Machirulada facha, erotismo gai

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

A iconografía Village People do tipo máis fotoxénico do asalto ao Capitolio trae consigo una certa inquedanza: darlle unha volta á explotación que fai a ultradereita da machirulada. Do que tamén dá en chamarse «hipermasculinidade», unha derivada da sexualización social, que tantos detractores ten entre certas capas ilustradas, pero que tan presente está na maioría.

Imaxe do Instagram de Santiago Abascal

Unha veta que tamén explota con éxito o neofacha Santiago Abascal. Mensaxes puramente emocionais baseados no culto ao corpo, a potencia muscular e deporte constante. Un estilo de vida onde convive o tabaco puro, as montañas nevadas e as sentadiñas, cunha estética castrense combinada co catolicismo militante e unha épica de batalla… Looks variados pero sempre estudados e impolutos, con alta calidade fotográfica. Quizabes algo torpe a bordo dun despacho, pero incluso iso ten mensaxe: «tranquilos, non serei un burócrata común, senón o voso guía, o voso heroe, o voso home de acción». Home. E de acción.

Neo Búffalo Bill. Torso ao aire, aventura, casco, simpática cornamenta de bisonte, xenerosamente tatuado. Unha doce cara nórdica cara pintada coa bandeira imperial, pródiga en acenos desbordantes. Faise chamar O lobo de Yellowstone. Un máis de entre a Corte dos Milagres que entrou sen demasiada dificultade na cámara americana. Ex militares, gamers, proarmas, freaks variados, homes e mulleres de reparto con Trump na mirada, e ata un ex do Barça de basket, David Wood, que disque estaba alí para rezar. Jake Angeli, o rubiales preocupado pola rede de pederastia demócrata, era moi consciente de regalar ao mundo un espectáculo mediático político categoría premier. Puro solombo, do que máis mola a calquera cámara global.

O ex barcelonista David Wood tocando o corno (un shofar, instrumento litúrxico xudeu)

Por que o Instagram de Abascal ben podería ser un perfil de Grindr? Por que Angeli, co seu atrezzo camel, podería subirse á carroza do Orgullo sen cambiar nin un pelo do seu corpo? Molestan esas coincidencias?

Claro que molestar non molestan a ninguén, por suposto. Cada quen é dono do seu aspecto, da imaxe que desexa ofrecer de si mesmo, sexa consciente ou inconscientemente.

Pero existen paralelismos evidentes entre a machirulada ultra e a hipermasculinidade gai. A diferenza reside no comportamento infantiloide do facherío, mentres que a nación gai fai desa bandeira un xogo erótico divertido, inocuo e morboso. Se acaso, algo consumista, certo. Pero a diferenza é abismal. Propaganda neofascista vs. líbido alterada. O que para nós é un ingrediente do pracer, para eles é potenciar a súa absurda visión supremacista.

«Todos os líderes políticos achegan nos seus perfís públicos una certa dimensión sexual», di un meu caro amigo. «Pero a case todos lles falta un argumento: o camp, que é o que converte a Abascal en singular. O que pretenden é crear imaxes heteronormativas, pero sempre hai detalles da cultura LGTB presentes». Sobre Buffalo Bill «resulta sexy porque é un tipo aguerrido, básico, físico, que se presenta no centro do poder mundial cun disfrace propio do entroido de Cádiz, e a moitos se lles nubla a vista porque está tan excitado que marca paquete, unha imaxe básica de animal que che leva directo aos xenitais».

O lobo de Yellowstone, ouveando

O xénero facha ten necesidade de mirar sempre para arriba. Para Deus, para o líder, que é como a encarnación de Deus, aínda que agora non se atrevan a tanto. É o sustento das súas verdades irracionais, dos seus argumentos, do seu sentido da autoridade bruta, que sempre conduce a dogmas irreprochables. E hoxe, por suposto, unha deidade compartida co poder do diñeiro, por iso son liberais a morrer, anticomunistas viscerais.

Na súa cosmovisión hai unha orde natural das cousas: «No código fascista, os homes son superiores ás mulleres, os soldados aos civís, os membros do partido aos que non o son, a propia nación ás demais, os fortes aos febles e os vencedores da guerra aos vencidos», tal como recolle o politólogo William Ebenstein nalgún dos seus retratos do fascismo.

É aí onde entra en xogo a exaltación da hipermasculinidade do líder convertida en pura mensaxe emocional. Convén subliñar que estamos a falar do relato que acompaña á persoa, non da persoa en si. Só lembrando a lenda do Generalísimo Franco, Caudillo por la Gloria de Dios, comparada coa súa voz de pitiminí pódese entender esta diferenza.

Pero que acontece cando os líderes son quen de combinar o seu propio corpo cos valores da bestial dozura suprema? Pois que o personaxe ten gañado parte do seu argumento. Por iso ao potenciaren a súa visibilidade explotan ao máximo eses valores. Un relato importante neste tempo político, co xornalismo desaparecido e batallas que se libran en Twitter ou Instagram. Corpo, actitude, estilo de vida e look que conecta as tendencias vitais máis actualizadas co tradicionalismo máis ultra.

Os e as fachas nunca se recoñecen como tal. Loxicamente, moléstalles que lles chamen así, pois a palabra está moi chea de merda, que compensan con detalles de dixestión rápida como introducir un inmigrante negro nas listas electorais ou falar da «muller, muller», esa que sempre está detrás do superhome. Pero no fondo, viven no fascismo eterno, naquel que desconfía radicalmente do outro e considérase superior a todo.

Xa non falamos das opinións ao redor de grandes asuntos como a desigualdade humana, o dereito á saúde e á educación, as fendas de xénero, o cambio climático, a explotación do sur, os estragos económicos da globalización, o comportamento bélico de Tío Sam esnaquizando países enteiros ou as experiencias disidentes do capitalismo. Non.

Paloma Parra, culturista nas listas de Vox por Leganés

Trituran os nobres conceptos feministas culpando ás propias mulleres das súas violacións; opóñense ao matrimonio igualitario ou a impedir a adopción. Criminalizan a eutanasia ou o aborto. Piden sen rubor a ilegalización de partidos. Senten quecementos paranoides co dominio das linguas peninsulares sobre o español. Babean cos borbóns e as herdanzas sanguíneas que deron continuidade ao franquismo. Soñan con potenciar aínda máis o estado nacionalcatólico.

E sobre todo, explotan o que Isaac Rosa chama «a cantidade de fascismo que conseguiron inocular» a moitas capas sociais non fascistas: a hostilidade ante as persoas refuxiadas, as deportacións, o rexeitamento da pobreza, o sálvese quen poida, o que hai do meu, o converter en negocio a saúde, a seguridade ou a educación, poñendo o lucro cesante sempre por encima das condicións de vida da xente. O odio, en definitiva.

Un comportamento infantilón e supremacista que ten as súas propias turbas: os exércitos de salvación que ao longo do mundo patean antifas, maricas, emigrantes pobres ou sindicalistas, exhibindo ese poderío brutalista, tatuado e macarra.

Aí é onde coinciden o cicelado Abascal e o morbosísimo Angeli. Un, convertido en audaz instagramer de testosterona desbocada, en falabarato de taberna. Outro, prota dun asalto ao Capitolio, emulando a algún heroe cinematográfico nun privilexiado estudio de acción. Convertidos en tiarróns, transformados en carnaza para públicos masivos. Caras dun machismo actualizado que se refuxia nas vellas trincheiras contra o politicamente correcto, aproveitando as renuncias e as contradicións da política de maiorías.

Folletos madridistas coa imaxe de Sergio Ramos

Abascal e Angeli reinarían no ecosistema gai sexualizado (un ecosistema onde existen outros moitos prototipos, aínda que non o pareza). Dúas caras que queren representar os valores dun mundo épico e grandioso. Con ese toque militarista, imperial, que á vez encarna todos os valores clasistas, racistas, homófobos e machistas. Corpos que, como tales obxectos, coinciden coa cegadora iconografía sexual de miles de homes gais.

A hipermasculinidade está moi estendida nos rangos de admiración e autoadmiración do mariconeo. Con todo, o que aquí se persigue non é, como no caso dos fachas, o delirio épico ao redor do seu modo de ver o mundo, senón un ideal de home con rotundo rigor masculino, afastado dos estereotipos feminizantes que cultivan e manifestan outra parte considerable do universo gai. As persoas que admiran a pluma, por exemplo.

Un fenómeno que non se circunscribe ao momento cachas, definición corporal ou cirurxía plástica. Unha interesante variedade da hipermasculinidade é a que representa o mundo bear, composto por múltiples familias que admiran a evolución natural do home, sen servidumes de ximnasio. Ambas as tendencias conflúen na etiqueta «musclebear», que adoita ocupar os rangos máis altos do retablo catedralicio.

E visitando aínda territorios máis intelectualizados, quizabes máis minoritarios, pero de altísimo nivel de exquisitez, chegamos ás tribos fetichistas. Un extraordinario ronsel de códigos que fan do lecer homosexual masculino un mundo cheo de posibilidades e situacións de pracer e satisfacción.

Por suposto, hai quen dramatiza en exceso todo este abanico de comportamentos. As actitudes, os escenarios para desenvolver as máis variadas fantasías. Aqueles prototipos que xera a cultura de club, as festas autoorganizadas, o cruising, incluso os estilos de vida. Hai quen todo o viste de tormento e ve na liberdade dos demais unha dimensión patolóxica, pero o certo é que a inmensa maioría dos gais sexualizados levan aquí e agora unha vida bastante pouco problemática.

Tamén é frecuente preguntarse por que boa parte do público gai «compra» esa aguerrida fisonomía. Pode ser un produto da cultura heteropatriarcal, dos valores educativos que herdamos das tradicións familiares e sociais. Sexa como for, estes estereotipos conviven connosco e gústanos que así sexa. Pode ser que as xeracións futuras non entronicen de tal maneira a masculinidade extrema, pero iso só o dirá o tempo.

Sabido é que unha parte do universo gai entrégase a eses modelos supermachotes fuxindo da clásica estigmatización herdada do tradicionalismo —o binomio «homosexual-afeminado»—. Reprimir a parte feminina do home, a pluma ou o que se chama a «sensibilidade», motivaría esa suposta fuxida.

Touko Laaksonen (1920–1991) alias Tom of Finland

Sexa como for, o mariconeo dos 80 adoptou rapidamente como alegorías sexuais as caricaturas de Tom of Finland, artista de cabeceira da biosfera gai desde aquel momento. Unha estética popularizada polos Village People, que para a xente moza é pura arqueoloxía musical. Pero por moito que os novos fachas alimenten as súas redes con testosterona parecida, o mundo marica é a antítese destes cerebros-miseria.

Os precursores gais cultivaron a iconografía da masculinidade con esforzo, creatividade e contra o vento dominante, adorando aos seus propios deuses e tratando de parecerse a eles buscando encher as súas vidas de harmonía con linguaxes distintas ás dominantes. Urdiron novas formas de relación, afastadas dos clichés do momento, aínda que agora formen xa parte do imaxinario social. Foron conformando o mundo que lles apetecía, buscando con valentía, orgullo e paixón a vida que querían vivir, e creando símbolos que os representan.

Símbolos situados a anos luz das bandeiras supremacistas, da nostalxia imperial da Hispanidade, e de todo ese modo de visibilizar os escapularios de sempre que exhibe o novo facherío.

Sebastien Chabal, nos tempos de xogador de rugbi

En fin, que ser fan de Sebastien Chabal non é o mesmo que se este animal do rugbi, hetero e portentoso, integrase as listas de Le Pen, no canto de currar como modelo para o perfume Chabrol ou a casa Ruckfield.

Chabal, nunha performance no Hong Kong Stadium, en abril de  2019. Foto August Liu.

 

 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail