consideran demasiado radical. Hai unhas semanas, o AfD meteu tickets de avión fake nos buzóns de xentes con apelidos que non soaban como alemáns tradicionais. Os tickets invitaban o emigrante en cuestión a dispoñer dun asento no avión que os ía deportar. Iso foi moi parecido ao sinalamento dos negocios xudeus que fixeran os nazis. Por suposto, a acción saíu nas portadas de todos os medios. Dá o mesmo que sexa unha acción desprezable; o asunto é crear noticia. Tamén os axuda politizar calquera atentado que ocorra no país. O último ataque do 15 de febreiro en Múnich, perpetrado por un emigrante afgano e que deixou unha nai e unha nena mortas, foi un agasallo para o partido de Weidel.

O manual de propaganda de Goebbels nunca pasou de moda. Vai de apelar ás emocións: os emigrantes van levar os traballos de todos, comen as mascotas da cidadanía, os últimos vanlle quitar os traballos aos penúltimos… Repetir e repetir a mesma merda unha e outra vez: os programas DEI (Diversity, Equity, Inclusion) teñen a culpa dos accidentes de aviación, da disminución do número de soldados no exército de EE.UU., fagamos unha América grande outra vez…

Pode que as eleccións do domingo poñan patas arriba o Reichstag. Os partidos principais, CDU, SPD, os verdes e o AfD (agora a segunda forza política) non falan doutra cousa que dos emigrantes. O país sofre unha recesión galopante dende hai tres anos, mais a culpa de todo é dos emigrantes. O maquiavélico AfD de Alice Weidel tivo a astucia de manexar o rumbo do discurso político cara a este asunto. Os demais partidos caeron nas súas redes, tendo que denunciar as deportacións masivas, falando constantemente do tema da emigración, culpando a mutti (a nai, como chaman a Merkel) do gran problema do século XXI. E aínda que hai tempo que todos os partidos fixeron un brandmauer (un cortalumes) contra a ultradereita, co compromiso de nunca gobernar co AfD, o partido de Merkel, o CDU,  agora liderado por Merz, apoiara un proxecto de lei de migración xunto co AfD. O salto polos aires dese brandmauer foi o maior escándalo político dos últimos meses. Pero aínda houbo máis portadas. O vicepresidente oficial de EE.UU., JD Vance, visitou Alemaña hai uns días para dar o seu apoio a estes nazis. O curioso é que visitou o campo de concentración de Dachau e, despois, dixo que había que darlle unha oportunidade á extrema dereita. Pois iso: noticia bomba.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail