Palexqueras

É sorprendente como traballan, ás veces, os mecanismos da mente. Lembraba eu estes días unha anécdota crucial na historiografía virtual coruñesa, a raíz do recente falecemento do arquitecto Ricardo Bofill, pai, entre outras, desa infamia ineludible polo ollo humano que brinda as costas ao bordo litoral da Coruña e priva a coruñeses e visitantes, como opaca carne de burro, da contemplación do mar. Falamos, como non, do Palexco, sempre acompañado do seu veciño inseparable, o lindeiro Puerto Centro de Ocio, e que houbo quen quixo situar como «o Guggenheim coruñés», que Francisco Vázquez cualificou de cutre, que Bofill erixiu seguramente en vinganza contra os que non quixeron executar o seu proxecto de redeseño da Dársena e que Marta Otero agarda ver reducido a escombro máis cedo que tarde. Porén, non podemos negar, mal que nos pese a moitos, o impacto que esa estrutura tivo, durante anos, no ocio, as relacións e os costumes dos adolescentes coruñeses que encararon a puberdade entre 2007 e 2017. Ano arriba, ano abaixo.

Nesa década inesquecible, os mozos e mozas da cidade decidiron adoitar o consenso de gastar o seu tempo libre arredor dese edificio, ben de merenda e conversa no McDonalds do andar superior do outrora centro comercial, hoxe receptáculo de pubs e discotecas, ou ben dando as súas primeiras caladas e tomando parte en liortas na súa explanada exterior. A mocidade despreocupada botaba as findes, como abellas arredor da colmea, entre aqueles dous edificios, ata tal punto que os usuarios da senda resultante deron en acuñar un termo: os palexqueros e palexqueras, un concepto paraugas que abranguía unha conxunción de tribos sociais que nada tiñan que ver entre elas salvo o espazo que compartían, e que chegou a ser coñecido e empregado alén dos nosos sempre polémicos marcos. Como xa adiantei ao principio deste capítulo, o pasamento de Bofill, e o rexurdir da conversa en torno ao seu edificio herculino máis célebre, levoume a min a lembrar un transo que non foi alleo a ningún coruñés que tivese redes sociais alá polo 2013.

Fachada do Palexco, no Porto da Coruña. Fonte: Palexco

Refírome á trama das Fotos Palexqueras. Así, con cerimonial maiúscula. Vouno explicar brevemente para quen non tivese a ¿sorte? ¿desgraza? ¿oportunidade? de vivir aquel episodio inesquecible: durante arredor dunha semana, un feixe de imaxes de mozas espidas duns 15 ou 16 anos, case todas elas veciñas da cidade, percorreron sen cuartel, coa velocidade dos tempos de hoxe, os teléfonos móbiles de toda a rapazada coruñesa do momento. Eran imaxes, claro, que as propias rapazas mandaran, con mellor ou peor criterio e coas eivas de sensatez propias da idade, a un receptor que crían de fiar nun clima de confianza mutua. Esas rapazas tiveron que entender, do peor dos xeitos posibles, o trabucadas que estaban e o inocentes que foran ao compartir a intimidade con quen non o merecía. En poucas horas, todos tiñamos esas imaxes nos nosos terminais. Non houbo piedade para elas. Todos as compartimos (así, en primeira persoa. Sen escusas). Todos as reenviamos, comentamos, criticamos e fixemos mofa dun xeito que poucos, cos ollos de hoxe, quererían recoñecer. Eu penso que é de xustiza facelo, aínda que teña que ser case dez anos máis tarde. Empezando pola que escribe: se naquel momento eu, que entón debía contar 14 anos, tiven algún tipo de empatía con aquelas mozas, non o lembro.

Estes días, a colación do finado Bofill e a perversa estrutura saída da súa destreza, lembrei aquel episodio con tristura e vergoña. Nun momento de lucidez, revisitei o hashtag de Twitter que usaramos daquela para compartir chanzas, memes, comentarios e insultos sobre o suceso, e que mesmo fixeramos Trending Topic na comarca o día de autos. Non son nin fun nunca muller de números, pero unha ollada superficial dá para extraer sen moita dificultade que en torno ao 95% de comentarios ao respecto son para facer charabisca da situación, ás veces, de xeito inocente, pero, outras, cun ton que moito se asemella á crueldade.  Outros pedían as imaxes sen pudor ningún, e mesmo propoñían intercambios das fotografías como se fosen cromos de Panini. Os medios serios que se fixeran eco da situación mesmo xulgaron boa idea empregar nas súas novas o hashtag coa que unha cidade enteira lles fixera bulliyng a cara descuberta a unhas rapazas menores de idade que tiveran a torpeza de confiar nun atallo de indesexables.

Algúns dos comentarios que se poden ler aínda hoxe no hashtag

Quen aínda permaneza escéptico ou pense que estou esaxerando, pode facer o mesmo ca min e revisitar ese hashtag, no que atopará de todo: contas agora inactivas que no momento se ensañaron a gusto con aquelas mozas, e cuxos donos moi probablemente xa non lembrarán o contrasinal para eliminar aquel pasado bochornoso. Outras contas seguiron en uso, e hoxe amosan un perfil moi diferente, con humor branco ou mesmo de marcado ton feminista. Sexa como for, e salvo que @Jack decida facer un borrado xeral da hemeroteca e librarnos a todos desa responsabilidade da que ninguén quere asumirse partícipe, o contido dese cancelo quedará para a posteridade como unha sorte de muro da vergoña, unha exposición permanente da peor cara que un día fomos quen de amosarlle a unhas rapazas inocentes.

Toca falar desas mozas, hoxe xa mulleres. Eu non sei que foi delas, pero podo tratar de facer un exercicio de empatía e poñerme na súa pel e sentir o que elas deberon sentir naquel capítulo escuro, e, con todo, non podo imaxinar a ansiedade e o desacougo que lles debeu acompañar naqueles días nos que non só a súa intimidade quedou de portas abertas ante milleiros de persoas, senón que tiveron que soportar, aínda por riba, o escarnio e a inquina de toda unha sociedade que lles virou as costas e lles negou a comprensión no seu momento máis vulnerable.

Rigoberta Bandini ensina os peitos en directo durante unha actuación musical

Lembrar este episodio deixoume, polo menos a min, dúas lecturas importantes. A primeira: a sociedade dos coidados, do discurso da saúde mental e que aplaude aos pezóns á vista de Rigoberta Bandini non pode esquecer o que lles chegamos a facer a unhas mozas adolescentes os que hoxe presumimos de integridade. A segunda e fundamental, e ante o catastrofismo habitual do reaccionario «antes eramos mellores», cuspo un rotundo e definitivo NON: basta reler os comentarios daquela ignominia colectiva para decatármonos de que hoxe isto non sucedería de xeito ningún. Hoxe, a sociedade protexería a aquelas mozas e censuraría calquera intento de facerlles dano. Non habería un hashtag. Hoxe, acompañaríamos e comprenderíamos ás vítimas no canto de tirarlles enriba aínda máis carga da que xa tiveron que aturar.

Evolucionar é lexítimo e, sen dúbida, o desexable, pero non podo deixar de pensar que as consecuencias da nosa inconsciencia recaeron directamente sobre os ombreiros daquelas mozas coruñesas que nin de lonxe merecían semellante execución popular na praza pública. A elas, que tiveron o valor de seguir coas súas vidas despois de aquilo, debémoslles unha desculpa. O que aínda non teño claro é se, despois de todo, nós merecemos o seu perdón.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail