A Policía móstralles aos alumnos dun instituto de Ourense un cartel xenófobo de Vox como exemplo de liberdade de expresión

A Coruña-. A Policía Nacional exhibiu a semana pasada un cartel xenófobo de propaganda electoral de Vox a alumnos de terceiro e cuarto curso de ESO dun instituto de Ourense para explicarlles que é a liberdade de expresión. Ocorreu durante unha charla sobre prevención e detección de delitos de odio impartida por dous membros do Corpo Nacional de Policía (CNP), nunha actividade organizada polos ministerios de Interior e de Educación a solicitude do propio centro, cuxa titularidade corresponde á Xunta de Galicia.

Segundo explicaron a Luzes-Público fontes próximas ao profesorado do Instituto de Educación Secundaria (IES) 12 de Outubro, trátase do mesmo pasquín que a formación ultradereitista difundiu nas súas redes sociais en abril de 2021 e que empregou como cartelería de campaña nas eleccións á Asemblea da Comunidade de Madrid de maio dese ano. Mostra a imaxe dunha muller maior de pel branca con mirada baixa e aspecto compunxido fronte a un home de tez morena, encapuchado e co rostro semioculto por un pano, que parece mirala ameazante. Entre eles, esta lenda: «Un mena [acrónimo de menor estranxeiro non acompañado] 4.700 euros ao mes. A túa avoa 426 euros de pensión/mes. Vox protexe Madrid. Vota seguro».

A Fiscalía e o PSOE denunciaron a Vox nos tribunais acusando a formación de Santiago Abascal dun delito de odio, pero a xuíza de Instrución arquivou a causa ao non apreciar na mensaxe «a intensidade necesaria para xerar un risco» aos nenos e nenas migrantes non acompañados «nin a ningún outro colectivo». O Artigo 510 do Código penal español tipifica como delitos de odio a promoción pública da discriminación, hostilidade ou violencia contra grupos ou persoas por motivos de raza, ideoloxía, relixión, etnia, sexo, orientación sexual ou discapacidade, etcétera, incluíndo a difusión de material que as fomente. A Audiencia Provincial de Madrid, con todo, rexeitou as apelacións e avalou a legalidade dos carteis de Vox alegando que os menores migrantes non acompañados «representan un evidente problema social e político», e que a formación ultradereitista só difundiu un «eslogan electoral» que non contén «ideas a prohibir», nun «contexto de lexítima loita ideolóxica-partidista».

Mentiras e mensaxes de odio

Segundo denunciou a Confederación Intersindical Galega (CIG) –o maior sindicato de Galicia, tamén na educación pública–, os funcionarios do CNP que acudiron o mércores pasado ao IES 12 de outubro explicaron aos alumnos que a difusión da mensaxe contida no cartel de Vox contra os menas, que lles mostraron, non constitúe un delito de odio, porque así o considerou a Xustiza, senón que forma parte do dereito fundamental á liberdade de expresión. A secretaria nacional de educación da central, Laura Arroxo, engade que os funcionarios non explicaron aos alumnos a polémica que provocou o cartel, nin que a insinuación de que os menores migrantes cobran axudas de 4.700 euros mensuais é mentira, nin que a cifra da suposta pensión da avoa se refire a unha contía mínima de prestacións que se moven nun arco que, no caso da pensión máxima, alcanza os 3.359 euros mensuais.

«Resulta absolutamente grave e incomprensible que o alumnado dos centros educativos galegos estea a recibir mensaxes de ideoloxía neofascista, mencionándose de forma expresa un partido político de ultradereita que a nivel estatal está a dar a batalla cultural pola hexemonía ideolóxica, tentando condicionar a axenda mediática e política e adoptando para conseguilo estratexias de provocación constante a través de fake news», engade a responsable de educación da CIG. Segundo o sindicato, un dos e das docentes que asistían á charla manifestou a súa contrariedade polo uso do cartel e sostivo que se podía explicar a liberdade de expresión sen necesidade de exhibir propaganda xenófoba de partidos políticos a alumnos e alumnas de entre 14 e 16 anos. Os policías respondéronlle en ton airado, e o profesor decidiu entón abandonar a sala onde se celebraba a charla.

«É incomprensible que o alumnado dos centros educativos galegos estea a recibir mensaxes de ideoloxía neofascista»

A Delegación do Goberno en Galicia difundiu un comunicado no que afirma que o programa baixo o que se organizou a charla na que se exhibiu a cartelería de Vox está a ser «un éxito», con máis de 5.200 actividades en máis de mil centros escolares e máis de 150.000 participantes só en Galicia. E detalla que para levalas a cabo se «elaborou e empregou material didáctico específico para explicar que condutas poden constituír este tipo de delitos, como identificalas e cales son consígnalas e actitudes que forman parte dos mesmos». «Precisamente por iso, a Policía Nacional empregou na actividade unha campaña [de propaganda] electoral para explicar con claridade que condutas cruzan a liña delituosa e dotar o alumnado de ferramentas para rexeitalas e denuncialas».

«Facemos un chamamento á prudencia e á responsabilidade, evitando interpretacións erróneas ou alarmistas que non se corresponden coa realidade destas formacións [actividades], cuxo único obxectivo é previr, informar e promover a convivencia, sempre en colaboración coa comunidade educativa», di a Delegación do Goberno, que, con todo, non quixo responder a Luzes-Público preguntas concretas sobre se a policía está a ensinar o cartel en máis institutos e difundindo o relato de que a mensaxe de Vox contra os menas é un exemplo do exercicio lícito da liberdade de expresión, e non unha sinalización dun colectivo en concreto fundamentada unicamente na orixe estranxeira das personas que o forman.

A Xunta anuncia que investigará o caso

A Delegación do Goberno, que dirixe Pedro Blanco, limitouse a remitirse ao comunicado e derivou calquera consulta ou dúbida aos servizos de prensa do Corpo Nacional de Policía, que á hora na que se terminou de redactar este artigo non responderan ás chamadas e mensaxes deste medio.

Pola súa banda, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formnación Profesional da Xunta asegurou a Luzes-Público que, aínda que a charla dos funcionarios do CNP se enmarcaba nunha actividade promovida e organizada pola Administración central, a inspección educativa galega vai proceder «a realizar as investigacións correspondentes para garantir, como non pode doutra forma, a neutralidade ideolóxica». A Consellería non quixo con todo valorar o ocorrido.

Este medio tamén contactou coa directora do IES 12 de Outubro, Ana González, quen non quixo nin confirmar nin desmentir a denuncia da CIG, nin facer declaración algunha, argumentando que se trata dun «problema interno do centro que nunca debeu saír fóra del». O IES tamén negou que se fose a celebrar a tarde do pasado martes unha reunión extraordinaria do claustro escolar para abordar o sucedido, senón só unha reunión de coordinación pedagóxica sen relación cos feitos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail