Santiago.- Miles de persoas manifestáronse este domingo en Santiago para protestar pola xestión da Xunta na crise dos pellets do mercante Toconao e para reclamar ao Executivo galego que poña de inmediato medidas en defensa das rías e do sector pesqueiro e marisqueiro, que leva anos denunciando a desidia na vixilancia e o control ambiental das costas galegas.
Baixo o lema «En defensa do noso mar», a concentración estivo apoiada por un total de 125 colectivos ecoloxistas. organizacións profesionais e confrarías de pescadores e mariscadoras; voluntarios que levan un mes recollendo pellets nas praias sen axuda institucional; asociacións veciñais e culturais así como os principais sindicatos do país, entre eles CIG, CCOO, UXT e CUT.
A marcha deu comezo na Alameda compostelá, no límite entre a zona nova e o casco antigo da cidade, cuxas rúas percorreu ata chegar á praza do Obradoiro, fronte á catedral. Alí leuse un manifesto no que se repetiu o lema que coreaban os manifestantes, «Nunca Máis», sobre o que hai 21 anos se estruturou a resposta cidadá á crise da marea negra do Prestige.
O acto estivo conducido pola actriz Isabel Risco, con música de Zeltia Irevire. O manifesto lérono tres mulleres: María Porto Maneiro, presidenta da Agrupación de Mariscadoras a Pé de Carril (Pontevedra), Sandra Lorenzo e Sandra González Pousada, dúas das centenares de voluntarias que recollen estes días os restos da vertedura autoorganizándose mediante grupos de Whatsapp.
«A Xunta de Galicia minimiza os problemas, ignora os datos científicos e non resolve máis que con mentiras e incompetencia
«A chegada masiva de pellets mostrou unha vez máis como a Xunta de Galicia minimiza os problemas, ignora os datos científicos e non resolve máis que con mentiras e incompetencia», dixeron.
Na marcha tamén estiveron membros do Comité Intercentros da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CTVG), que apoiou expresamente a protesta e cuxos traballadores denunciaron a onda de mentiras e manipulación que, ao seu xuízo, desenvolveu a dirección política dos medios públicos de comunicación de Galicia para ocultar a transcendencia da vertedura e a inacción da Xunta, seguindo unha estratexia partidista destinada a protexer os intereses electorais do PP para os comicios autonómicos do próximo 18 de febreiro.
«Este Prestige ‘de luva branca’ cuxos efectos nocivos perdurarán décadas no medio, mostra o fracaso de todo o que se debía aprender hai 20 anos, e dos sistemas operativos de seguridade marítima, tanto do Salvamento Marítimo dependente do Estado Español como do Servizo de Gardacostas dependente da Xunta de Galicia», continuou o manifesto.
«Estamos aquí para reclamar da Xunta e do Estado coordinación para actuar, transparencia na información, a retirada dos sacos de pellets no mar e a achega de medios para recollelos na costa», engadiron as voluntarias, que reclamaron medios de protección adecuados para os voluntarios, contedores específicos para depositar os pellets e «transparencia sobre a toxicidade dos materiais e os seus efectos sobre a saúde e os ecosistemas mariños».
«Non podemos permitir que o noso mar, que os océanos, se convertan nunha entulleira de plásticos. Esiximos á Unión Europea e á Organización Marítima Internacional que declaren os pellets de plástico como mercadoría perigosa», subliñaron.
A manifestación prodúcese só catro semanas antes de que se celebren as eleccións autonómicas. A crise dos pellets levou ao PP o medo a que as dúbidas sobre a xestión de Alfonso Rueda e as mentiras e as declaracións incongruentes dos seus conselleiros motiven de novo a indignación cidadá e promovan unha mobilización masiva do voto de esquerdas.
«Non podemos permitir que o noso mar, que os océanos, se convertan nunha entulleira de plásticos»
Rueda preparara unha campaña de perfil baixo na que pretendía suplir a súa falta de carisma e coñecemento no electorado mostrando unha imaxe amable e mesmo retranqueira, unha estratexia que se veu abaixo diante da indignación cidadá derivada da constatación de que o seu Goberno actuou tarde e mal fronte á vertedura, tentou ocultalo e posteriormente limitouse a botar balóns fose responsabilizando ao Goberno central.
Antes de que os pellets se convertsesen en portada dos telexornais e xornais estatais, as enquisas auguraban que o PP perdería entre dous e tres escanos da súa maioría absoluta -ten 42 nun Parlamento de 75 deputados-.
Na marcha tamén se puido ver ás líderes da oposición galega e candidatas á Xunta: Ana Pontón, do Bloque Nacionalista Galego (BNG), José Ramón Gómez Besteiro (PSOE), Marta Lois (Sumar) e Isabel Faraldo (Podemos). Tamén estivo a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz.